2 dic 2011

Inscrición Deutschland 2012

  "MEDIDAS ANTICRISE OIA, 7 DÍAS EN ALEMAÑA POR 375 Euros!!!!!!"
  Como sabedes dende o LAUV-GEAAT, xunto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense, estamos a xestionar de novo  unha viaxe de estudios arqueolóxicos. Botádelle un ollo ó programa deste ano:




 IMPORTANTE:
  • Poderán participar na viaxe preferentemente profesores, investigadores, egresados e alumnos de Historia da Uvigo (grao, licenciatura, máster/doutoramento), así como tamén procedentes doutras licenciaturas e/ou universidades.

  • O número máximo de prazas dispoñibles é de 20 (4 automobiles).
     
  • PRAZO DE INSCRICIÓN PECHADO

21 nov 2011

Intervencións no conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea

 O Concello de Allariz, nunha nova mostra de sensibilidade polo seu patrimonio, convidounos a presentar os primeiros resultados da nosa intervención deste verán no conxunto rupestre do Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Alén disto teremos a oportunidade tamén de coñecer de primeira man os interesantes achados dos colegas Celso e David na zona escavada por F. Conde-Valvís a mediados do século XX. O encontro terá lugar no Fogar do Maior de Allariz o vindeiro 2 de decembro de 2011. Animádevos a asistir!! ;)


18 nov 2011

Deutschland 2012

  Despois da excelente experiencia da England Archaeological Tour 2010 e da exótica ruta por Estambul e a costa xonia da Türkiye 2011 o LAUV-GEAAT, xunto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense, xestionará de novo  unha viaxe de estudios arqueolóxicos. Nesta ocasión o destino final será o limes xermánico!!!!     
 
    
 Continuando coa filosofía "low-cost" doutros anos a viaxe será autoxestionada, é dicer, lonxe de viaxes programados por axencias. A data xirará arredor do entroido de 2012 e o precio total non superará os 400 Eur. (con viaxe, aloxamento e visitas incluídas). Se estas interesad@ en asistir fica atent@ ás plataformas de difusión do grupo (redes sociais, blogue...).

29 oct 2011

Seguimos mellorando a grella da TV...

  A UVigo.tv, na súa mediateca pública, vén de presentar a posibilidade de descarga e visionado das  palestras presentadas no Curso de Verán: Castros do Interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao celebrado na vila de xinzo o pasado mes de xuño. ;)

25 oct 2011

Poñendo as cousas en orde...

 Despois do productivo III EDESCANOP tentamos agora poñer un pouco de orde na rede que a temos un pouco esquecida... ;)
 Para comezar aquí fica o pdf prometido co aparato gráfico da primeira comunicación pública sobre a nosa intervención do verán defendida nas IX Xornadas Castrexas de Cambre: O xacemento rupestre do Monte do Señoriño: un novo valor ao conxunto patrimonial de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Pronto tornaremos ó xacemento para consolidar os muros e facer as drenaxes de cara o inverno. Asemade o estudio do material segue en marcha e... máis, moito máis... pronto veredes máis!!


7 oct 2011

IX - Xornadas Castrexas de Cambre


 Mañá marchamos a Cambre (A Coruña) onde fomos convidados para participar nas súas Xornadas Castrexas, nin máis nin menos que á IX edición, coa ponencia O xacemento rupestre do Monte do Señoriño: un novo valor ao conxunto patrimonial de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Será a primeira comunicación pública sobre a nosa intervención do verán, só un par de meses despois. Con todo, pese a esta premura, algunha que outra novidade presentaremos... ;) 
 Premede aqui para descargar o programa completo e animádevos a asistir!!! ...compartiremos mesa tamén cos colegas da Lanzada. Unha oferta litoral-interior ideal para un sábado pola mañá. Ou non??

 Ó tornar poremos á vosa disposición a nosa presentación, para quen non goste de madrugar os sábados. ;)
 

28 sept 2011

Últimas prazas dispoñibles para asistir ó IIIº Encontro De Estudios Sobre Cerámica Antiga Do Noroeste Peninsular

 Xa somos 37 @s inscrit@s para participar no obradoiro teórico-práctico sobre ánforas de época romana a celebrar na cidade de Ourense o 13 e 14 de Outubro de 2011, superando deste modo todas as previsións de participación. Malia isto, e co obxectivo de achegar esta actividade a un maior número de interesad@s na temática, abrimos un último prazo de inscrición até o luns 3 de outubro para os máis "indecisos". Chegaremos ós 40??
 Xa sabedes, máis info e formulario de inscrición aquí: http://webs.uvigo.es/lauv-web/IIIEDESCANOP

8 sept 2011

Xa temos programa para o III EDESCANOP...

 Tal e como comentábamos onte aquí fica o programa e método de inscrición do III EDESCANOP:


7 sept 2011

IIIº Encontro De Estudios Sobre Cerámica Antiga Do Noroeste Peninsular, vai facendo un sitio na túa axenda...

 Xa estamos de volta e toca tornar ó traballo... :( 

 Namentres seguimos a lavar e procesar o material recuperado na escavación do Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño (Armea, Allariz) o pasado mes de xullo, do que damos boa conta en tempo real nas redes sociais e do que pronto teredes novas neste blogue; xa estamos dando as últimas pinceladas ó futuro Encontro De Estudios Sobre Cerámica Antiga Do Noroeste Peninsular -EDESCANOP-. Unhas xornadas formativas, as terceiras xa, cun grande éxito de participación.
 Estos encontros xurdiron no ano 2007 como plataforma de reunión e discusión de especialistas en estudios cerámicos do Noroeste, e como tal, celebrouse o primeiro EDESCANOP. Os organizadores optamos, dous anos despois (2009), por trocar o enfoque cara un encontro concibido como unha actividade formativa, teórica e práctica, destinada a cubrir baleiros formativos de profesionais da arqueoloxía, estudiantes de historia e investigadores en xeral. Con este obxectivo en mente, o IIº EDESCANOP artellouse sobre a figura do máis importante experto sobre a cerámica tardorromana de produción africana: Michel Bonifay. Da man deste investigador e doutor no Centre National De La Recherche Scientifique (CNRS), durante dúas xornadas, achegouse a cerámica africana de época romana aos máis de 30 participantes.
  O alto número de matrículas superaba todas as nosas expectativas. Entre os asistentes atopamos un nutrido grupo de profesionais da arqueoloxía, estudiantes das tres universidades galegas, amais de persoal de distintas institucións ligadas á arqueoloxía (Museos, Deputacións, Concellos…etc.). Todos conscientes, e así nolo comunicaron, da oportunidade que lles brindaba o IIº EDESCANOP como unha actividade única na nosa comunidade e tremendamente útil para a súa formación e profesión.

  Co IIIº EDESCANOP pretendemos satisfacer de novo estas demandas formativas, detectadas xa na pasada edición de 2009, recollendo o seu interese en organizar un curso teórico/práctico sobre as ánforas de época romana. Non obstante, o universo anfórico antigo é tremendamente amplo e complexo, polo que foi necesario acoutar o marco do IIIº EDESCANOP únicamente ás ánforas romanas de produción peninsular (Béticas e Lusitanas) deixando para futuras edicións outras produción anfóricas mediterráneas –tamén documentadas no NO−, en especial as orientais, unha vez que as ánforas producidas na Tunisia xa foron tratadas no 2009. 



  Para cubrir todo este panorama anfórico peninsular de época antiga dende unha achega teórica e práctica, o IIIº EDESCANOP medra considerablemente con respecto a edicións pasadas. É por isto que a actividade desenvolverase en dúas xornadas: o xoves 13 e venres 14 de outubro de 2011, guiadas polos meirandes especialistas das tres zonas produtoras máis importantes (coa inclusión das producións da Galicia, minoritarias respecto ás outras pero de enorme interese para a nosa comunidade científica):

- O profesor da Universidade de Sevilla D. Enrique García Vargas para as producións do val do Guadalquivir.

- O profesor da Universidade de Cádiz, D. Darío Bernal Casasola quen abordará as producións anfóricas da zona costeira de Andalucía occidental.

- O profesor da Universidade de Lisboa (FLUL), D. Carlos Fabião quen exporá a realidade sobre as producións anfóricas da Lusitania, amais de abordar as producións locais/rexionais.

- O profesor da Universidade do Minho, D. Rui Morais quen exporá a realidade sobre as producións anfóricas locais/rexionais do NO.


  Pronto colaremos aquí máis información sobre como inscribirse e o programa definitivo. Namentres vai facendo un sitio na túa axenda... ;)

16 ago 2011

Damos un paseo???

 O II Encontro de Cesteiros, organizado polo Concello de Allariz e celebrado na fermosa vila de Santa Mariña de Augas Santas os días 13 e 14 de Agosto, foi todo un éxito de participación. Até alí achegámonos nós o sábado para, xunto con preto de cen asistentes "locais e visitantes" como dirían @s colegas de Barxacova, aprender a diferenciar algunhas das especies moldeables da nosa terra, e de fora tamén... 
 Asemade, ó abeiro deste encontro tivemos a oportunidade de disfrutar dun maravilloso paseo pola contorna de Santa Mariña de Augas Santas, incluídos o Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño de Armea e as "re-escavacións" de Conde-Valvís, ámbalas dúas intervencións presentadas dun xeito ameno e próximo polos seus directores. Unha pequena andaina de menos de 3km cun grande interese histórico-artístico, arqueolóxico e natural na que artesanía e arqueoloxía camiñaron da mán durante unhas horas, se cadra é que non estan tan lonxe non????.


Perfil do Monte do Señoriño (tras as árbores do fondo)
  dende a cabeceira da Basílica da Asunción no solpor.

Un momento da visita na área escavada por Conde-Valvís nos anos 50 e
 "re-escavada" por  David Pérez o pasado mes de xullo.

 Na nosa conta de Wikiloc podedes descargar o track e os waypoints da ruta:

8 ago 2011

Visita ó abeiro do II Encontro de Cesteiros de Santa Mariña, "non todo vai ser rupestre"...


 Nunha entrada anterior onde sintetizábamos os nosos obxectivos para o Proxecto de Intervención Arqueolóxica no Monte do Señoriño 2011, comentábamos que un dos nosos propósitos era ofertar á sociedade a posibilidade de achegarse ó xacemento e coñecer in situ como é a actividade arqueolóxica. Unha iniciativa que permitiría rachar cos tradicionais estereotipos sobre os arqueólogos ó tempo que se descubría o espectacular xacemento rupestre que estaba a ser escavado no lugar de Armea. "Unha actividade divulgativa e accesible para toda a sociedade" diciamos no vídeo de presentación do proxecto que resultou tremendamente positiva cun "cheo" absoluto tódolos días de visita en horario de mañá e tarde. 
  Unha vez rematado o traballo de campo, e á espera da labor de gabinete que implementaremos en setembro e da que daremos cumprida información neste blogue, a nosa aposta por socializar o coñecemento como parte do proceso científico, parafraseando a Manuel Gago nun dos seus interesantes post, continúa tamén neste mes de Agosto. Con tal, ó abeiro do II Encontro de Cesteiros que se celebrará na fermosa vila de Santa Mariña de Augas Santas e facendo un pequeno receso nas nosas vacacións, este sábado día 13 de Agosto estaremos de novo no xacemento para ensinar un pouco e aprender moito máis de tod@s os que vos acerquedes por alí. Agardámosvos. ;) 





4 ago 2011

#7# Proxecto Armea 2011: síntese de resultados da 3ª semana [fin]

 Adolfo Fernández, director do Proxecto de Intervención Arqueolóxica no Monte do Señoriño, preséntanos os eventuais resultados derivados do fin da escavación. Agora teremos que agardar os resultados do laboratorio. ;)