Nunha entrada anterior onde sintetizábamos os nosos obxectivos para o Proxecto de Intervención Arqueolóxica no Monte do Señoriño 2011, comentábamos que un dos nosos propósitos era ofertar á sociedade a posibilidade de achegarse ó xacemento e coñecer in situ como é a actividade arqueolóxica. Unha iniciativa que permitiría rachar cos tradicionais estereotipos sobre os arqueólogos ó tempo que se descubría o espectacular xacemento rupestre que estaba a ser escavado no lugar de Armea. "Unha actividade divulgativa e accesible para toda a sociedade" diciamos no vídeo de presentación do proxecto que resultou tremendamente positiva cun "cheo" absoluto tódolos días de visita en horario de mañá e tarde.
Unha vez rematado o traballo de campo, e á espera da labor de gabinete que implementaremos en setembro e da que daremos cumprida información neste blogue, a nosa aposta por socializar o coñecemento como parte do proceso científico, parafraseando a Manuel Gago nun dos seus interesantes post, continúa tamén neste mes de Agosto. Con tal, ó abeiro do II Encontro de Cesteiros que se celebrará na fermosa vila de Santa Mariña de Augas Santas e facendo un pequeno receso nas nosas vacacións, este sábado día 13 de Agosto estaremos de novo no xacemento para ensinar un pouco e aprender moito máis de tod@s os que vos acerquedes por alí. Agardámosvos. ;)
No hay comentarios:
Publicar un comentario