23 dic 2011

Fin da temporada invernal en Armea

 Hoxe rematamos o traballo programado para a campaña invernal no Monte do Señoriño en Armea na que pretendíamos consolidar os muros destapados no verán e protexer as estructuras da colonización vexetal. Este é o aspecto que terá o xacemento até o noso regreso no verán de 2012:



 Se ben o noso obxectivo non era restaurar as estructuras descubertas, xa que a complexidade do conxunto non permite polo momento unha lectura definitiva, a simple actuación de consolidación dos muros e o recheo dos buracos da rocha, para facilitar a drenaxe das augas, xa fai moito máis comprensible o xacemento. Botádelle un ollo:

Resultado da consolidación e recheo do Socalco Inferior
Resultado da consolidación e recheo do Socalco Intermedio
 Por outra banda na escavación do sector que une os socalcos inferior e intermedio non achamos ningunha mostra clara de acceso, pero si diferentes fragmentos de cerámica en contexto que sirven para datar o nivel de uso do lugar. O traballo de laboratorio de seguro confirmará que seguimos arredor do cambio de era e século I d.C. Asemade localizamos restos de diferentes muros que garanten a continuidade do xacemento arqueolóxico ó mediodía e permítenos albiscar a posible construcción realizada sobre a estructura rupestre. Con todo só novas campañas de escavación permitirán respostar as cuestións de uso e funcionalidade.

Resultado da escavación da testemuña entre os Soc. Inferior e Intermedio

 P.D. Os resultados da restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, o levantamento topográfico do outeiro, o SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... están en camiño. ;)

19 dic 2011

Sexta xornada invernal en Armea: ...e chegou o xeo

A xeada dános a benvida ó xacemento o luns 19 de decemebro

 Tod@s @s que vos adicades a isto sabedes da complicación de escavar no inverno. Ás dificultades derivadas da chuvia, das que vimos sobrados exemplos a semana pasada, súmanse as mañás frías con termómetros próximos ó 0ºC. Malia todo, e como a xeada é o mellor indicador dun día soleado, hoxe si puidemos traballar... e moi ben por certo jejejeje... Así pois estamos a rematar de consolidar os muros descubertos na campaña estival e pronto empezameramos coa limpeza de mofos e demais "invasores" para darlle un bo lavado de cara á estrutura rupestre. 

 Por outra banda, e como podedes observar nas fotografías adxuntas, na escavación da testemuña separadora entre os socalcos intermedio e inferior localizamos, xunto con abundantes fragmentos de cerámica, dous novos muros (ou o que queda deles) que complican aínda máis unha lectura vertical da estrutura. Cada nova dentada de terra formula novas preguntas en vez de responder a todas as que xa temos. :S

Restos do muro que semella conectar os Soc. Inf. e Intermedio
Restos dun pequeno muro paralelo ó banco central

17 dic 2011

Quinta xornada invernal en Armea: chegou o nadal!!!

  Se o martes foi un día gris e o mércores un día de cores en Armea, o venres chegou o verdadeiro inverno!!! Poucas novidades máis aló das rachas de aire, chuvia, frío... brbrbrbrbrb... alomenos aproveitamos para felicitavos as festas. ;)

Cuarta xornada en Armea: as visitas

A brigada de canteiros do Concello de Allariz dános unha auténtica lección
 Sempre dixemos que as visitas deben ser un elemento esencial en calquer escavación arqueolóxica. Non falamos aquí das visitas nas que procuramos visibilizar o noso traballo e inducir na sociedade un desexo de protección do patrimonio, senón desas outras visitas de compañeir@s de profesión que poñen en dúbida o noso discurso. Destas tivemos moitas no verán e de todas aprendimos algo (Marco García e Antonio Colmenero da USC, Francisco Fariña do Museo Arqueolóxico de Ourense... e un grande número de arqueólogos aos que queremos agradecer a súa axuda desinteresada), pero ás veces esquecemos a necesidade de inserir nestas visitas a outros profesionais que aporten un pouco de aire fresco lonxe da teoría dos nosos libros. Nós tivemos o xoves 15 de decembro unha destas visitas, a da brigada de canteiros do Concello de Allariz que ficaron atordados co esforzo necesario para facer estas estruturas rupestres e deixáronnos algunhas reflexións interesantes que teremos que meditar. 

Cuarta xornada en Armea: o paseo

Adolfo e Manuel "de paseo" arqueolóxico
  Como non todo vai ser traballar... o xoves 15 de decembro aproveitamos o último en sistemas de información xeográfica (o coñecemento do lugar de Manuel Losada, "o catedrático de Armea") para dar un paseo e deleitarnos cos segredos do conxunto arqueolóxico no que se enmarca o Monte do Señoriño. Xulgade vós:

Rúa recuperada polos colegas Celso e David que pode dar unha idea da monumentalidade do castro
Estruturas escavadas por F. Conde-Valvís nos anos 50 recuperadas por Celso e David
Posible lagar descuberto por Manuel Losada
Detalle do posible lagar
 

15 dic 2011

Terceira xornada en Armea: o arco da vella

O arco da vella dende o Monte do Señoriño

 Se onte foi un día gris hoxe de cores...o noso traballo xa comeza a dar algúns resultados!! Rematado o "encintado" do muro do socalco inferior saltamos ó intermedio. Asemade na retirada do testigo, previo "traballo fino" de retirada de tocón, comezamos a albiscar novos muros que se ben atópanse moi arrasados seguen a aumentar as fichas do complexo puzzle estrutural do conxunto rupestre.

Manuel e Edu rematando co "encintado" do soc. inferior
"Madriña!!!! ...que choio cos tocóns que temos aquí"
Pouco a pouco a testemuña esmorece e xurden as estruturas

13 dic 2011

Segunda xornada invernal en Armea

 Hoxe foi un día gris en Armea, un día clásico de inverno no interior. Se ben seguimos co "encintado" dos muros e retirando as primeiras camadas de terra da testemuña entre socalcos, a chuvia condicionou moito o noso traballo. Se cadra a mellor imaxe que recollimos nesta xornada foi a que vos axuntamos abaixo.

Vista do conxunto arqueolóxico de Armea dende Taboadela

12 dic 2011

Tornamos a Armea

 Hoxe tornamos ó conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea para iniciar unha pequena campaña de 15 días, financiada en exclusiva polo Concello de Allariz, na que pretendemos consolidar os muros destapados no verán e protexer o xacemento da colonización vexetal.  
 Namentres agardamos por futuras intervencións de restauro máis profundas, só unha vez definidas tódalas estruturas visibles, o obxectivo perseguido neste mes de decembro é que as "inclemencias meteorolóxicas" do inverno non deterioren as poucas evidencias construtivas non rupestres que temos. Asemade aproveitaremos para escavar o sector que une os socalcos inferior e intermedio. Acharemos un novo acceso? ...se cadra, pero como non todo é escavar aproveitamos o tempo restante para implementar algúns métodos de rexistro e documentación de todo o xacemento: restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, levantamento topográfico do outeiro, xeración dun SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... Todo con programas "free" e gracias o "free-voluntarismo" do equipo, porque nós seguimos "apretando o cinto..." glups!!!!!!  ;)

"Coas mans na masa"
Morteiro de cal con tintura do lugar usado na consolidación dos muros

Vista da testemuña entre socalcos obxecto de escavación arqueolóxica

Tirando fotografías para o seu posterior modelado virtual

2 dic 2011

Inscrición Deutschland 2012

  "MEDIDAS ANTICRISE OIA, 7 DÍAS EN ALEMAÑA POR 375 Euros!!!!!!"
  Como sabedes dende o LAUV-GEAAT, xunto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense, estamos a xestionar de novo  unha viaxe de estudios arqueolóxicos. Botádelle un ollo ó programa deste ano:




 IMPORTANTE:
  • Poderán participar na viaxe preferentemente profesores, investigadores, egresados e alumnos de Historia da Uvigo (grao, licenciatura, máster/doutoramento), así como tamén procedentes doutras licenciaturas e/ou universidades.

  • O número máximo de prazas dispoñibles é de 20 (4 automobiles).
     
  • PRAZO DE INSCRICIÓN PECHADO