15 jul 2011

Investigación, formación e divulgación...


 No ecuador da nosa intervención no Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño comezamos a albiscar algúns resultados. Se ben índa non podemos afirmar nada no referido á funcionalidade do lugar, outros obxectivos  semellan estar no bo camiño como a labor formativa dirixida ós voluntarios ou a interacción coa comunidade local e cos numerosos visitantes da vila de Allariz, cun nutrido grupo de visitas recibidas tódolos días e a todas horas. Moito máis que arqueoloxíA.


14 jul 2011

#2# Proxecto Armea 2011: a corta dos carballos e a limpeza

 No vídeo anterior presentábamos o primeiro dunha serie de vídeos que iremos colando na nosa canle de YouTube co obxectivo de comunicar a evolución da nosa intervención no Monte do Señoriño en tempo real. Con tal, agora colamos as primeiras observacións do director do proxecto (A. Fernández), na boa compaña de Manuel Losada, no momento xusto de cortar os carballos e limpar a área afectada pola nosa intervención. Pronto máis e agardamos que mellor. ;) 



 Asemade, tamén podedes dar un paseo da mán deste arqueólogo polo xacemento en pleno proceso de limpeza no noso Facebook 

12 jul 2011

#1# Proxecto Armea 2011: o proxecto

 Velaquí o primeiro dunha serie de vídeos que iremos colando na rede na medida das nosas posibilidades. Non somos Scorsese pero o importante é ir contando en tempo real a evolución da nosa intervención no Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Pronto máis e agardamos que mellor. ;) 

4 jul 2011

Proxecto Armea 2011: nós tamén abrimos por obras...

 Seguindo a excepcional proposta do videoblog d@s compañeir@s da Lanzada, presentamos aquí o primeiro dunha serie de vídeos nos que tentaremos (na medida das nosas posibilidades) ir contando en tempo real a evolución da nosa intervención no Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). 

 Neste primeiro audiovisual Manuel Losada, responsable da descuberta do xacemento rupestre, e máis o director da intervención Adolfo Fernández comentan na fermosa tardiña do sitio o inminente inicio da intervención. Pronto máis e mellor.


1 jul 2011

Armea en RNE

 Na banda de reproducción inferior podedes escoitar unha pequena síntese das intervencións programadas por nós en colaboración cos arqueólogos David Pérez e Celso Barba no conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Ourense). 


(a partir do min. 13)
Fonte:
http://www.rtve.es/alacarta/audios/cronica-de-galicia/galiciaen-risco-extremo-incendioscronica-galicia/1142154/

29 jun 2011

«Finis coronat opus» 2

 Na entrada do 3 de maio de 2011, co gallo da reseña que o xornal Faro de Vigo facía da tese de doutoramento do noso compañero Adolfo Fernández, publicitábamos a súa pronta defensa perante tribunal*. A organización primeiro das xornadas sobre Cultura Castrexa en Xinzo e da intervención arqueolóxica das próximas semanas no conxunto rupestre do Monte do Señoriño (Armea, Santa Mariña de Augas Santas-Allariz), supeditou até hoxe a merecida difusión deste traballo calificado con Sobresainte Cum Laude. Con tal, e agardando unha pronta publicación do conxunto da obra, axuntamos aquí o resumo da obra en .pdf ofrecido polo autor. De novo Adolfo parabéns, e máis unha vez <<finis coronat opus>>.



* Fernández Ochoa, C. (UAM), Caamaño Gesto, J.M. (USC), Castro Pérez, L. (UVIGO), Michel Bonifay (CNRS), Rui Manuel Lopes de Sousa Morais (Universidade do Minho).

27 jun 2011

O xacemento do Monte do Señoriño de novo nos medios.

O conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea (Sta. Mariña de Augas Santas, Allariz) segue "dando que falar". Aquí fica o derradeiro artigo que saíu esta fin de semana na revista cultural Auria, suplemento do xornal La Región asinado polo arqueólogo Juán Manuel González Carballo e o xeólogo José Ramón Seara Valero. 

23 jun 2011

Proxecto Armea 2011: sobre as notas de prensa pre-intervención.

Por mor do "vórtice informativo" que de novo parece estar espertando nos medios de comunicación o proxecto de intervención arqueolóxica no conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea (Sta. Mariña de Augas Santas, Allariz); coidamos necesario -e máis unha vez- unha pequena crónica que aclare algunhas afirmacións que coidamos, cando menos, pouco atinadas. 

 Primeiramente, e a diferencia do que se cita nalgúns artigos (1), tal e como xa apuntábamos en entradas pasadas neste mesmo blogue, dende fai aproximadamente un ano o LAUV-GEAAT en colaboración co Concello de Allariz e o Museo Arqueolóxico de Ourense estábamos a implementar o procedemento necesario para recuperar o espacio arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea (Allariz, Ourense). Posteriormente, a propia entidade municipal de Allariz acordaría cos  arqueólogos David Pérez e Celso Barba a intervención no interior do propio castro  "tentando recuperalo para a súa visita" (2) e inserir o xacemento na ampla oferta cultural do Concello alaricano. 

 Os acontecementos precipitáronse cando o domingo 20/03/2011, Manuel Gago publicaba o xa famoso vídeo no que se daba a coñecer por vez primeira a estructura rupestre do Monte do Señoriño localizada tempo atrás por un veciño de Armea (Manuel Losada) e catalogada polo arqueológo Juan Manuel González Carballo, avisado pola Asociación de Estudios de Santa Mariña de Augas Santas. 

 Fora de interpretacións sobre a súa funcionalidade que analizaremos noutras entradas, este achado aceleraba a necesidade dunha pronta actuación na contorna. Agora non só co fin de revalorizar o conxunto, senón co obxectivo de protexer a estructura das numerosas visitas recibidas a posteriori de facerse pública a descuberta como apuntaba o teletipo da Axencia EFE e citado en numerosos medios dixitais. Así, dende o LAUV-GEAAT e baixo petición expresa do Concello de Allariz iniciamos os trámites para desenvolver esta actuación de emerxencia. Unha intervención programada para o mes de xullo. 

 En conclusión: 

1º) O Plan Director sobre o Conxunto Arqueolóxico, Histórico-Artístico e Natural de Armea non foi motivado pola aparición da estructura rupestre do Monte do Señoriño. A súa redacción índa está en proceso e require dun longo proceso de reflexión para garantir a necesaria multivocalidade do conxunto, permitindo tanto o seu estudio e conservación -requerido tanto pola Universidade como polo Museo Arqueolóxico- como o seu disfrute e divulgación apuntado polo Concello de Allariz e a propia comunidade local (Ayán et. al. 2011).

2º) A intervención que se practicará nas próximas semanas responde a dous obxectivos e espacios diferentes índa que necesariamente complementarios:

- a actuación xa apuntada por diferentes medios (3), practicada polo LAUV-GEAAT, cínguese ó Monte do Señoriño e procurará unha consolidación e interpretación das estructuras destapadas por Manuel Losada. Unha intervención que permitirá non só recuperar a información arqueolóxica dispoñible no xacemento, senón a súa correcta consolidación e exposición.
- por outra banda, e seguindo o programa de recuperación previsto (vid supra), os arqueólogos David Pérez e Celso Barba procurarán localizar e recuperar no interior do castro as construccións destapadas por F. Conde-Valvís Fernández a mediados do pasado século. Asemade realizarán diferentes sondaxes na croa procurando albiscar a secuencia de ocupación do xacemento. 


3º) Algúns escritos (4) falan dunha hipótese oficial que defende o valor cultual da estructura rupestre fronte outra máis funcional, tipo villae. Na nosa opinión non existe ningunha hipótese oficial. Tal e como apuntábamos no pasado os restos destapados a día de hoxe son todo e nada. Algúns investigadores como os catedráticos da USC Marco García e Antonio Rodríguez Colmenero -asesores científicos do proxecto- apuntan cara a primeira visión e outros como o propio arqueólogo que inventariaba o xacemento cara a segunda. Só unha intervención sistemática, baixo metodoloxía científica lonxe do estereotipo de Indiana Jones, podería axudar a solucionar este debate e  incluso esto podería non ser suficiente...polo que teremos que agardar... ;)


NOTAS:

20 jun 2011

Voluntariado Armea 2011

 Ábrese o prazo de inscrición para participar como voluntari@ na intervención arqueolóxica no Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz).




 @s voluntari@s participarán nunha intervención arqueolóxica que desenvolverá o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo-Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio entre o 4 e o 22 de Xullo na contorna do Castro de Armea sito na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). 
 @s participantes terán a posibilidade de formarse xunto ó equipo técnico nas labores de escavación, levantamento planimétrico, na conservación e restauro, rexistro e tratamento de materiais arqueolóxicos*.
 Os gastos de desprazamento (Ourense-Armea-Ourense) e máis a manutención correrá a cargo da organización. 
 Ofértanse 5 prazas. Para inscribirse enviar un correo electrónico a lauv-web@uvigo.es axuntando un breve Currículo Vitae ata o Luns 27 de Xuño de 2011.  

18 jun 2011

Unha escolma gráfica da xeira castrexa...

Algunhas fotografías do encontro de Xinzo, no Facebook tedes máis imaxes. ;)

7 jun 2011

O curso de verán nos media...


 Nestas dúas ligazóns podedes ver as novas sobre o Curso de Verán: "Castros do Interior: A Idade do Ferro do NO Peninsular a través do exemplo limiao" publicadas o 6 e 7 de xuño no Diario da Universidade de Vigo e na Voz de Galicia:

DUVI _   6/6/2011


La Voz _ 7/6/2011

 

6 jun 2011

...unha de romanos??

 Algo extraño acontecía hoxe na contorna de Armea. Nada máis chegar albiscábamos os balcóns e as galerías engalanadas con bandeiras, os colectores a modo de taboleiro de anuncios que informaban dunha eventual recadación, as vereas máis limpas do habitual e un grande número de persoas que semellaba procurar algo.


 Ó tempo que descendíamos o camiño cara o conxunto arqueolóxico o tronar de bombas  e o repicar das campás espertaba a nosa curiosidade e empurrábanos cara a Basílica da Ascensión case de forma inconsciente. Unha vez alí e o mirar os estandartes decatábamonos do día que era. Hoxe era o día no que se celebraba a famosa "Procesión dos Pendóns". Unha procesión de rogacións que percorre o camiño que hai dende a igrexa parroquial de Santa Mariña ata o castro de Armea. Un percorrido fixo e inalterable no tempo que funde tradición, lenda, historia e moita arqueoloxía. Tanta que ata os romanos nos acompañaron no noso camiñar.


 Nesta ligazón á Asociación de Estudios de Santa Mariña podedes mirar algunhas imaxes da procesión doutros anos: