Mostrando entradas con la etiqueta castro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta castro. Mostrar todas las entradas

29 oct 2011

Seguimos mellorando a grella da TV...

  A UVigo.tv, na súa mediateca pública, vén de presentar a posibilidade de descarga e visionado das  palestras presentadas no Curso de Verán: Castros do Interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao celebrado na vila de xinzo o pasado mes de xuño. ;)

27 jun 2011

O xacemento do Monte do Señoriño de novo nos medios.

O conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea (Sta. Mariña de Augas Santas, Allariz) segue "dando que falar". Aquí fica o derradeiro artigo que saíu esta fin de semana na revista cultural Auria, suplemento do xornal La Región asinado polo arqueólogo Juán Manuel González Carballo e o xeólogo José Ramón Seara Valero. 

20 jun 2011

Voluntariado Armea 2011

 Ábrese o prazo de inscrición para participar como voluntari@ na intervención arqueolóxica no Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz).




 @s voluntari@s participarán nunha intervención arqueolóxica que desenvolverá o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo-Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio entre o 4 e o 22 de Xullo na contorna do Castro de Armea sito na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). 
 @s participantes terán a posibilidade de formarse xunto ó equipo técnico nas labores de escavación, levantamento planimétrico, na conservación e restauro, rexistro e tratamento de materiais arqueolóxicos*.
 Os gastos de desprazamento (Ourense-Armea-Ourense) e máis a manutención correrá a cargo da organización. 
 Ofértanse 5 prazas. Para inscribirse enviar un correo electrónico a lauv-web@uvigo.es axuntando un breve Currículo Vitae ata o Luns 27 de Xuño de 2011.  

18 jun 2011

Unha escolma gráfica da xeira castrexa...

Algunhas fotografías do encontro de Xinzo, no Facebook tedes máis imaxes. ;)

25 may 2011

"Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao"

 ...a Vicerreitoría do Campus de Ourense vén de colar na súa web a lista de cursos ofertados para este verán de 2011 (descarga aquí). Neste tríptico atoparedes os datos de inscrición para un curso organizado por nós baixo o título "Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao". Un encontro, a celebrar en Xinzo de Limia (Ourense) do 13 ó 16 de xuño, que permitirá paliar en parte o déficit de coñecemento vencellado á Cultura Castrexa lonxe do litoral.


Castro de A Saceda (Cualedro, Ourense) -Fot. Mani Moretón-


 Mediante o desenvolvemento e exposición dunha temática de especial interese nos nosos tempos, como é o da cultura castrexa, exemplificada a través dos estudios realizados na comarca da Limia e zonas próximas de Ourense, norte de Portugal, Zamora e Asturias; tentaremos ofrecer ós universitarios, docentes e público en xeral un marco de encontro e formación no que poidan profundizar sobre o coñecemento histórico, especialmente aquel que amosa as súas propias raíces locais.

  En pouco publicaremos neste blogue tódala información. Seguide atent@s!!



23 mar 2011

A primeira opinión dun especialista apunta cara a funcionalidade do achado do señor Manuel Losada de Armeá como un santuario rupestre

 Despois do noso intento por contextualizar o achado na contorna de Armeá na entrada anterior, o vórtice informativo continúa. Hoxe mesmo no Telexornal Serán da TVG o profesor da USC García Quintela, que tentaremos forme parte da asesoría científica do noso proxecto, vén de apostar claramente pola adscrición tipolóxica do achado do señor Manuel Losada como un "santuario rupestre do tipo ben coñecido no norte de Portugal". Aventura tamén unha posible cronoloxía que podería abarcar na súa opinión "un longo período partindo dende a Idade do Ferro".

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

"Tómate un respiro, tómate un proxecto de investigación"

  Por mor do vórtice informativo destos días no referido o achado na contorna de Armeá, en sintonía cos principios de visibilización e divulgación da labor investigadora que defendemos dende o LAUV-GEAAT, lonxe de calquer mostra de escurantismo que nada aporta a salvagarda e coñecemento do noso patrimonio; coidamos necesario unha pequena crónica de todo o acontecido ata agora. 
 Como era coñecido por tod@s dende fai aproximadamente un ano, e recollido nos medios* nos últimos meses, dende o LAUV-GEAAT-en colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense, o Concello de Allariz e os arqueólogos David Pérez e Celso Barba- estamos a implementar o procedemento necesario para recuperar o espacio arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armeá (Allariz, Ourense). Un xacemento, cunha riqueza simbólica sen parangón, esquecido nas últimas décadas pola arqueoloxía galega (González Soutelo, 2007). 

Guerreiro da Cibdá de Armea, Allariz
   O noso obxectivo pasa pola recuperación, estudio e divulgación non só das estructuras e materiais asociados ó xacemento arqueolóxico senón da memoria aínda viva do lugar. Estamos non só ante un xacemento cun potencial prometedor para comprender a evolución do poboamento dende a protohistoria ata os nosos días,  senón tamén ante un lugar de culto aínda vivo para a comunidade, polo que calquer intervención deberá contar coa súa aprobación e participación. Deste modo, o que pretendemos é visibilizar un dos enclaves patrimoniais máis ricos e complexos do Noroeste da Península Ibérica. Simplemente recollemos a chamada de atención lanzada xa por  F. Conde-Valvís Fernández (1950-1951; 1959), única persoa que ata o momento escavou no conxunto, quen recomendou a posta en valor dos restos destapados que, polo esquecemento xeral, foron esmorecendo ata desaparecer e hoxe mostrarse ilocalizables. Un obxectivo respaldado por moitos persoeiros da cultura galega e ourensá de onte e de hoxe, dende Ferro Couselo ata Fariña Busto (2002).

Planimetría escavación Conde-Valvís (1959)
 O pasado domingo 20/03/2011, Manuel Gago no seu fantástico blogue Capítulo 0 publicaba un vídeo no que amosaba da mán dun veciño de Armeá, Manuel Losada, o que el denominaba "posible santuario galaicorromano da cidade de Armea". Un xacemento de dificil caracterización catalogado pouco tempo antes  (20/02/2011) pola Asociación de Estudios de Santa Mariña de Augas Santas e o arqueólogo Juan Manuel González Carballo que o adscribía á época romana a partir da lectura dos poucos restos cerámicos detectados en superficie e algunhas "tegulas de tipo plano e fragmentos de imbrices". 



 A semente botada pola encomiable labor de divulgación de Manuel Gago daba os seus froitos en poucas horas cando unha morea de curios@s, especialistas ou non, visitaban de xeito virtual o achado do señor Manuel Losada. 
 Ó día seguinte a TVG, consciente da repercusión do vídeo e do propio achado, púxose en contacto con Manuel Gago para cubrir a nova. O xornalista de Capítulo 0, coñecedor do proxecto de investigación implementado para Armeá, derivou o contacto cara nós. Deste xeito, como ben dí Manuel Gago no seu blogue, "os arqueólogos puideron achegarse a Armeá a coñecer o lugar, pero tamén o conxunto da cidadanía puido informarse".


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 O vórtice informativo seguía medrando cando onte, 23/03/2011, de novo a TVG achegábase a Armeá para cubrir a visita de Francisco García, alcalde de Allariz, quen facía firme o seu compromiso co orixinario proxecto de investigación, agora integrando tamén o novo achado que será escavado con carácter de urxencia nos próximos meses.


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 ¿PERO QUE É EXACTAMENTE O ACHADO DO SEÑOR MANUEL LOSADA?

 A día de hoxe é todo e nada. Se ben é certo que a súa morfoloxía, as escadas, as canalizacións ... poderían ter paralelos nos denominados santuarios rupestres galaicorromanos como ben dí Gago, tamén é certo que poderíamos estar simplemente ante rebaixes funcionais, algún tipo de construcción productiva ou construccións habitacionais como apunta o propio Juan Manuel González Carballo na ficha do inventario. 
 O seu emprazamento apunta ademáis á zona con ocupación máis tardía, algo a ter en conta á luz da importancia do lugar como zona de difusión de igrexas prerrománicas, abundante documentación relacionada con Celanova e Ourense que falan dun poboamento aldeán maduro para o século IX como apunta o medievalista Alvaro Rodríguez. 
 É por todo que a día de hoxe, nun estado embrionario, nada podemos afirmar. Agardamos que tanto a intervención dos próximos meses, como a asesoría de diversos especialistas poidan aportar máis luz. Con tal, recuperando unha vella promesa: acendemos fachón dende Armeá. 


 Seguiremos informando. ;)






Agradecementos:
Queremos aproveitar este recurso para agradecer a Manuel Gago que contara con nós dende o inicio, ó Alcalde de Allariz pola súa confianza e compromiso na salvagarda, investigación e difusión do patrimonio, ós diferentes especialistas que colaboran desinteresadamente: Álvaro Rodríguez, Antonio R. Colmenero, Brais X. Currás, Sande Lemos... e especialmente a Manuel Losada, unha ledicia de persoa cun amor encomiable polo patrimonio.

Bibliografía empregada no texto:

Conde-Valvís 1959: CONDE-VALVÍS FERNÁNDEZ (F.) – Dos villas romanas de la Cibdá de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas, en Revista de Guimarães, 69, 1959, p. 472-500.
Fariña Busto 2002: FARIÑA BUSTO (F.) – Santa Mariña de Augas Santas, Serie: Guías do Patrimonio Cultural 7, Fundación Caixa Galicia-Grupo Marcelo Macías, 2002.
González Soutelo 2007: GONZÁLEZ SOUTELO (S.) – Dos yacimientos gallegos olvidados: Moraime (Muxía, A Coruña) y Armeá (Sta Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense), en Gallaecia, 26, 2007, p. 69-84.
Notas:
 

3 jun 2010

O Castro de Atalaia, unha mostra excepcional do TRATO Ó noso patrimonio.

 O Museo Provincial de Lugo ven de presentar unha exposición que, baixo o título O Castro de Atalaia, unha mostra excepcional do noso patrimonio, pretende dar a coñecer  a realidade dun valor patrimonial maltratado pola administración e ignorado polos medios de comunicación de masas. Con tal, dende o LAUV vos animamos a pasar un día pola cidade das murallas e, entre terraza e terraza, visitar a mostra que nós coidamos en tildar con sorna O Castro de Atalaia, unha mostra excepcional do TRATO Ó noso patrimonio.

 
PRÓXIMA EXPOSICIÓN: O castro da Atalaia, unha mostra excepcional do noso patrimonio
O luns, 7 de xuño, ás 20:00 horas, inauguración da mostra "O castro da Atalaia, unha mostra excepcional do noso patrimonio", organizada pola asociación cultural MariñaPatrimonio e que vai permanecer aberta ao público no refectorio do MPL ata o 20 de xuño.
Do 7 ao 20 de xuño de 2010.
Colaboran:LugoPatrimonio e ADEGA
Patrocina: Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo.
 

Entrada gratuíta.


__________Horario
Luns a venres: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade s/n
27001 Lugo
Tfno.: 982 242112
info@museolugo.org

2 jun 2010

Nova publicación: Estrategias de asentamiento como indicadores de cronología relativa para la Edad del Hierro del Noroeste Ibérico.


  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo adscrito á labor de constatación sobre a paisaxe do Ferro en diferentes marcos espaciais da serranía interior galega.
 
    Vázquez Mato, M.X. (2010): “Estrategias de asentamiento como indicadores de cronología relativa para la Edad del Hierro del Noroeste Ibérico”, en Herakleion 3, ISSN 1988-9100, Madrid pp. 67-103.