Mostrando entradas con la etiqueta Armea. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Armea. Mostrar todas las entradas

23 dic 2011

Fin da temporada invernal en Armea

 Hoxe rematamos o traballo programado para a campaña invernal no Monte do Señoriño en Armea na que pretendíamos consolidar os muros destapados no verán e protexer as estructuras da colonización vexetal. Este é o aspecto que terá o xacemento até o noso regreso no verán de 2012:



 Se ben o noso obxectivo non era restaurar as estructuras descubertas, xa que a complexidade do conxunto non permite polo momento unha lectura definitiva, a simple actuación de consolidación dos muros e o recheo dos buracos da rocha, para facilitar a drenaxe das augas, xa fai moito máis comprensible o xacemento. Botádelle un ollo:

Resultado da consolidación e recheo do Socalco Inferior
Resultado da consolidación e recheo do Socalco Intermedio
 Por outra banda na escavación do sector que une os socalcos inferior e intermedio non achamos ningunha mostra clara de acceso, pero si diferentes fragmentos de cerámica en contexto que sirven para datar o nivel de uso do lugar. O traballo de laboratorio de seguro confirmará que seguimos arredor do cambio de era e século I d.C. Asemade localizamos restos de diferentes muros que garanten a continuidade do xacemento arqueolóxico ó mediodía e permítenos albiscar a posible construcción realizada sobre a estructura rupestre. Con todo só novas campañas de escavación permitirán respostar as cuestións de uso e funcionalidade.

Resultado da escavación da testemuña entre os Soc. Inferior e Intermedio

 P.D. Os resultados da restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, o levantamento topográfico do outeiro, o SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... están en camiño. ;)

19 dic 2011

Sexta xornada invernal en Armea: ...e chegou o xeo

A xeada dános a benvida ó xacemento o luns 19 de decemebro

 Tod@s @s que vos adicades a isto sabedes da complicación de escavar no inverno. Ás dificultades derivadas da chuvia, das que vimos sobrados exemplos a semana pasada, súmanse as mañás frías con termómetros próximos ó 0ºC. Malia todo, e como a xeada é o mellor indicador dun día soleado, hoxe si puidemos traballar... e moi ben por certo jejejeje... Así pois estamos a rematar de consolidar os muros descubertos na campaña estival e pronto empezameramos coa limpeza de mofos e demais "invasores" para darlle un bo lavado de cara á estrutura rupestre. 

 Por outra banda, e como podedes observar nas fotografías adxuntas, na escavación da testemuña separadora entre os socalcos intermedio e inferior localizamos, xunto con abundantes fragmentos de cerámica, dous novos muros (ou o que queda deles) que complican aínda máis unha lectura vertical da estrutura. Cada nova dentada de terra formula novas preguntas en vez de responder a todas as que xa temos. :S

Restos do muro que semella conectar os Soc. Inf. e Intermedio
Restos dun pequeno muro paralelo ó banco central

17 dic 2011

Quinta xornada invernal en Armea: chegou o nadal!!!

  Se o martes foi un día gris e o mércores un día de cores en Armea, o venres chegou o verdadeiro inverno!!! Poucas novidades máis aló das rachas de aire, chuvia, frío... brbrbrbrbrb... alomenos aproveitamos para felicitavos as festas. ;)

Cuarta xornada en Armea: as visitas

A brigada de canteiros do Concello de Allariz dános unha auténtica lección
 Sempre dixemos que as visitas deben ser un elemento esencial en calquer escavación arqueolóxica. Non falamos aquí das visitas nas que procuramos visibilizar o noso traballo e inducir na sociedade un desexo de protección do patrimonio, senón desas outras visitas de compañeir@s de profesión que poñen en dúbida o noso discurso. Destas tivemos moitas no verán e de todas aprendimos algo (Marco García e Antonio Colmenero da USC, Francisco Fariña do Museo Arqueolóxico de Ourense... e un grande número de arqueólogos aos que queremos agradecer a súa axuda desinteresada), pero ás veces esquecemos a necesidade de inserir nestas visitas a outros profesionais que aporten un pouco de aire fresco lonxe da teoría dos nosos libros. Nós tivemos o xoves 15 de decembro unha destas visitas, a da brigada de canteiros do Concello de Allariz que ficaron atordados co esforzo necesario para facer estas estruturas rupestres e deixáronnos algunhas reflexións interesantes que teremos que meditar. 

Cuarta xornada en Armea: o paseo

Adolfo e Manuel "de paseo" arqueolóxico
  Como non todo vai ser traballar... o xoves 15 de decembro aproveitamos o último en sistemas de información xeográfica (o coñecemento do lugar de Manuel Losada, "o catedrático de Armea") para dar un paseo e deleitarnos cos segredos do conxunto arqueolóxico no que se enmarca o Monte do Señoriño. Xulgade vós:

Rúa recuperada polos colegas Celso e David que pode dar unha idea da monumentalidade do castro
Estruturas escavadas por F. Conde-Valvís nos anos 50 recuperadas por Celso e David
Posible lagar descuberto por Manuel Losada
Detalle do posible lagar
 

15 dic 2011

Terceira xornada en Armea: o arco da vella

O arco da vella dende o Monte do Señoriño

 Se onte foi un día gris hoxe de cores...o noso traballo xa comeza a dar algúns resultados!! Rematado o "encintado" do muro do socalco inferior saltamos ó intermedio. Asemade na retirada do testigo, previo "traballo fino" de retirada de tocón, comezamos a albiscar novos muros que se ben atópanse moi arrasados seguen a aumentar as fichas do complexo puzzle estrutural do conxunto rupestre.

Manuel e Edu rematando co "encintado" do soc. inferior
"Madriña!!!! ...que choio cos tocóns que temos aquí"
Pouco a pouco a testemuña esmorece e xurden as estruturas

13 dic 2011

Segunda xornada invernal en Armea

 Hoxe foi un día gris en Armea, un día clásico de inverno no interior. Se ben seguimos co "encintado" dos muros e retirando as primeiras camadas de terra da testemuña entre socalcos, a chuvia condicionou moito o noso traballo. Se cadra a mellor imaxe que recollimos nesta xornada foi a que vos axuntamos abaixo.

Vista do conxunto arqueolóxico de Armea dende Taboadela

12 dic 2011

Tornamos a Armea

 Hoxe tornamos ó conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea para iniciar unha pequena campaña de 15 días, financiada en exclusiva polo Concello de Allariz, na que pretendemos consolidar os muros destapados no verán e protexer o xacemento da colonización vexetal.  
 Namentres agardamos por futuras intervencións de restauro máis profundas, só unha vez definidas tódalas estruturas visibles, o obxectivo perseguido neste mes de decembro é que as "inclemencias meteorolóxicas" do inverno non deterioren as poucas evidencias construtivas non rupestres que temos. Asemade aproveitaremos para escavar o sector que une os socalcos inferior e intermedio. Acharemos un novo acceso? ...se cadra, pero como non todo é escavar aproveitamos o tempo restante para implementar algúns métodos de rexistro e documentación de todo o xacemento: restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, levantamento topográfico do outeiro, xeración dun SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... Todo con programas "free" e gracias o "free-voluntarismo" do equipo, porque nós seguimos "apretando o cinto..." glups!!!!!!  ;)

"Coas mans na masa"
Morteiro de cal con tintura do lugar usado na consolidación dos muros

Vista da testemuña entre socalcos obxecto de escavación arqueolóxica

Tirando fotografías para o seu posterior modelado virtual

21 nov 2011

Intervencións no conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea

 O Concello de Allariz, nunha nova mostra de sensibilidade polo seu patrimonio, convidounos a presentar os primeiros resultados da nosa intervención deste verán no conxunto rupestre do Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Alén disto teremos a oportunidade tamén de coñecer de primeira man os interesantes achados dos colegas Celso e David na zona escavada por F. Conde-Valvís a mediados do século XX. O encontro terá lugar no Fogar do Maior de Allariz o vindeiro 2 de decembro de 2011. Animádevos a asistir!! ;)


25 oct 2011

Poñendo as cousas en orde...

 Despois do productivo III EDESCANOP tentamos agora poñer un pouco de orde na rede que a temos un pouco esquecida... ;)
 Para comezar aquí fica o pdf prometido co aparato gráfico da primeira comunicación pública sobre a nosa intervención do verán defendida nas IX Xornadas Castrexas de Cambre: O xacemento rupestre do Monte do Señoriño: un novo valor ao conxunto patrimonial de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Pronto tornaremos ó xacemento para consolidar os muros e facer as drenaxes de cara o inverno. Asemade o estudio do material segue en marcha e... máis, moito máis... pronto veredes máis!!


7 oct 2011

IX - Xornadas Castrexas de Cambre


 Mañá marchamos a Cambre (A Coruña) onde fomos convidados para participar nas súas Xornadas Castrexas, nin máis nin menos que á IX edición, coa ponencia O xacemento rupestre do Monte do Señoriño: un novo valor ao conxunto patrimonial de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Será a primeira comunicación pública sobre a nosa intervención do verán, só un par de meses despois. Con todo, pese a esta premura, algunha que outra novidade presentaremos... ;) 
 Premede aqui para descargar o programa completo e animádevos a asistir!!! ...compartiremos mesa tamén cos colegas da Lanzada. Unha oferta litoral-interior ideal para un sábado pola mañá. Ou non??

 Ó tornar poremos á vosa disposición a nosa presentación, para quen non goste de madrugar os sábados. ;)
 

16 ago 2011

Damos un paseo???

 O II Encontro de Cesteiros, organizado polo Concello de Allariz e celebrado na fermosa vila de Santa Mariña de Augas Santas os días 13 e 14 de Agosto, foi todo un éxito de participación. Até alí achegámonos nós o sábado para, xunto con preto de cen asistentes "locais e visitantes" como dirían @s colegas de Barxacova, aprender a diferenciar algunhas das especies moldeables da nosa terra, e de fora tamén... 
 Asemade, ó abeiro deste encontro tivemos a oportunidade de disfrutar dun maravilloso paseo pola contorna de Santa Mariña de Augas Santas, incluídos o Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño de Armea e as "re-escavacións" de Conde-Valvís, ámbalas dúas intervencións presentadas dun xeito ameno e próximo polos seus directores. Unha pequena andaina de menos de 3km cun grande interese histórico-artístico, arqueolóxico e natural na que artesanía e arqueoloxía camiñaron da mán durante unhas horas, se cadra é que non estan tan lonxe non????.


Perfil do Monte do Señoriño (tras as árbores do fondo)
  dende a cabeceira da Basílica da Asunción no solpor.

Un momento da visita na área escavada por Conde-Valvís nos anos 50 e
 "re-escavada" por  David Pérez o pasado mes de xullo.

 Na nosa conta de Wikiloc podedes descargar o track e os waypoints da ruta:

8 ago 2011

Visita ó abeiro do II Encontro de Cesteiros de Santa Mariña, "non todo vai ser rupestre"...


 Nunha entrada anterior onde sintetizábamos os nosos obxectivos para o Proxecto de Intervención Arqueolóxica no Monte do Señoriño 2011, comentábamos que un dos nosos propósitos era ofertar á sociedade a posibilidade de achegarse ó xacemento e coñecer in situ como é a actividade arqueolóxica. Unha iniciativa que permitiría rachar cos tradicionais estereotipos sobre os arqueólogos ó tempo que se descubría o espectacular xacemento rupestre que estaba a ser escavado no lugar de Armea. "Unha actividade divulgativa e accesible para toda a sociedade" diciamos no vídeo de presentación do proxecto que resultou tremendamente positiva cun "cheo" absoluto tódolos días de visita en horario de mañá e tarde. 
  Unha vez rematado o traballo de campo, e á espera da labor de gabinete que implementaremos en setembro e da que daremos cumprida información neste blogue, a nosa aposta por socializar o coñecemento como parte do proceso científico, parafraseando a Manuel Gago nun dos seus interesantes post, continúa tamén neste mes de Agosto. Con tal, ó abeiro do II Encontro de Cesteiros que se celebrará na fermosa vila de Santa Mariña de Augas Santas e facendo un pequeno receso nas nosas vacacións, este sábado día 13 de Agosto estaremos de novo no xacemento para ensinar un pouco e aprender moito máis de tod@s os que vos acerquedes por alí. Agardámosvos. ;) 





4 ago 2011

#7# Proxecto Armea 2011: síntese de resultados da 3ª semana [fin]

 Adolfo Fernández, director do Proxecto de Intervención Arqueolóxica no Monte do Señoriño, preséntanos os eventuais resultados derivados do fin da escavación. Agora teremos que agardar os resultados do laboratorio. ;)


21 jul 2011

O encanto dunha escavación arqueolóxica...

 O arqueólogo J.M.Hidalgo Cuñarro comenta hoxe no noso Facebook que tan importante, ou máis, son os resultados da escavación como as persoas que traballan na mesma. Concordamos plenamente con esta afirmación, índa máis cando o equipo participa como voluntari@ coa única recompensa da experiencia vivida.
 Co paso dos días as bromas e brincadeiras mestúranse cos achados, como na imaxe tomada na tardiña de hoxe desterrando unha fíbula de bronce, e do compañeirismo xurde a amizade. Dende a organización do Proxecto Armea 2011: Monte do Señoriño, agardamos que @s nos@s compañeir@s de escavación esten a vivir coma nós unha grande experiencia.






19 jul 2011

Visitas e máis visitas...

 Hoxe ás 11 da mañá o xacemento rupestre do Monte do Señoriño era un fervedoiro de xente, era día de visita. Non foi a única, á visita de onte do catedrático Marco V. García Quintela, quen non dubidaba en reafirmar de novo a funcionalidade cultual do conxunto, sumábase hoxe a do catedrático Antonio Rodríguez Colmenero quen, índa que admitindo a posibilidade desta hipótese, segue a pedir cautela até que rematen as escavacións arqueolóxicas. Teremos que seguir traballando:
 Labor omnia vincit improbus

Veciñ@s e turistas atenden e entenden con tódolos sentidos as explicacións da nosa compañeira Natalia. 
Marco V. Quintela conversa con Adolfo Fernández sobre a disposición das canalizacións rupestres. 
Antonio R. Colmenero procurando algún indicio concluínte no que semella ser unha gran pía triangular.



Rachando estereotipos...

 Recuperando unha vella reflexión dos colegas da Lanzada sobre os tópicos instalados na sociedade sobre o traballo arqueolóxico recuperamos esta secuencia de ferramentas usadas na nosa escavación do Monte do Señoriño: sacho, pa, machado, serras... e logo que foi do látego Indiana? ;)

18 jul 2011

O Proxecto Armea 2011: Monte do Señoriño nos medios de comunicación

 Nas ligazóns axuntas podedes visionar e ler as últimas notas de prensa derivadas das nosa intervención no Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño en Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz-Ourense). 


Capítulo 0 (17/07/2011):





16 jul 2011

#5# Proxecto Armea 2011: síntese de resultados da 1ª semana

 Nunha entrada anterior comprometémonos a ir contando en tempo real a evolución da nosa intervención no Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Con todo, optamos por editar os vídeos para darlle unha estructura lóxica, o que obrigábanos a retrasar a súa publicación. Así, en tempo "case que real" cunha semana de diferencia, presentamos os eventuais resultados da primeira semana de escavación. Pronto máis e mellor. ;)