Mostrando entradas con la etiqueta proxectos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta proxectos. Mostrar todas las entradas

11 abr 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA
3ª parte

 No anterior post comentábamos a potencialidade detectada no concello de Xinzo para un eventual programa de intervención arqueolóxica e posta en valor que procuraremos iniciar nos próximos meses. Asemade afirmábamos que o mellor xeito de implementar este proceso sería mediante a elaboración previa dun Informe de Valoración Patrimonial (IVP) individualizado para cada xacemento. Pero para que redactar este IVP?


 O obxectivo último da redacción deste IVP será o de plasmar obxectivamente, nun documento o máis sintético posible, os elementos máis reseñables de cada xacemento arqueolóxico analizado, de modo que sirva de guía para ordear futuras accións a executar sobre os mesmos (protección, escavación, musealización e difusión…), avaliando primeiramente cada lugar por separado para despois extraer conclusións comparativas de todo o conxunto patrimonial.

Que avaliamos neste IVP?


 A tódolos bens patrimoniais, incluso aos arqueolóxicos non escavados como é o caso da maioría dos citados, se lle recoñecen unha serie de valores ou cualidades positivas. Claro está que o preferente para un equipo de investigación como o do LAUV-GEAAT sería o valor informativo ou científico asociado a cada un destos lugares. Este valor radica na cantidade/calidade de información que de cada lugar podamos extraer para coñecer o pasado, xa que a historia, como é sabido, construese a partires dos seus vestixios. Con todo, este non é o único valor recoñecido pola sociedade, a maioría das veces nin sequera o consideran o máis importante, motivo polo que elaborar unha guía de intervención destes xacementos soamente en base a criterios informativos significaría deixar ó marxe precisamente ó grupo a quen debería ir dirixido: a comunidade, tanto local como visitante.

 É por todo o anterior que é necesario avaliar tamén outras características dos xacementos arqueolóxicos máis activas no imaxinario colectivo, como son os seus valores formais ou estéticos, atendendo ó estímulo que emana de cada sitio e a súa contorna (autenticidade, conservación, paisaxe…). Estos serán esenciais tamén para conseguir detectar qué xacementos poderían actuar mellor como referente arqueolóxico dos feitos que serven como fío condutor da Festa do Esquecemento, razón pola que será necesario ponderar ademáis os elementos asociativos ou simbólicos de cada lugar, tales como as lendas ligadas ó ben cultural, o uso que ten na actualidade, o contorno evocador, a integridade do lugar, etc.

 Por último, e sendo conscientes das dificultades da entidade peticionaria (o concello de Xinzo) nun contexto de crise financeira, falta de liquidez e limitación do crédito, outro factor esencial a valorar será o puramente económico, esto é, as posibilidades de converter un determinado xacemento nun recurso cultural activo, xenerador de riqueza e calidade de vida −o tan manido “estado do benestar”− para os xinzenses en particular e para a sociedade en xeral. Ese valor médese analizando factores tales como o grao de conservación, o tipo de propiedade no que se atopa (pública ou privada), a accesibilidade, etc., medíndose asemade o saldo entre o custo da intervención que se pretende executar en relación coa rendabilidade socioeconómica e cultural que se espera obter do mesmo.

¿Cómo elaboramos o IVP? 


A metodoloxía de traballo seguirá, a grandes trazos, o seguinte esquema:

A) Fixación da escala de análise nos xacementos tipo castro, romanos ou tardorromanos do Concello de Xinzo de Limia ou Concello e contorna. Asemade será necesario determinar os valores sociais recoñecidos a priori para cada un deles.

B) A partir da decisión previa tomada elaborarase unha primeira achega ós bens tentando alcanzar un coñecemento profundo dos mesmos. Este apartado desenvolverase en dúas fases, combinando traballo de gabinete e traballo de campo.


   B.1) Labor de pescuda. Consistente na investigación e recompilación de toda a documentación (bibliográfica, fotográfica, xeoespacial…) existente de cada ben. 





    B.2) Creación dunha base de datos xeorreferenciada que cumplirá as funcións dun SIX no resto do proxecto.

C) Determinación dos criterios de análise (histórico, simbólico, estético e económico).

D) Elaboración dunha ficha/enquisa modelo onde estén presentes tódolos criterios de análise histórico, estético, simbólico e económico arriba presentados. Esta permitirá a elaboración dun informe individual para cada xacemento así como cuantificar nun baremo promediado a súa relevancia.

E) Avaliación comparativa de todos as fichas individuais de valoración.

F) Redacción do IVP final e presentación.








4 abr 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA
2ª parte

POTENCIONALIDADE
 A Comarca da Limia, polas súas características ambientais e por ser unha auténtica encrucillada viaria, foi unha das zonas máis intensamente explotadas e habitadas dende os albores da presenza humana na zona, destacando sobre todo pola súa importancia os restos vinculados á Idade do Ferro e á época galaico-romana.
 A pesares desta riqueza arqueolóxica, non se realizaron aínda investigacións sistemáticas do seu rico patrimonio, se exceptuamos as catalogacións do patrimonio realizadas para o PXOM e as intervencións de salvamento ou urxencia realizadas no núcleo urbano de Xinzo que xeraron un aceptable, aínda que insuficiente, coñecemento sobre a realidade do Xinzo de época romana en adiante. Máis aló desta illa urbana, mínimamente intervida e investigada, esténdese un océano rural practicamente ignoto se obviamos a escavación feita nos anos 70 no Castro de San Nicolao de Novás por Covadonga Carreño (GA32032006) que en ningún momento tivo pretensións de valorización patrimonial.

Detalle dunha construcción circular do Castro de Novás (Foto: PXOM)


 Non obstante, na actualidade contamos cun instrumento que está resultando imprescindible para o coñecemento superficial deste pasado e a potencialidade dos xacementos localizados non só no límite do Concello senón tamén fóra do núcleo urbano: trátase do catálogo de lugares recollidos no Inventario Cultural do Planeamento Xeral de Ordenación Municipal do 12/05/2003 realizado por D. Roberto Yebra e Dna. Adriángela Menéndez. 
 Recentemente, o Grupo Marcelo Macías acometeu tamén unha nova catalogación do Patrimonio Cultural da Alta Limia, un proxecto subvencionado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza cuxos resultados aínda hoxe non se atopan dispoñibles. 

 En base ao documento recollido no PXOM, identificamos ata 16 posibles xacementos rurais romanos en chaira que poderían tratarse de unidades produtivas (tipo villa) de época romana e tardorromana. Entre estes cómpre destacar, polos restos en superficie ou pola extensión que parecen acadar, o do Mosterio de Faramontaos −muíño circular−, o de A Pedreira, As Anduriñas e o dos Pardieiros −muros en superficie− (todos eles en S. Miguel de Gudín); A cortiña Nova (en S. Salvador de Damil) −moi extenso e con abundante material en superficie−, o de Padrón ou A Cheda −de considerables dimensións− entre as aldeas de Ganade e San Vitoiro, alomenos dúas posibles villae en San Pedro de Laroá (Paredes e Gundís) e o xacemento coñecido como A Touza ou A Viña sito en fronte ao IES e moi próximo ao núcleo urbano de Xinzo.
 Xunto a estes, contamos con alomenos 9 establecementos habitacionais en alto e delimitados con defensas, coñecidos tradicionalmente coma castros, entre os que destacamos o de Novás (como xa dixemos parcialmente escavado), o pequeno pero tremendamente monumental do Outeiro de Almeide, en Sta. Marta de Laroá, onde apareceu un fragmento de escultura dun guerreiro, ou o da Cibdá de Morgade, parcialmente destruído a finais dos anos 90.
 Amais, moitos destes lugares están estreitamente vinculados con outros sitios ou áreas próximas, polo que sería imprescindible realizar un tratamento conxunto de varios xacementos se queremos obter un maior e mellor coñecemento do tecido construído pola historia do propio territorio límico e, por suposto, polas xentes que o habitaron.
 Exemplo desta simbiose e sinerxia entre varios xacementos arqueolóxicos son, por exemplo, o castro e o asentamento en chan de Seoane de Oleiros, que coinciden na mesma poboación; os xacementos en chan de Damil (A Cortiña Nova) e Os Freixos, que comparten protagonismo no entorno co Castro da Cerquiña ou tamén en Gudín, onde están catalogados os xacementos en chan de As Anduriñas, A Pedreira e os Pardieiros (aparición de muros en superfície), asi como uns sepulcros antropomorfos localizados no Alto do Seixo.

Principais agrupacións de xacementos castrexos e galaico-romanos


 Non podemos esquecer outros importantes xacementos de adscripción cultural anterior ou posterior no tempo ao período tardorromano, romano e da Idade do Ferro -nomeados anteriormente e que conforman o grupo máis importante en número- como serían os sitios medievais e os adscribibles ao Neolítico ou Idade do Bronce (necrópoles megalíticas, petroglifos). Entre estes, sen lugar a dúbidas, destaca a impoñente Torre de Pena, inmoble en bo estado de conservación que merecería ser obxecto por si mesmo dun proxecto de posta en valor.

 En vista de todo o argumentado, a potencialidade que presentan moitos destos lugares para un eventual programa de intervención e posta en valor amósase como incuestionable. Agora ben, esta intervención deberá ir necesariamente acompañada previamente dun estudio moito máis profundo que o recollido nas fichas do PXOM, que nos permita achegarnos a realidade de cada un dos xacementos. Este estudio debe ser feito en forma de Informe de Valoración Patrimonial −en adiante IVP−. Para qué redactar un IVP?? ...na próxima entrada. ;)

Vista desde o norte da torre de A Pena


22 mar 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA


Nos últimos días diferentes medios de comunicación, que podedes consultar na hemeroteca sita neste blogue (abaixo á dereita na sección Falan de nós!!!), veñen facéndose eco do novo proxecto de I+D no que nos embarcamos dende o LAUV-GEAAT. @s máis atent@s e seguidores do noso facebook e twitter de seguro que estades ó tanto dos obxectivos, medios, etc. pero para @s que non iniciamos con esta entrada unha serie de posts na que vos presentaremos o proxecto, agora da nosa man. ;)


O PORQUÉ 

Nos últimos anos Xinzo revalorizou unha parte do seu pasado 
prerromano e romano a partires dunha festa histórica, A Festa do Esquecemento, onde se recrea a chegada ata a marxe esquerda do “flumen oblivionis” ou río Limia-Lethes das lexións romanas comandadas por Décimo Xunio Bruto. Esta festa -celebrada no penúltimo fin de semana de agosto- foi gañando en importancia dentro do calendario festivo do Concello ata erixirse coma unha das festas históricas de referencia en Galicia. Sen embargo, esta potenciación  lúdica non foi á par da potenciación e coñecemento rigoroso do patrimonio arqueolóxico desta e doutras épocas que se pode atopar nos límites do Concello de Xinzo, o que xerou unha falla de referente arqueolóxico directo dos feitos que serven como fío condutor da festa.




 Este baleiro non é froito da inexistencia de xacementos que podan servir de fundamento e complemento da historia lendaria do concello -e por extensión da zona da Lagoa de Antela- senón máis ben pola falla de investigacións e estudos sobre os numerosos sitios arqueolóxicos dispersos por esta zona da Limia. É por esta razón pola que cremos que Xinzo de Limia precisa dun Proxecto de I+D que complemente esta oferta cultural e lúdica coa recuperación dunha parte do seu rico patrimonio arqueolóxico para contextualizar o seu pasado histórico dobremente argumentado: nas fontes clásicas e, por suposto, nos xacementos e restos mobles achados fortuitamente ou nas escavacións de urxencia levadas a cabo no Concello.



 É
 neste proxecto de investigación tan perentorio no que cobra sentido a presenza da Universidade de Vigo xa que, como é sabido, dende as últimas décadas ata a actualidade, a relación entre o Concello de Xinzo e a UVigo está sendo moi intensa, en especial coa área de arqueoloxía e con Fermín Pérez Losada, director do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, actualmente inserido no Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. É Fermín Pérez Losada quen comanda dende os inicios os afamados e concorridos simposios de arqueoloxía e historia que se organizan en Xinzo baixo o formato de cursos de extensión universitaria avaliados pola UVigo. Esta frutífera relación é o perfecto xerme para que dende o LAUV-GEAAT se acometa un proxecto de investigación e recuperación dun xacemento arqueolóxico do concello con suficiente entidade para que represente e visibilice o rico pasado da comarca.




 Amáis disto, xa existe un precedente de proxecto de I+D en materia de patrimonio arqueolóxico desenvolvido entre o LAUV-GEAAT e o Concello de Xinzo: trátase do proxecto ArqueoGenitio, executado en 2006 baixo o patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Ourense (convocatoria INOU 2005). Este proxecto consistíu na implementación dun sistema de información arqueolóxica, deseñado específicamente para Xinzo, que servise como ferramenta para a investigación, xestión e posta en valor do seu rico e emerxente patrimonio arqueolóxico urbano. A información resultado do proxecto ficou aloxada nunha páxina web de consulta pública e aberta que aínda reside, desgraciadamente sen actualizar desde 2007, nos servidores informáticos da universidade.


Esta simbiose entre o ámbito académico e administrativo local será sen dúbida a mellor garantía para asegurar non só a descuberta dunha parte significativa deste pasado, senón tamén a súa investigación e por suposto difusión social, xa que partimos da premisa de que sen unha adecuada transmisión do descuberto é imposible recuperar este excepcional patrimonio.




NOTA: Na próxima entrada profundizaremos na potencialidade de recuperar un conxunto patrimonial e  a necesidade de elaborar un informe de valoración previo.

28 feb 2012

Algo vai acontecer o vindeiro VENRES 16 de marzo!!!


Restan:

27 jun 2011

O xacemento do Monte do Señoriño de novo nos medios.

O conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea (Sta. Mariña de Augas Santas, Allariz) segue "dando que falar". Aquí fica o derradeiro artigo que saíu esta fin de semana na revista cultural Auria, suplemento do xornal La Región asinado polo arqueólogo Juán Manuel González Carballo e o xeólogo José Ramón Seara Valero. 

23 jun 2011

Proxecto Armea 2011: sobre as notas de prensa pre-intervención.

Por mor do "vórtice informativo" que de novo parece estar espertando nos medios de comunicación o proxecto de intervención arqueolóxica no conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea (Sta. Mariña de Augas Santas, Allariz); coidamos necesario -e máis unha vez- unha pequena crónica que aclare algunhas afirmacións que coidamos, cando menos, pouco atinadas. 

 Primeiramente, e a diferencia do que se cita nalgúns artigos (1), tal e como xa apuntábamos en entradas pasadas neste mesmo blogue, dende fai aproximadamente un ano o LAUV-GEAAT en colaboración co Concello de Allariz e o Museo Arqueolóxico de Ourense estábamos a implementar o procedemento necesario para recuperar o espacio arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea (Allariz, Ourense). Posteriormente, a propia entidade municipal de Allariz acordaría cos  arqueólogos David Pérez e Celso Barba a intervención no interior do propio castro  "tentando recuperalo para a súa visita" (2) e inserir o xacemento na ampla oferta cultural do Concello alaricano. 

 Os acontecementos precipitáronse cando o domingo 20/03/2011, Manuel Gago publicaba o xa famoso vídeo no que se daba a coñecer por vez primeira a estructura rupestre do Monte do Señoriño localizada tempo atrás por un veciño de Armea (Manuel Losada) e catalogada polo arqueológo Juan Manuel González Carballo, avisado pola Asociación de Estudios de Santa Mariña de Augas Santas. 

 Fora de interpretacións sobre a súa funcionalidade que analizaremos noutras entradas, este achado aceleraba a necesidade dunha pronta actuación na contorna. Agora non só co fin de revalorizar o conxunto, senón co obxectivo de protexer a estructura das numerosas visitas recibidas a posteriori de facerse pública a descuberta como apuntaba o teletipo da Axencia EFE e citado en numerosos medios dixitais. Así, dende o LAUV-GEAAT e baixo petición expresa do Concello de Allariz iniciamos os trámites para desenvolver esta actuación de emerxencia. Unha intervención programada para o mes de xullo. 

 En conclusión: 

1º) O Plan Director sobre o Conxunto Arqueolóxico, Histórico-Artístico e Natural de Armea non foi motivado pola aparición da estructura rupestre do Monte do Señoriño. A súa redacción índa está en proceso e require dun longo proceso de reflexión para garantir a necesaria multivocalidade do conxunto, permitindo tanto o seu estudio e conservación -requerido tanto pola Universidade como polo Museo Arqueolóxico- como o seu disfrute e divulgación apuntado polo Concello de Allariz e a propia comunidade local (Ayán et. al. 2011).

2º) A intervención que se practicará nas próximas semanas responde a dous obxectivos e espacios diferentes índa que necesariamente complementarios:

- a actuación xa apuntada por diferentes medios (3), practicada polo LAUV-GEAAT, cínguese ó Monte do Señoriño e procurará unha consolidación e interpretación das estructuras destapadas por Manuel Losada. Unha intervención que permitirá non só recuperar a información arqueolóxica dispoñible no xacemento, senón a súa correcta consolidación e exposición.
- por outra banda, e seguindo o programa de recuperación previsto (vid supra), os arqueólogos David Pérez e Celso Barba procurarán localizar e recuperar no interior do castro as construccións destapadas por F. Conde-Valvís Fernández a mediados do pasado século. Asemade realizarán diferentes sondaxes na croa procurando albiscar a secuencia de ocupación do xacemento. 


3º) Algúns escritos (4) falan dunha hipótese oficial que defende o valor cultual da estructura rupestre fronte outra máis funcional, tipo villae. Na nosa opinión non existe ningunha hipótese oficial. Tal e como apuntábamos no pasado os restos destapados a día de hoxe son todo e nada. Algúns investigadores como os catedráticos da USC Marco García e Antonio Rodríguez Colmenero -asesores científicos do proxecto- apuntan cara a primeira visión e outros como o propio arqueólogo que inventariaba o xacemento cara a segunda. Só unha intervención sistemática, baixo metodoloxía científica lonxe do estereotipo de Indiana Jones, podería axudar a solucionar este debate e  incluso esto podería non ser suficiente...polo que teremos que agardar... ;)


NOTAS:

6 jun 2011

...unha de romanos??

 Algo extraño acontecía hoxe na contorna de Armea. Nada máis chegar albiscábamos os balcóns e as galerías engalanadas con bandeiras, os colectores a modo de taboleiro de anuncios que informaban dunha eventual recadación, as vereas máis limpas do habitual e un grande número de persoas que semellaba procurar algo.


 Ó tempo que descendíamos o camiño cara o conxunto arqueolóxico o tronar de bombas  e o repicar das campás espertaba a nosa curiosidade e empurrábanos cara a Basílica da Ascensión case de forma inconsciente. Unha vez alí e o mirar os estandartes decatábamonos do día que era. Hoxe era o día no que se celebraba a famosa "Procesión dos Pendóns". Unha procesión de rogacións que percorre o camiño que hai dende a igrexa parroquial de Santa Mariña ata o castro de Armea. Un percorrido fixo e inalterable no tempo que funde tradición, lenda, historia e moita arqueoloxía. Tanta que ata os romanos nos acompañaron no noso camiñar.


 Nesta ligazón á Asociación de Estudios de Santa Mariña podedes mirar algunhas imaxes da procesión doutros anos:



28 mar 2011

Antonio Rodriguez Colmenero visita o achado de Armea

 Tal e como adiantábamos en anteriores entradas, o equipo do LAUV-GEAAT vén de implementar o plan de traballo que permitirá interpretar dende a perspectiva arqueolóxica o achado do señor Manuel Losada na contorna do conxunto arqueohistórico e artístico de Armea (Allariz). Con tal, paralelamente á redacción con carácter de "urxencia" do proxecto de escavación -por mor das numerosas visitas ó lugar- iniciamos os contactos cos diferentes especialistas en complexos rupestres que conformarán a asesoría científica. 
 Hoxe achegábase ó xacemento o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rodríguez Colmenero (c.v.), autor de numerosas publicacións relacionadas cos santuarios galaico-romanos. Ante a "pregunta do millón" sobre a funcionalidade do lugar, Rodríguez Colmenero apuntaba que a hipótese cultual poderíase soster na importancia do Monte do Señoriño como manancial e lugar de culto á auga aínda na actualidade, a distribución do que poderían ser  canalizacións, a coidada labra do "bancal" e incluso, coincidindo con García Quintela, na semellanza entre a regularidade e homoxeneidade das escadas visibles no lugar con santuarios como o de Argeriz en Valpaços. Con todo, en referencia a este último apunta unha maior complexidade no caso de Armea por mor a súa distribución en varias plataformas e a súa excepcional dimensión. 
 Namentres, por outra banda, para a hipótese funcional Rodríguez Colmenero localizaba in situ o que poderían ser negativos de construccións habitacionais, polo que aconsellaba ser cautos e agardar ata os resultados dunha escavación sistemática. Polo que teremos que seguir agardando. ;)

Antonio R. Colmenero visita ó achado do señor Manuel Losada (27/03/11)

Agradecementos:
Queremos aproveitar este recurso para agradecer a colaboración de Antonio Rodríguez Colmenero e a súa disposición para visitar o lugar, índa máis un día festivo e de choiva. 


 

23 mar 2011

A primeira opinión dun especialista apunta cara a funcionalidade do achado do señor Manuel Losada de Armeá como un santuario rupestre

 Despois do noso intento por contextualizar o achado na contorna de Armeá na entrada anterior, o vórtice informativo continúa. Hoxe mesmo no Telexornal Serán da TVG o profesor da USC García Quintela, que tentaremos forme parte da asesoría científica do noso proxecto, vén de apostar claramente pola adscrición tipolóxica do achado do señor Manuel Losada como un "santuario rupestre do tipo ben coñecido no norte de Portugal". Aventura tamén unha posible cronoloxía que podería abarcar na súa opinión "un longo período partindo dende a Idade do Ferro".

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

"Tómate un respiro, tómate un proxecto de investigación"

  Por mor do vórtice informativo destos días no referido o achado na contorna de Armeá, en sintonía cos principios de visibilización e divulgación da labor investigadora que defendemos dende o LAUV-GEAAT, lonxe de calquer mostra de escurantismo que nada aporta a salvagarda e coñecemento do noso patrimonio; coidamos necesario unha pequena crónica de todo o acontecido ata agora. 
 Como era coñecido por tod@s dende fai aproximadamente un ano, e recollido nos medios* nos últimos meses, dende o LAUV-GEAAT-en colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense, o Concello de Allariz e os arqueólogos David Pérez e Celso Barba- estamos a implementar o procedemento necesario para recuperar o espacio arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armeá (Allariz, Ourense). Un xacemento, cunha riqueza simbólica sen parangón, esquecido nas últimas décadas pola arqueoloxía galega (González Soutelo, 2007). 

Guerreiro da Cibdá de Armea, Allariz
   O noso obxectivo pasa pola recuperación, estudio e divulgación non só das estructuras e materiais asociados ó xacemento arqueolóxico senón da memoria aínda viva do lugar. Estamos non só ante un xacemento cun potencial prometedor para comprender a evolución do poboamento dende a protohistoria ata os nosos días,  senón tamén ante un lugar de culto aínda vivo para a comunidade, polo que calquer intervención deberá contar coa súa aprobación e participación. Deste modo, o que pretendemos é visibilizar un dos enclaves patrimoniais máis ricos e complexos do Noroeste da Península Ibérica. Simplemente recollemos a chamada de atención lanzada xa por  F. Conde-Valvís Fernández (1950-1951; 1959), única persoa que ata o momento escavou no conxunto, quen recomendou a posta en valor dos restos destapados que, polo esquecemento xeral, foron esmorecendo ata desaparecer e hoxe mostrarse ilocalizables. Un obxectivo respaldado por moitos persoeiros da cultura galega e ourensá de onte e de hoxe, dende Ferro Couselo ata Fariña Busto (2002).

Planimetría escavación Conde-Valvís (1959)
 O pasado domingo 20/03/2011, Manuel Gago no seu fantástico blogue Capítulo 0 publicaba un vídeo no que amosaba da mán dun veciño de Armeá, Manuel Losada, o que el denominaba "posible santuario galaicorromano da cidade de Armea". Un xacemento de dificil caracterización catalogado pouco tempo antes  (20/02/2011) pola Asociación de Estudios de Santa Mariña de Augas Santas e o arqueólogo Juan Manuel González Carballo que o adscribía á época romana a partir da lectura dos poucos restos cerámicos detectados en superficie e algunhas "tegulas de tipo plano e fragmentos de imbrices". 



 A semente botada pola encomiable labor de divulgación de Manuel Gago daba os seus froitos en poucas horas cando unha morea de curios@s, especialistas ou non, visitaban de xeito virtual o achado do señor Manuel Losada. 
 Ó día seguinte a TVG, consciente da repercusión do vídeo e do propio achado, púxose en contacto con Manuel Gago para cubrir a nova. O xornalista de Capítulo 0, coñecedor do proxecto de investigación implementado para Armeá, derivou o contacto cara nós. Deste xeito, como ben dí Manuel Gago no seu blogue, "os arqueólogos puideron achegarse a Armeá a coñecer o lugar, pero tamén o conxunto da cidadanía puido informarse".


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 O vórtice informativo seguía medrando cando onte, 23/03/2011, de novo a TVG achegábase a Armeá para cubrir a visita de Francisco García, alcalde de Allariz, quen facía firme o seu compromiso co orixinario proxecto de investigación, agora integrando tamén o novo achado que será escavado con carácter de urxencia nos próximos meses.


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 ¿PERO QUE É EXACTAMENTE O ACHADO DO SEÑOR MANUEL LOSADA?

 A día de hoxe é todo e nada. Se ben é certo que a súa morfoloxía, as escadas, as canalizacións ... poderían ter paralelos nos denominados santuarios rupestres galaicorromanos como ben dí Gago, tamén é certo que poderíamos estar simplemente ante rebaixes funcionais, algún tipo de construcción productiva ou construccións habitacionais como apunta o propio Juan Manuel González Carballo na ficha do inventario. 
 O seu emprazamento apunta ademáis á zona con ocupación máis tardía, algo a ter en conta á luz da importancia do lugar como zona de difusión de igrexas prerrománicas, abundante documentación relacionada con Celanova e Ourense que falan dun poboamento aldeán maduro para o século IX como apunta o medievalista Alvaro Rodríguez. 
 É por todo que a día de hoxe, nun estado embrionario, nada podemos afirmar. Agardamos que tanto a intervención dos próximos meses, como a asesoría de diversos especialistas poidan aportar máis luz. Con tal, recuperando unha vella promesa: acendemos fachón dende Armeá. 


 Seguiremos informando. ;)






Agradecementos:
Queremos aproveitar este recurso para agradecer a Manuel Gago que contara con nós dende o inicio, ó Alcalde de Allariz pola súa confianza e compromiso na salvagarda, investigación e difusión do patrimonio, ós diferentes especialistas que colaboran desinteresadamente: Álvaro Rodríguez, Antonio R. Colmenero, Brais X. Currás, Sande Lemos... e especialmente a Manuel Losada, unha ledicia de persoa cun amor encomiable polo patrimonio.

Bibliografía empregada no texto:

Conde-Valvís 1959: CONDE-VALVÍS FERNÁNDEZ (F.) – Dos villas romanas de la Cibdá de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas, en Revista de Guimarães, 69, 1959, p. 472-500.
Fariña Busto 2002: FARIÑA BUSTO (F.) – Santa Mariña de Augas Santas, Serie: Guías do Patrimonio Cultural 7, Fundación Caixa Galicia-Grupo Marcelo Macías, 2002.
González Soutelo 2007: GONZÁLEZ SOUTELO (S.) – Dos yacimientos gallegos olvidados: Moraime (Muxía, A Coruña) y Armeá (Sta Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense), en Gallaecia, 26, 2007, p. 69-84.
Notas:
 

27 may 2010

Céramopôle, un programa de investigación transversal.

  Dende Aix-en-Provence (Francia) chegan novas dos membros do LAUV espallados polo mundo. CÉRAMOPÔLE, un progama de investigación ceramolóxica transversal entre varias universidades galas e o CNRS. Unha ligazón interesente para ollar e reflexionar sobre o programa de traballo noutros países europeos. Botádelle un ollo... se cadra co EEES algún día importemos o modelo.




26 may 2010

CURSO PRÁCTICO DE METODOLOXÍA ARQUEOLÓXICA: REXISTRO E ANÁLISE DE XACEMENTOS E MATERIAIS

  Énchenos de ledicia difundir o tríptico do curso onde tendes tódala información necesaria que sintetizamos a continuación:
  • Prazo de inscrición: Ata o día 14 de Xuño.
  • Número de horas: 32
  • Validación: 2 Créditos de libre elección / 1 ECTS
  • Número de prazas: 40
  • Lugar: Edif. de Facultades:  Sala Muliusos e Aula informática do soto; Aula 3.4 do 3º  andar.
  • Taxas: 20 Eur. (bolseiros); 30 Eur. (alumnos, PDI, PAS, membros de ALEHOU); 40 Eur. (público en xeral)
  • Relatores convidados: 
    Jesús Bermejo Tirado
    , G.I. Mosaicos hispano-romanos (Consejo Superior de Investigaciones Científicas)

    César Parcero Oubiña & Pastor Fábrega Álvarez, Laboratorio de Patrimonio  do CSIC (Instituto Padre Sarmiento)
    Rui Morais, profesor de Arqueoloxía da Universidade do Minho, Braga (Portugal)
    Fernando Carrera Ramírez, Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia




AGRADECEMOS A MÁXIMA DIFUSIÓN

24 may 2010

CURSO PRÁCTICO DE METODOLOXÍA ARQUEOLÓXICA: REXISTRO E ANÁLISE DE XACEMENTOS E MATERIAIS

  Semella que co fín das eleccións ó Reitorado torna a normalidade á Vicerreitoría do Campus de Ourense. Con tal, énchenos de ledicia difundir o novo cartaz dos Cursos de Verán 2010 nos que procuramos inserir  un bocadiño de metodoloxía arqueolóxica. Mirámonos os días 21, 22, 23 e 24 no Edificio de Facultades [Edificio de Ferro]. 


...seguiremos informando. ;)

21 may 2010

Catálogo do patrimonio cultural da Alta Limia.

  Resultado do convenio de colaboración 2006-2007 entre a Fundación Pedro Barrié de la Maza e o Grupo Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico de Ourense implementábase o Proxecto de Catalogación do Patrimonio Cultural da Alta Limia ourensá. Como consecuencia directa de tal proceder chega ata nós na actualidade, aínda en fase experimental, unha nova ferramenta en rede que permite acceder a tódalas fichas dos bens patrimoniais catalogados nesta zona. Un proxecto que sumado ás posibilidades abertas anos atrás por ARQUEOGENITIO, como sistema de información da arqueoloxía urbana da cabeceira comarcal, a caracteriza como un dos espacios galegos con mellores  posibilidades para a investigación, xestión e posta en valor do seu patrimonio arqueolóxico.


20 may 2010

A Bela Auria: unha paisaxe cultural de preguerra

  A Asociación de Licenciados e Estudiantes de Historia de Ourense -ALEHOU-, pulo dinamizador de tódalas actividades do LAUV, ven de presentar as primeiras Xornadas de Historia Contemporánea da Festa da Historia de Ourense baixo o título A historia dentro da historia. Unha actividade enmarcada dentro dun proxecto máis amplo como é A Bela Auria, unha festa de recreación histórica ambientada no Ourense da xeración Nós e agrupada en bloques temáticas diferentes:
- A propia Bela Auria que amosará actividades situadas cronolóxicamente a comezos do século pasado a modo de exposicións, actuacións musicais...

- Saberes Perdidos a modo de obradoiros que procuran amosar o coñecemento artesanal dunha sociedade menos industrializada como a do Ourense de preguerra. 

- A xornada de A Historia dentro da Historia que contará coas intervencións do arqueólogo municipal José María Eguileta e da nosa compañeira Ana Cebreiros, entre outros,  co Ourense do século pasado e o papel da muller no franquismo como eixos das súas palestras. 
 Dende aquí queremos animar a tódolos interesados a asistir vestidos de época e disfrutar dunha máis que interesante proposta cultural e de lecer. 


+ info: