28 dic 2010

Nova publicación: “As relacións externas da Gallaecia durante os séculos IV ó VII d.C. a traveso do material importado localizado en Vigo (Galiza)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que se analiza diacrónicamente as relacións comerciais do Noroeste dende o século IV ata o século VII a través do rexistro arqueolóxico.



 Fernández Fernández, A. (2011): “As relacións externas da Gallaecia durante os séculos IV ó VII d.C. a traveso do material importado localizado en Vigo (Galiza)”, en Pérez Losada, F. (Ed.) Hidacio da Limia e o seu tempo: a Gallaecia sueva/ A Limia na época medieval, Excmo. Concello de Xinzo de Limia (Biblioteca Arqueohistórica Limiá, Serie Cursos e Congresos nº5), Xinzo de Limia, 2011, ISBN 978-84-921946-9-8.

23 dic 2010

Mirámonos no 2011. Boas Festas!!!





 Sempre que remata un ano tendemos a facer memoria do que fixemos no pasado. A avaliar os 365 días como se algo fose mudar co cambio no calendario cara o mes de xaneiro. Facemos novas-vellas promesas como aprender un novo idioma ou ir ó ximnasio polas mañás. Ser mellores persoas, mellores amig@s, familiares, profesionais... 

 Pois ben, remata o 2010, un ano de crise, tesoiradas, wikileaks, perda de dereitos sociais, etc.; e no LAUV facemos a nosa particular avaliación do ano, neste caso de xeito gráfico para compartila con todos vós. Sirvan tamén estas imaxes para agradecer a colaboración e o interese de tod@s @s que colaborastes ou participastes en calquer actividade promovida polo LAUV creando entre tod@s un espazo común de traballo e aprendizaxe único. Moitas gracias de novo. 

 Agardamos que o vindeiro 2011, que enxergamos cheo de mudanzas como xa coñeceredes no seu día, sexa alomenos a metade de produtivo que o presente. Na nosa axenda fican algunhas datas chave como a viaxe de estudios arqueolóxicos a Turquía aló polo mes de marzo, a celebración da xa IIIª edición do Encontro de Estudios  sobre Cerámica Antiga do NOroeste Peninsular cara fin de ano, o curso de verán de Metodoloxía Arqueolóxica... e agardamos que moitas cousas máis. 

 Moita saúde e mirámonos no 2011!!

16 dic 2010

Nova publicación: “Rías Baixas and Vigo (Vicus Eleni)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que  a través do estudio da cerámica fina e das ánforas se presenta a importancia de Vigo, en particular, e as Rías Baixas, en xeral, como punto de referencia comercial na fachada atlántica dende época romana.


   Fernández Fernández, A. (2010): “Rias Baixas and Vigo (Vicus Eleni)”, en  Morais, R. & Carreras, C. (eds) The Western Roman Atlantic Façade: A study of the economy and trade in the Mar Exterior from the Republic to the Principate. ISBN 978 14073 0706 0, England, pp. 229-237.

13 dic 2010

Máis cabezas que medios.

 "En principio la investigación necesita más cabezas que medios".
Severo Ochoa

 Nun tempo de crise, coa privatización de servizos e a involución no sistema universitario inglés; nun tempo de nula inversión en I+D+i da nosa administración, co "colectivo" investigador galego a piques de esmorecer;  nun tempo onde a necesidade manda no mercado laboral, mudando a vocación por resultado; o axioma de Ochoa parece perder sentido. 
Cristina Fernández, Marta Lorén, Abraham Herrero e Aarón Lakinger. Parabéns ;)
 O pasado día 10 de decembro na fermosa cidade portuguesa de Braga parte da equipa xurdida ó abeiro do exemplar Proxecto Urdiñeira, do que xa temos falado neste blogue, presentaban dentro do 1º Congresso Internacional: Povoamento e Exploraçâo de Recursos Mineiros na Europa Atlântica Ocidental a súa comunicación: Unha aproximación etnoarqueolóxica ao traballo do estaño no val do rio Ribeira e a zona do Tameirón (A Gudiña, Ourense, NW Peninsular). Unha palestra, da que agardamos con inquedanza a súa publicación, que se sumaba ó rico debate sobre a producción metalúrxica do bronce no NO entre grandes especialistas xa consolidados de diferentes nacionalidades. Se cadra, na actualidade, o que fai falta son máis medios, ¿non?...  

9 dic 2010

Investigando aos investigadores

 O colega Xosé Gago, colaborador da atractiva serie sobre viaxes, cultura, arqueoloxía e patrimonio De Lorean de Bois no Galicia Hoxe,  vén de publicar unha reseña titulada Investigando aos investigadores que podedes consultar tamén no seu blogue. Nesta entrada fai unha interesante síntese do acontecido nas I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste celebradas na Facultade de Historia de Ourense os pasados días 18 e 19 de novembro.



 Sen entrar a avaliar os frutuosos debates derivados dos relatorios entre "modelos estáticos" e "dinámicos" que presenta e que a publicación das actas xunto cos vídeos das mesas redondas permitirá analizar con  máis calma, varios son para nós -a organización- os puntos chave resultantes dunha primeira lectura desta  mordaz e persoal visión do encontro e que vos resumimos a continuación:

_ a "faciana social" que segundo o autor agáchase neste tipo de eventos, corporativista e pechada. Un "mundiño hiperespecializado" afastado doutras realidades.

  (...)Calquera evento deste tipo, ten, por suposto, unha faciana social. Unha vertente socializadora, na que os diversos investigadores, aproveitan para poñerse ao día con antigos compañeiros de clase ou amigos. (...)

  _ a "faciana política intencionada" deste tipo de "cónclaves" onde o interese pola renovación das universidades mestúrase coa necesidade dos novos investigadores de proxectar os seus traballos cara o exterior, máis aló dos artigos en revistas, de novo especializadas.

 (...)Dentro do trazo social hai tamén unha vertente de escaparate. Unha faciana que podemos chamar “política”. Como é lóxico, para un investigador senior, é unha proxección pública importante a “foto” xunto aos novos investigadores. É coma unha foto dun político bicando a un neno. As canas ao carón das espinillas.
 Este tipo de eventos dan unha imaxe dinámica, de interese pola renovación, que sempre é de agradecer nas reladas universidades galegas, malia que non sempre teña que corresponderse coa realidade, pois trátase dunha proxección intencionada. (...)


 _ a importancia dos "individuos" por riba das institucións que organizan estes eventos. No caso da Universidade de Vigo cunha loanza, que compartimos, a nosa compañeira Bea Comendador.

(...)Como acontece sempre, quen marca a diferenza son os individuos, e a Universidade de Vigo ten a sorte de contar con Bea Comendador, unha rapaza que xa conta coa súa praza de profesora e que está chamada a facer grandes cousas dentro da institución. Só queda agardar que o rodo robotizador universitario non lle pase por enriba modelándoa ou provocándolle hastío, tal e como aconteceu noutros casos, mesmo na USC. Porque no fondo, o sistema investigador universitario é iso. Un sistema de popes e discípulos reproducionista. Un sistema de reprografía. Incluso entre os Novos Investigadores, detectamos certo perigoso conformismo. “Éche o que hai”. (...)
 

 En suma, verbas ácidas e críticas coas que cada quen poderá estar máis ou menos  de acordo pero derivadas dos propios obxectivos destas xornadas: dar que falar, comunicar, recibir, transmitir, avaliar, pensar e repensar... Dende o LAUV ficamos moi agradecidos do teu altofalante Xosé. ;)

29 nov 2010

¿Arquitect@s medindo corredores?. Non, arqueólog@s en prácticas.

 A nosa compañeira de grupo* Bea Comendador vén de remitirnos unhas fotografías  das súas prácticas na materia Arqueoloxía Xeral, imaxes que poñen en evidencia, de novo, a necesidade dunha titulación específica en Arqueoloxía no Estado español . Unha carencia formativa da que son vítimas en primeiro termo @s estudantes e titulad@s, e en segunda instancia a sociedade en xeral, que fica privada de profesionais cunha alta capacitación para protexer, investigar e divulgar o seu patrimonio. 
 
 No LAUV somos conscientes desta necesidade e nos últimos anos vimos procurando na medida das nosas posibilidades paliar o seu efecto cunha alta carga de formación extra-académica, máis aló dos curricula oficiais (obradoiros, conferencias, saídas de campo...). Actividades cunha alta demanda e cun alto grao de satisfacción por parte dos seus participantes que, ó igual que na imaxe, amosan o seu interese e ilusión por aprender, aínda que sexan un par de horas nos corredores da facultade e non nunha escavación arqueolóxica de verdade.
 






  *Grupo de Estudios Arqueolóxicos e da Antigüidade da Universidade de Vigo (GEAA) do que en pouco teredes novas e que fixa como un dos seus obxectivos prioritarios a  demanda dunha pronta consolidación de estudios sólidos en Arqueoloxía na Galicia.

25 nov 2010

Mafiosos do pasado...

 ...os nosos colegas do pioneiro Proxecto Arqueolóxico dos Castros de Neixón, fonte de inspiración para moitos de nós onde probamos as primeiras papas diso que etiquetan como Arqueoloxía Social, veñen de publicar no seu blogue unha entrada sobre as I Xornadas de Novos Investigadores do NO. Mafiosos do pasado é o acertado calificativo proposto para definir o frutífero encontro. Agardamos entón que o Restaurante Al Capone sexa o xermolo dunha nova forma de investigar e comunicar, lonxe de sectarismos e escurantismos doutros momentos. Sexamos mafiosos do pasado contra os mafiosos do presente.

Obrigado Xurxo polas boas verbas. ;)


+ info: http://neixon.blogspot.com
 

16 nov 2010

NOVAS DA VIAXE DE ESTUDIOS ARQUEOLÓXICOS TURQUÍA 2011

  Mor a numerosos problemas de xestión da viaxe a organización coida oportuno mudar a data da viaxe ata a "Santa Semana" de 2011, o que aumentará o orzamento inicial entre 80/100 Eur. Con tal, é necesario preinscribirse de novo (aberto  o prazo ata o domingo 28 de novembro). 
+ info:  http://webs.uvigo.es/lauv-web/Turquia2011.html

 

Seguiremos informando. ;)

7 nov 2010

Xa temos programa...

I XORNADAS DE NOVOS INVESTIGADORES DO NOROESTE: Arqueoloxía e territorio.

Facultade de Historia de Ourense                                                                                                        18 e 19 de novembro de 2010   

XNINO 2010  As xornadas que se celebrarán por vez primeira na Facultade de Historia do Campus de Ourense nos días 18 e 19 de novembro de 2010, baixo o epígrafe Arqueoloxía e Territorio, pretenden dar saída e constituír un foro de posta en común das numerosas investigacións de índole territorial presentes na arqueoloxía galega na actualidade. Este encontro permitirá concentrar na cidade de Ourense  un gran número de especialistas chegados dende diferentes universidades e institucións tanto do estado español (Universidade de Santiago de Compostela,  Autónoma de Barcelona, LaPa (CSIC-Santiago), Instituto de Historia (CSIC-Madrid), Deputación de Pontevedra, Museo Arqueolóxico de Ourense...) como doutros países (Universidade do Minho, University College Cork, London University...).

PROGRAMA
XOVES 18 de novembro
 09:30 h. Acto inaugural
              Dra. María Lameiras Fernández  (Vicerreitora do Campus de Ourense)

              Dra. Milagros Cavada Nieto (Decana da Facultade de Historia de Ourense)
              Dr.   Fermín E. Pérez Losada (Director das xornadas)
 10:00 h. MÓDULO A: SIX e territorio no estudio da Prehistoria, Protohistoria e Historia Antiga do NO.
Moderador: Martín Xosé Vázquez Mato (UVigo)
 1.        Aplicacións dos SIX na análise de depósitos do Bronce Final do NO.
Manteiga Brea, Alejandro (University College Cork)
2.        Decisións estratéxicas na Idade do Ferro: localización de poboados dende a óptica da “Rational Choice.
Barandela Rivero, Israel (Universidade de Vigo) & Rivero Rodríguez, Gonzalo (Instituo Juan March de Estudios e Investigaciones de Madrid)
12:00 h. PAUSA/ CAFÉ
3.        Monumentalidade e territorialidade de dous oppida do NO: Lesenho e Briteiros.                  
Cruz, Gonçalo (Sociedade Martins Sarmento), Fábrega-Álvarez, Pastor & Fonte, Joâo (Laboratorio de Patrimonio, Consejo Superior de Investigaciones Científicas)
4.        Unha aproximación á construcción do territorio na Gallaecia romana a través do estudo da movilidade.
Güimil-Fariña, Alejandro (Laboratorio de Patrimonio-USC)

14:00 h. XANTAR DE CONFRATERNIZACIÓN
 16:00 h. MÓDULO B: Territorio, poboamento e estructuración social do NO ó abeiro dos asentamentos tipo castro.
Moderadora: Beatriz Comendador Rey (UVIGO)
 1.        Arte esquemática e hábitat tardoantigo no castro do Castillón (Santa Eulalia de Tábara, Zamora).
Sastre Blanco, José Carlos (
Grupo de Investigación y Difusión Sobre el Patrimonio Arqueológico Protohistórico de la Provincia de Zamora/ Asociación Científico Cultural Zamora Protohistórica)
2.        Aproximación ao estudo dos castros costeiros de Galicia. Castros Costeiros de Ribadeo, Barreiros e Foz (Lugo).
Maañón, Luis (REVVE ARQUEOLOXÍA S.L.)
18:00 h. PAUSA/ CAFÉ
3.        O sitio arqueolóxico de A Lanzada, retrospectiva e novidades.
Rodríguez Martínez, Rafael M. (Deputación de Pontevedra)
4.        Os castros de Neixón: paisaxe, sociedade e territorio ao longo da Idade do Ferro.
Ayán Vila, Xurxo (Laboratorio de Patrimonio, Consejo Superior de Investigaciones Científicas)
 

VENRES 19 de novembro
 10:00 h. MÓDULO C (sesión de mañá): Gallaecia romana: a construcción dun territorio.
Moderador: Adolfo Fernández Fernández (UVigo)
 1.        Transformacións sociais e espaciais no val do Baixo Miño: ss. II a.C.- II d.C.
Currás Refoxos, Brais X. (Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC)
2.        O papel das augas mineromedicinais na organización do territorio en época romana. Consideracións ó respecto.                              
González Soutelo, Silvia (Universidad Autónoma de Barcelona)
12:00 h. PAUSA/ CAFÉ
3.        Bracara Augusta, a construcción dun espacio urbano.
Magalhâes, Fernanda & Ribeiro, Jorge & Vilas Boas, Cristina (Unidade de Arqueologia, Universidade do Minho)

14:00 h. XANTAR DE CONFRATERNIZACIÓN
 16:00 h. MÓDULO C (sesión de tarde): Gallaecia tardoantiga: a transformación dun territorio.
Moderador: Manuel Grande Rodríguez (UVigo)
4.        Algunhas reflexións sobre a articulación territorial na Gallaecia tardoantiga.
Sánchez Pardo, José Carlos (Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – University of London)
5.        A necrópole rupestre de San Vítor (Barxacova, Parada de Sil): grandes necrópoles en espazos deshabitados.
Nieto Muñiz, Eduardo-Breogán & Rodríguez Muñiz, Víctor (Breogán Arqueoloxía – Universidade de Vigo)
18:00 h. PAUSA/ CAFÉ
6.         Arqueoloxía tardoantiga e altomedieval en Galicia: investigando nas orixes das sociedades medievais galegas.
Rodríguez Resino, Álvaro. Departamento de Historia I (Universidade de Santiago de Compostela)
 20:00 h. Acto de clausura
Fermín E. Pérez Losada – Director das Xornadas (Prof. Tit. Univ. de Vigo)

31 oct 2010

Mellor tarde que nunca...

 Tras un tempo de pausa na Consellería de Cultura e por extensión na web do Patrimonio Cultural Galego onde ficaban algunhas referencias bibliográficas promovidas por esta, énchenos de ledicia a recente publicación e difusión en formato pdf. das actuacións realizadas en Galicia sobre o patrimonio arqueolóxico do ano 2008, continuando así unha serie xa reiniciada coa edición dos anos 2006 e 2007. 

Como dirían algúns... o que vai ben fica ben e sempre mellor tarde que nunca.



Actuacións arqueolóxicas 2008
Xunta de Galicia, Consellaría de Cultura e Turismo
Memoria na que se recollen as actuacións realizadas sobre o patrimonio arqueolóxico no ano 2008. Desta maneira, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dá a coñecer as súas intervencións en cumprimento da política de difusión das actividades patrimoniais establecida no Decreto 199/ 1997.
Xunta de Galicia, Consellaría de Cultura e Turismo
389 páxs.

Ligazóns

13 oct 2010

Despois das relacións comerciais tardoantigas unha ollada da prehistoria recente do Salnés e do Mar de Arousa.

 Unha ollada arqueolóxica dende o Monte Lobeira será o título da palestra que presentará a nosa compañeira Bea Comendador no Café Moderno de Pontevedra este venres ás 20:00 horas. 
 Dende o LAUV queremos convidar de novo a tódol@s interesad@s a asistir  e participar nesta exemplar aposta  para visibilizar a investigación desenvolvida polo equipo arqueolóxico da Deputación  de Pontevedra e do Laboratorio de Patrimonio do CSIC.
+ info: http://apedradoencanto.blogspot.com/2010/10/unha-ollada-arqueoloxica-dende-o-monte.html



7 oct 2010

NOVAS DA VIAXE DE ESTUDIOS ARQUEOLÓXICOS TURQUÍA 2011

 Aberto prazo de preinscrición ata o 22 de Outubro. 
+ info:  http://webs.uvigo.es/lauv-web/Turquia2011.html

 
Seguiremos informando. ;)

5 oct 2010

O LAUV presentará comunicación ó abeiro das charlas lanzadeiras do proxecto arqueolóxico d'A Lanzada

 As relacións comerciais da Gallaecia durante a época tardoantiga será o tema que presentará o noso compañeiro Adolfo Fernández no Café Moderno de Pontevedra este venres ás 20:00 horas. 
 Dende o LAUV queremos convidar a tódol@s interesad@s a asistir  e participar nesta exemplar aposta  para visibilizar a investigación desenvolvida polo equipo arqueolóxico da Deputación  de Pontevedra e do Laboratorio de Patrimonio do CSIC.

4 oct 2010

Türkiye 2011

  Despois da excelente experiencia da England Archaeological Tour 2010, o LAUV xunto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense xestionará de novo  unha viaxe de estudios arqueolóxicos. Nesta ocasión o destino final, consideradas outras opcións e a súa viabilidade, será Turquía.          
 Continuando coa filosofía doutros anos a viaxe será autoxestionada, é dicer, lonxe de viaxes programados por axencias. Con tal, a nosa proposta pasa por visitar Estambul e a costa xonia aló pola primeira quincena de marzo de 2011. Se estas interesad@ en asistir fica atent@ ás plataformas de difusión do grupo (redes sociais, web, blog...) ou pasa polo Campus Universitario de Ourense (Edificio de Ferro) o vindeiro mércores 6 de outubro na aula 0.6 ás 13 horas.


Seguiremos informando. ;)

20 sept 2010

Nova publicación: Estudio morfolóxico da escolma cerámica recuperada na Croa de Santa Cristiña ou Castro de Lobosandaos (Lobeira-Bande, Ourense)


  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que se presentan as conclusións resultantes do estudio do material cerámico pertencente ó asentamento castrexo toponímicamente recoñecido como "Santa Cristiña ou Lobosandaos". Xacemento localizado no linde dos concellos ourensáns de Lobeira e Bande, que foi obxecto de diferentes intervencións practicadas entre os anos 1982 e 1984 polo hoxe catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Dr. D. Antonio Rodríguez Colmenero. 
   Vázquez Mato, M.X. (2010): “Estudio morfolóxico da escolma cerámica recuperada na Croa de Santa Cristiña ou Castro de Lobosandaos (Lobeira-Bande, Ourense”, en Larouco 5 ISSN 1130-989x, A Coruña, pp. 103-120.

5 ago 2010

...o LAUV pretende mellorar a grella da TV.



  A UVigo.tv, na súa mediateca pública, vén de presentar a posibilidade de visionado das xornadas teóricas do pasado I Curso práctico de metodoloxía arqueolóxica: rexistro e análise de xacementos e materiais. Unha oportunidade excepcional de lembrar os consellos e as boas prácticas amosadas nos primeiros días do verán.




...moito mellor que os "remake", "deluxe" ou "mellores momentos" da TV do verán. ¿non?.




boas vacacións a tod@s!!!    ;)

6 jul 2010

Nova publicación: Resultados preliminares de la T.S. Focense (LRC) aparecida en Vigo (Galiza, España).


  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo que presenta a Vigo como un dos portos  comerciais máis importantes en época tardorromana.
 
   Fernández Fernández, A. (2010): “Resultados preliminares de la T.S. Focense (LRC) aparecida en Vigo (Galiza, España)”, RCRF XXVI, ISSN 0484 3401, Cádiz, 2008 pp. 375-384.

...non saímos dunha para meternos noutra.

 Aínda coa resaca da intensa semana do I Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica: rexistro e análise de xacementos e materiais, a Comisión de Investigación da UVigo vén de publicar as resolucións provisionais para a organización de xornadas e outras reunións científicas, e con esta a admisión da nosa proposta. Con tal, a engrenaxe do LAUV bota andar de novo e énchenos de ledicia difundir a futura celebración das I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste.
 O obxectivo desta xuntanza, que tentaremos repetir de xeito bianual,  é a de actuar de palestra  de interacción para que @s participantes presenten os seus traballos ó tempo que melloran a comunicación con outr@s investigadores. Un propósito sinxelo e inocente en orixe pero non exento de "problemática" como a maioría sabemos...

 As xornadas que se celebrarán na Facultade de Historia do Campus de Ourense nos días 18 e 19 de novembro de 2010, baixo o epígrafe Arqueoloxía e Territorio, pretenden dar saída e constituír un foro de posta en común das numerosas investigacións de índole territorial presentes na arqueoloxía galega dende o Calcolítico ata a Baixa Idade Media. Traballos defendidos por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Universidade do Minho, Autónoma de Barcelona, University College Cork, London University, LaPa (CSIC-Santiago), Instituto de Historia (CSIC-Madrid), Centre Camille Jullian CNRS (Aix-en-Provence), Deputación de Pontevedra, Museo Arqueolóxico de Ourense, o ámbito da arqueoloxía profesional...



 Seguiremos informando... ;)

25 jun 2010

Lembranzas gráficas...

 Rematado o I Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica: rexistro e análise de xacementos e materiais, e no tempo que agardamos polo II, colamos aquí unha escolma de fotografías das actividades -a modo de lembranza gráfica dunha boa semana-. Moitas gracias a tod@s pola vosa participación baixo as temperaturas características da cidade "auria". Bo verán!!!!!!!!!!! 



15 jun 2010

"De ética e moralidade vai o conto..."


 No xornal La Voz de Galicia.es do 15/06/2010 veñen de publicar unha entrevista a nosa compañeira Ana Cebreiros quen, ó abeiro da dinámica Área de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, está a visibilizar a labor da Sección Femenina de Ourense. Unha célula básica na correa de transmisión dos valores falanxistas.  Un proxecto  social que enxergamos prometedor e no que albiscamos boas e interesantes empresas colectivas multidisciplinares.


14 jun 2010

Fachóns, "nomes e voces" e novas publicacións


 Dende o blog afín A Pedra do Encanto, promovido pola nosa compañeira Bea Comendador, veñen de lanzar unha iniciativa  na que a modo de símil compárase a potencialidade comunicativa dos blogs coa luz de guía dos fachóns: 

 
Na Lanzada, cando viñan os normandos ou outras naves inimigas entraban na ría cara o Ulla, acendían fogueira.
 Dende a Vila Vella de San Tomé recibían as sinais e na Torre de San Sadurniño acendían fogueira.
  Dende a desaparecida Torre da Illa de Arousa recibían as sinais e acendían fogueira.
  Posiblemente dende a Torre de Cálogo recibían as sinais e acendían fogueira.
  Dende a Torre de Miadelo ou Miradelos recibían sinais e acendían fogueira.
  E así ate Catoira (Castellum Honesti) e ate á fortaleza da Rocha, nas aforas de Santiago.


Redes de comunicación, como os blogues. 
Xa enviado o sinal dende A Torre do Meadelo, ben podíamos seguir acendendo fachos dende Arousa ate a A Rocha… e comunicarnos máis no mundo da arqueoloxía. Ou non?
Sábado 12 de Xuño de 2010

 No interior non temos faros de guía, pero fachóns temos dabondo... con tal, non dubidamos en sumarnos a esta proposta e acender o noso facho dende o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo.  E como se da xustificación de tal proceder fora, dun fachón sito no Barbanza (ARQUEONEIXON) chegan novas interesantes:

  • a publicación oficial _que xa podedes consultar en rede_ dos tres últimos números da serie CAPA:
    21 - Eva Parga-Dans. El Mercado del Patrimonio: nacimiento, estructura y desarrollo delas empresas que gestionan el patrimonio arqueológico.
    http://hdl.handle.net/10261/25061

    22 - Rebeca Blanco-Rotea. Trabajos arqueológicos realizados en el transcurso de la
    redacción del Plan Director de las Fortalezas Transfronterizas del Tramo Bajo del Río
    Miño
    .
    http://hdl.handle.net/10261/25002

    23 - Yolanda Seoane-Veiga. Propuesta metodológica para el registro del Arte Rupestre de Galicia.
    http://hdl.handle.net/10261/25060

  • a presentación da páxina web do Proxecto "Nomes e Voces", unha iniciativa interuniversitaria que dende o 2006 actúa de altifalante dos silenciados. Botádelle un ollo:
    http://www.nomesevoces.net

10 jun 2010

Obradoiros de verán para rapaces no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

   Nun ano de recortes e tesoiradas énchenos de ledicia comprobar na páxina web do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense que a actividade promovida pola nosa compañeira Begoña Garrido mantén o seu posto na grella de actividades formativas da institución. Dende o LAUV agardamos que esta aposta renovadora, didáctica e activa, acade un ano máis unha alta participación cidadá. 

 
Como inscribirte?
Normas básicas da inscrición
Débese cubrir correctamente a folla de inscrición e presentala antes do comezo do obradoiro, xunto con: fotocopia do DNI, da cartilla da seguridade social e unha foto carné.
Respectarase a orde de inscrición.
Deberase confirmar a asistencia unha semana antes do comezo do obradoiro. No caso de non facelo a praza será posta a disposición doutros interesados.
O museo resérvase o dereito de introducir modificacións en horarios ou cancelar a celebración dos obradoiros no caso de non acadar un mínimo de participantes.

Recomendacións
Puntualidade (Deben respectarse os horarios fixados, pois o retraso afectaría negativamente ó desenvolvemento normal do obradoiro )
Aconséllase traer roupa cómoda.
Recoméndase traer unha merenda e bebida para o descanso.
Débense acatar as normas de comportamento expostas. No caso de non facelo, o Museo resérvase o dereito de expulsión.

É PARA OS COLES !
O MUSEO VAI AO COLE !
Realizarase en : outubro e novembro.
Débese concertar cita previamente.
Seguindo coa liña de achegamento aos máis novos ao Museo Arqueolóxico, proponse visitar aos colexios que así o soliciten.
Nesta visita, non só se fará unha explicación dos restos arqueolóxicos da provincia, senón que tamén terán a oportunidade de realizar algúns dos talleres didácticos propostos

UNHA VISITA POLO
PAZO DO BISPO
Realizarase nos mes de outubro e novembro
Previa solicitude dos centros
Dedicado a todos os centros de educación.
Visita guiada polos restos arqueolóxicos do Museo Arq. Provincial de Ourense.
Duración aproximada: 1h 30 min.


Lugar de inscrición (prazas limitadas)
Na sala “ Escolma de Escultura” situada no antigo Mosteiro de San Francisco

Horario: De martes a sábado 9:30 a 14:30 // 16:00 a 21:00
673 50 25 36
Horarios dos obradoiros
De martes a venres .
Das 10:00 ás 13:30 hs e das 17:00 ás 20:00 hs
Número de información
673 50 25 36
Horario de atención:
Das 9:00 ás 14:00 e das 16:3O ás 20:30