30 may 2011

A UVigo.tv gravará as palestras do curso de verán "Castros do interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao"

  De novo, gracias a colaboración da Vicerreitoría de Innovación e calidade/ Servizos Informáticos de Investigación, a UVigo.tv gravará as palestras presentadas no curso de verán "Castros de Interior: a Idade do Ferro do NO Peninsular a través do exemplo limiao".


 Deste modo tod@s @s que non podades asistir ó curso teredes a posibilidade de descarga e visionado das  palestras presentadas en Xinzo da Limia entre o 13 e o 16 de xuño de 2011. Unha iniciativa cun grande callado como amosan os números de visionado doutras actividades semellantes:
  • I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste: Arqueoloxía e Territorio _
    + de 3000 visualizacións. (
    PLAY
  • I Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica: rexistro e análise de xacementos e materiais _
    + de 2000 visualizacións. (
    PLAY)
  • II Encontro de Estudios sobre Cerámica Antiga do NOroeste Peninsular _
    + de 1000 visualizacións. (PLAY)

25 may 2011

"Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao"

 ...a Vicerreitoría do Campus de Ourense vén de colar na súa web a lista de cursos ofertados para este verán de 2011 (descarga aquí). Neste tríptico atoparedes os datos de inscrición para un curso organizado por nós baixo o título "Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao". Un encontro, a celebrar en Xinzo de Limia (Ourense) do 13 ó 16 de xuño, que permitirá paliar en parte o déficit de coñecemento vencellado á Cultura Castrexa lonxe do litoral.


Castro de A Saceda (Cualedro, Ourense) -Fot. Mani Moretón-


 Mediante o desenvolvemento e exposición dunha temática de especial interese nos nosos tempos, como é o da cultura castrexa, exemplificada a través dos estudios realizados na comarca da Limia e zonas próximas de Ourense, norte de Portugal, Zamora e Asturias; tentaremos ofrecer ós universitarios, docentes e público en xeral un marco de encontro e formación no que poidan profundizar sobre o coñecemento histórico, especialmente aquel que amosa as súas propias raíces locais.

  En pouco publicaremos neste blogue tódala información. Seguide atent@s!!



20 may 2011

O MUSEO Arqueolóxico de Ourense na nosa MEMORIA

 O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense pese a vivir unha situación máis propia dunha película de Buñuel, despois de case unha década fora da súa sede, segue a programar actividades de formación e difusión de cara á cidadanía. Xa en varias entradas pasadas comentábamos a aposta renovadora dos obradoiros de verán para rapaces. Unha actividade promovida pola nosa compañeira Begoña Garrido que descansa na vangarda da arqueoloxía galega, completando a triada funcional clásica da xestión, investigación e difusión coa esquecida didáctica. Mágoa que en tempos de crise o primeiro sitio onde meter a tesoira sexa no eido cultural, agás nos consabidos proxectos megalómanos, índa que ese xa é outro tema... :+
 O pasado mércores 18 de maio foi o Día Internacional do Museo. O tema escollido este ano era Museo e Memoria e para celebralo o Arqueolóxico de Ourense organizou dúas actividades paralelas que podedes albiscar nos vídeos axuntos: unha na Sala de San Francisco e outra no Laboratorio de Restauración do centro, sito en Santa María de Europa. Nós tivemos a oportunidade de asistir á segunda, unha acción guiada dun xeito loable polo Conservador-Restaurador Lois Méndez amosándonos o seu quefacer. Con todo, ámbalas dúas actividades contaron cun notable éxito de participación amosando que o MUSEO índa segue vivo na MEMORIA cidadá malia o seu esquecemento noutras esferas. ;)



18 may 2011

JIA 2011 Faro (Portugal)

 Fructuosa foi a nosa visita as IV Jornadas de Jovens em Investigaçâo Arqueológica de Faro. Non tanto polas sesións temáticas ás que gostamos de asistir, senón pola posibilidade de entrar en contacto con outros investigadores coas mesmas motivacións e intereses que nós. Con eles, ó igual que con vós, compartimos o noso póster que participaba na sesión: Tecnoloxías dixitais e metodoloxías computacionais no proceso de investigación arqueolóxica
 Especialmente productiva foi a Mesa Redonda coordinada por Estrat Jove, Jaime Almansa, o NAP e ORJIA baixo o estimulante título: ¿Arqueología para qué, Arqueología para quién? onde ideoloxía, economía, identidade, vocación, etc. encheron horas de debate no que xurdiron interesantes iniciativas como a necesidade de mudar o actual modelo de empresa en prol dun modelo máis asociacionista. Estaremos moi atent@s a esta iniciativa. Podedes descargar  -namentres non se publican as actas- os resumos nesta ligazón
 O próximo ano máis e mellor na nosa terra. Xa resta menos para o JIA 2012 Compostela.

9 may 2011

Ampliado prazo de inscrición para participar no 2º Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba (Lugo)

  O vindeiro verán a vila lucense de Vilalba servirá de punto de encontro para "catar" a actualidade arqueolóxica do Norte da Península Ibérica. A capital da Terra Chá acollerá os días 20,21,22 e 23 de xullo o seu 2º Congreso Internacional de Arqueoloxía no que tamén nós participaremos cunha proposta de análise territorial sobre o proceso de sinecismo da Idade do Ferro. 


 Xa podedes consultar algúns dos resumos confirmados. O prazo de inscrición para participantes remata o 16 de maio
Animádevos a participar ;)




3 may 2011

«Finis coronat opus»

 O xornal Faro de Vigo vén de publicar unha pequena reseña da tese de doutoramento do noso compañeiro Adolfo Fernández. Pese a ser unha nova mostra da diverxencia da conceptualización entre investigación e xornalismo, reducindo unha excelente labor de anos baixo o titular booleano de "¿Fue Vigo un puerto de esclavos?", o empregamos de  pretexto para publicitar a súa pronta defensa e agardamos tamén que publicación. Parabéns Adolfo, <<finis coronat opus>>.

A. Fernández no I Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica

 Título da tese El comercio tardoantiguo (ss. IV-VII) en el Noroeste peninsular a través del registro arqueológico de la ría de Vigo.
 Autor/a  Adolfo Fernández Fernández
 Directores/aa Fermín E. Pérez Losada
 Departamento Historia, Arte e Xeografía
 Data de depósito   18 de abril de 2011

22 abr 2011

Situando Armea no espacio...cartográfico

Xavier Riádigos no proceso de triangulación dende V.G. 22603 - Boa (Taboadela)
 Como ben sabedes @s arqueólog@s temos que facer fronte ás veces a unha gama de actividades para as que non temos competencias. Dende coñecementos de urbanismo  para os PXOM ata redacción de proxectos para a administración, pasando polo uso de estacións totais, software de deseño gráfico, SIX... Unha situación -denunciada de xeito recorrente polo GEAAT- derivada da carencia dunha titulación específica en arqueoloxía que condena ós profesionais presentes e futuros á autonomía formativa.
 Con todo, namentres non chega o momento que as universidades españolas adapten os curricula á realidade laboral, sempre podedes tirar de contactos e a cambio dun bo xantar vos axuden a establecer a planimetría dun xacemento. 
 Sirva entón este post para agradecer a axuda de tod@s es@s amig@s que colaboran desinteresadamente nos nosos proxectos. ;)

14 abr 2011

A actividade arqueolóxica torna a Armea

 Onte pola tarde o conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea pasaba a ser por unhas horas o laboratorio de prácticas dun grupo de alumn@s da licenciatura de Historia da Universidade de Vigo. Na súa compaña percorrimos a contorna do castro empregando a microtoponimia como única guía do xacemento, tentamos localizar nos valados elementos arqueolóxicos reutilizados e fixemos algún exercicio de prospección con GPS. Con todo, albiscamos que a maior lección foi a que puideron recuperar das verbas dos veciños, auténtica Arqueoloxía da Memoria.

Prospección arqueolóxica con Xeo-Rádar na área dos túmulos III-IV da necrópole das Xunqueiras/Pedreiras no CUVI (Campus das Lagoas Marcosende da Universidade de Vigo)

 A nosa compañeira Beatriz Comendador Rey, seguindo a filosofía xa establecida noutros traballos  como o Proxecto Urdiñeira e acorde coa estratexia de visibilización e divulgación da labor investigadora que defendemos dende o GEAAT, vén de crear un perfil denominado Arqueo-CUVI no Facebook para informar do desenvolvemento dos traballos realizados nos xacementos arqueolóxicos que se atopan na contorna do Campus Universitario de Vigo, entre os que destacan a necrópole tumular e o xacemento de Monte das Cabanas. Xacementos que son obxecto dun  proxecto integral para o seu estudio e posta en valor promovido pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.

Os túmulos III e IV da necrópole das Xunqueiras-Pedreiras, coa Serra do Galiñeiro ó fondo

 Hoxe mesmo arranca a prospección con Xeo-Rádar na área dos túmulos III-IV da necrópole, un traballo que será realizado pola empresa INGENIERIA INSITU S.L.
 A actuación prevista é a prospección non invasiva con equipo de Xeo-Rádar, sen remoción de terras nin alteración do terreo. O Xeo-Rádar XPR é unha ferramenta relativamente nova de inspección non invasiva do subsolo que se basea na emisión e recepción de impulsos electromagnéticos. Actualmente está mellorando os seus resultados en aplicacións arqueolóxicas grazas ós últimos avances no procesamento en tres dimensións. A súa principal vantaxe fronte a outras técnicas non destrutivas, como a prospección magnética, é a súa maior capacidade de resolución das posibles estruturas ou restos enterrados. 
 O traballo dirixido por Beatriz Comendador consistirá na inspección do subsolo mediante o XPR e o equipo de antena receptora. O XPR detectará os cambios nas propiedades electromagnéticas dos medios atravesados, producindo que parte da enerxía sexa reflectida. A antena receptora disposta na superficie detectará estas sinais xerando una serie de rexistros, permitindo obter una imaxe da historia das reflexións baixo a liña de desprazamento da antena.
 O obxectivo principal é valorar a potencialidade arqueolóxica da zona co obxectivo de deseñar unha futura intervención arqueolóxica, tanto da zona dos túmulos, como do espazo contiguo. Procurando obter información tanto sobre a presenza de estruturas (estrutura intratumuluar, aneis, coirazas…) como de posible estruturas negativas.


 Agardamos con inquedanza os resultados, namentres podedes facervos unha idea  do seu potencial con este vídeo dun traballo semellante neste caso aplicado á cidade romana de Empúries. ;)




+ vídeos na nosa canle de Youtube: http://www.youtube.com/user/LAUVGEAA

4 abr 2011

Bosquexo do xacemento rupestre do Monte do Señoriño de Armea

 

 Unha pequena mostra do que albiscamos a día de hoxe, con anterioridade á intervención, no Monte do Señoriño. En pouco compartiremos máis detalles do proxecto. ;)

28 mar 2011

Antonio Rodriguez Colmenero visita o achado de Armea

 Tal e como adiantábamos en anteriores entradas, o equipo do LAUV-GEAAT vén de implementar o plan de traballo que permitirá interpretar dende a perspectiva arqueolóxica o achado do señor Manuel Losada na contorna do conxunto arqueohistórico e artístico de Armea (Allariz). Con tal, paralelamente á redacción con carácter de "urxencia" do proxecto de escavación -por mor das numerosas visitas ó lugar- iniciamos os contactos cos diferentes especialistas en complexos rupestres que conformarán a asesoría científica. 
 Hoxe achegábase ó xacemento o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rodríguez Colmenero (c.v.), autor de numerosas publicacións relacionadas cos santuarios galaico-romanos. Ante a "pregunta do millón" sobre a funcionalidade do lugar, Rodríguez Colmenero apuntaba que a hipótese cultual poderíase soster na importancia do Monte do Señoriño como manancial e lugar de culto á auga aínda na actualidade, a distribución do que poderían ser  canalizacións, a coidada labra do "bancal" e incluso, coincidindo con García Quintela, na semellanza entre a regularidade e homoxeneidade das escadas visibles no lugar con santuarios como o de Argeriz en Valpaços. Con todo, en referencia a este último apunta unha maior complexidade no caso de Armea por mor a súa distribución en varias plataformas e a súa excepcional dimensión. 
 Namentres, por outra banda, para a hipótese funcional Rodríguez Colmenero localizaba in situ o que poderían ser negativos de construccións habitacionais, polo que aconsellaba ser cautos e agardar ata os resultados dunha escavación sistemática. Polo que teremos que seguir agardando. ;)

Antonio R. Colmenero visita ó achado do señor Manuel Losada (27/03/11)

Agradecementos:
Queremos aproveitar este recurso para agradecer a colaboración de Antonio Rodríguez Colmenero e a súa disposición para visitar o lugar, índa máis un día festivo e de choiva.