23 mar 2011

"Tómate un respiro, tómate un proxecto de investigación"

  Por mor do vórtice informativo destos días no referido o achado na contorna de Armeá, en sintonía cos principios de visibilización e divulgación da labor investigadora que defendemos dende o LAUV-GEAAT, lonxe de calquer mostra de escurantismo que nada aporta a salvagarda e coñecemento do noso patrimonio; coidamos necesario unha pequena crónica de todo o acontecido ata agora. 
 Como era coñecido por tod@s dende fai aproximadamente un ano, e recollido nos medios* nos últimos meses, dende o LAUV-GEAAT-en colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense, o Concello de Allariz e os arqueólogos David Pérez e Celso Barba- estamos a implementar o procedemento necesario para recuperar o espacio arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armeá (Allariz, Ourense). Un xacemento, cunha riqueza simbólica sen parangón, esquecido nas últimas décadas pola arqueoloxía galega (González Soutelo, 2007). 

Guerreiro da Cibdá de Armea, Allariz
   O noso obxectivo pasa pola recuperación, estudio e divulgación non só das estructuras e materiais asociados ó xacemento arqueolóxico senón da memoria aínda viva do lugar. Estamos non só ante un xacemento cun potencial prometedor para comprender a evolución do poboamento dende a protohistoria ata os nosos días,  senón tamén ante un lugar de culto aínda vivo para a comunidade, polo que calquer intervención deberá contar coa súa aprobación e participación. Deste modo, o que pretendemos é visibilizar un dos enclaves patrimoniais máis ricos e complexos do Noroeste da Península Ibérica. Simplemente recollemos a chamada de atención lanzada xa por  F. Conde-Valvís Fernández (1950-1951; 1959), única persoa que ata o momento escavou no conxunto, quen recomendou a posta en valor dos restos destapados que, polo esquecemento xeral, foron esmorecendo ata desaparecer e hoxe mostrarse ilocalizables. Un obxectivo respaldado por moitos persoeiros da cultura galega e ourensá de onte e de hoxe, dende Ferro Couselo ata Fariña Busto (2002).

Planimetría escavación Conde-Valvís (1959)
 O pasado domingo 20/03/2011, Manuel Gago no seu fantástico blogue Capítulo 0 publicaba un vídeo no que amosaba da mán dun veciño de Armeá, Manuel Losada, o que el denominaba "posible santuario galaicorromano da cidade de Armea". Un xacemento de dificil caracterización catalogado pouco tempo antes  (20/02/2011) pola Asociación de Estudios de Santa Mariña de Augas Santas e o arqueólogo Juan Manuel González Carballo que o adscribía á época romana a partir da lectura dos poucos restos cerámicos detectados en superficie e algunhas "tegulas de tipo plano e fragmentos de imbrices". 



 A semente botada pola encomiable labor de divulgación de Manuel Gago daba os seus froitos en poucas horas cando unha morea de curios@s, especialistas ou non, visitaban de xeito virtual o achado do señor Manuel Losada. 
 Ó día seguinte a TVG, consciente da repercusión do vídeo e do propio achado, púxose en contacto con Manuel Gago para cubrir a nova. O xornalista de Capítulo 0, coñecedor do proxecto de investigación implementado para Armeá, derivou o contacto cara nós. Deste xeito, como ben dí Manuel Gago no seu blogue, "os arqueólogos puideron achegarse a Armeá a coñecer o lugar, pero tamén o conxunto da cidadanía puido informarse".


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 O vórtice informativo seguía medrando cando onte, 23/03/2011, de novo a TVG achegábase a Armeá para cubrir a visita de Francisco García, alcalde de Allariz, quen facía firme o seu compromiso co orixinario proxecto de investigación, agora integrando tamén o novo achado que será escavado con carácter de urxencia nos próximos meses.


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 ¿PERO QUE É EXACTAMENTE O ACHADO DO SEÑOR MANUEL LOSADA?

 A día de hoxe é todo e nada. Se ben é certo que a súa morfoloxía, as escadas, as canalizacións ... poderían ter paralelos nos denominados santuarios rupestres galaicorromanos como ben dí Gago, tamén é certo que poderíamos estar simplemente ante rebaixes funcionais, algún tipo de construcción productiva ou construccións habitacionais como apunta o propio Juan Manuel González Carballo na ficha do inventario. 
 O seu emprazamento apunta ademáis á zona con ocupación máis tardía, algo a ter en conta á luz da importancia do lugar como zona de difusión de igrexas prerrománicas, abundante documentación relacionada con Celanova e Ourense que falan dun poboamento aldeán maduro para o século IX como apunta o medievalista Alvaro Rodríguez. 
 É por todo que a día de hoxe, nun estado embrionario, nada podemos afirmar. Agardamos que tanto a intervención dos próximos meses, como a asesoría de diversos especialistas poidan aportar máis luz. Con tal, recuperando unha vella promesa: acendemos fachón dende Armeá. 


 Seguiremos informando. ;)






Agradecementos:
Queremos aproveitar este recurso para agradecer a Manuel Gago que contara con nós dende o inicio, ó Alcalde de Allariz pola súa confianza e compromiso na salvagarda, investigación e difusión do patrimonio, ós diferentes especialistas que colaboran desinteresadamente: Álvaro Rodríguez, Antonio R. Colmenero, Brais X. Currás, Sande Lemos... e especialmente a Manuel Losada, unha ledicia de persoa cun amor encomiable polo patrimonio.

Bibliografía empregada no texto:

Conde-Valvís 1959: CONDE-VALVÍS FERNÁNDEZ (F.) – Dos villas romanas de la Cibdá de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas, en Revista de Guimarães, 69, 1959, p. 472-500.
Fariña Busto 2002: FARIÑA BUSTO (F.) – Santa Mariña de Augas Santas, Serie: Guías do Patrimonio Cultural 7, Fundación Caixa Galicia-Grupo Marcelo Macías, 2002.
González Soutelo 2007: GONZÁLEZ SOUTELO (S.) – Dos yacimientos gallegos olvidados: Moraime (Muxía, A Coruña) y Armeá (Sta Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense), en Gallaecia, 26, 2007, p. 69-84.
Notas:
 

No hay comentarios: