22 abr 2011

Situando Armea no espacio...cartográfico

Xavier Riádigos no proceso de triangulación dende V.G. 22603 - Boa (Taboadela)
 Como ben sabedes @s arqueólog@s temos que facer fronte ás veces a unha gama de actividades para as que non temos competencias. Dende coñecementos de urbanismo  para os PXOM ata redacción de proxectos para a administración, pasando polo uso de estacións totais, software de deseño gráfico, SIX... Unha situación -denunciada de xeito recorrente polo GEAAT- derivada da carencia dunha titulación específica en arqueoloxía que condena ós profesionais presentes e futuros á autonomía formativa.
 Con todo, namentres non chega o momento que as universidades españolas adapten os curricula á realidade laboral, sempre podedes tirar de contactos e a cambio dun bo xantar vos axuden a establecer a planimetría dun xacemento. 
 Sirva entón este post para agradecer a axuda de tod@s es@s amig@s que colaboran desinteresadamente nos nosos proxectos. ;)

14 abr 2011

A actividade arqueolóxica torna a Armea

 Onte pola tarde o conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea pasaba a ser por unhas horas o laboratorio de prácticas dun grupo de alumn@s da licenciatura de Historia da Universidade de Vigo. Na súa compaña percorrimos a contorna do castro empregando a microtoponimia como única guía do xacemento, tentamos localizar nos valados elementos arqueolóxicos reutilizados e fixemos algún exercicio de prospección con GPS. Con todo, albiscamos que a maior lección foi a que puideron recuperar das verbas dos veciños, auténtica Arqueoloxía da Memoria.

Prospección arqueolóxica con Xeo-Rádar na área dos túmulos III-IV da necrópole das Xunqueiras/Pedreiras no CUVI (Campus das Lagoas Marcosende da Universidade de Vigo)

 A nosa compañeira Beatriz Comendador Rey, seguindo a filosofía xa establecida noutros traballos  como o Proxecto Urdiñeira e acorde coa estratexia de visibilización e divulgación da labor investigadora que defendemos dende o GEAAT, vén de crear un perfil denominado Arqueo-CUVI no Facebook para informar do desenvolvemento dos traballos realizados nos xacementos arqueolóxicos que se atopan na contorna do Campus Universitario de Vigo, entre os que destacan a necrópole tumular e o xacemento de Monte das Cabanas. Xacementos que son obxecto dun  proxecto integral para o seu estudio e posta en valor promovido pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.

Os túmulos III e IV da necrópole das Xunqueiras-Pedreiras, coa Serra do Galiñeiro ó fondo

 Hoxe mesmo arranca a prospección con Xeo-Rádar na área dos túmulos III-IV da necrópole, un traballo que será realizado pola empresa INGENIERIA INSITU S.L.
 A actuación prevista é a prospección non invasiva con equipo de Xeo-Rádar, sen remoción de terras nin alteración do terreo. O Xeo-Rádar XPR é unha ferramenta relativamente nova de inspección non invasiva do subsolo que se basea na emisión e recepción de impulsos electromagnéticos. Actualmente está mellorando os seus resultados en aplicacións arqueolóxicas grazas ós últimos avances no procesamento en tres dimensións. A súa principal vantaxe fronte a outras técnicas non destrutivas, como a prospección magnética, é a súa maior capacidade de resolución das posibles estruturas ou restos enterrados. 
 O traballo dirixido por Beatriz Comendador consistirá na inspección do subsolo mediante o XPR e o equipo de antena receptora. O XPR detectará os cambios nas propiedades electromagnéticas dos medios atravesados, producindo que parte da enerxía sexa reflectida. A antena receptora disposta na superficie detectará estas sinais xerando una serie de rexistros, permitindo obter una imaxe da historia das reflexións baixo a liña de desprazamento da antena.
 O obxectivo principal é valorar a potencialidade arqueolóxica da zona co obxectivo de deseñar unha futura intervención arqueolóxica, tanto da zona dos túmulos, como do espazo contiguo. Procurando obter información tanto sobre a presenza de estruturas (estrutura intratumuluar, aneis, coirazas…) como de posible estruturas negativas.


 Agardamos con inquedanza os resultados, namentres podedes facervos unha idea  do seu potencial con este vídeo dun traballo semellante neste caso aplicado á cidade romana de Empúries. ;)




+ vídeos na nosa canle de Youtube: http://www.youtube.com/user/LAUVGEAA

4 abr 2011

Bosquexo do xacemento rupestre do Monte do Señoriño de Armea

 

 Unha pequena mostra do que albiscamos a día de hoxe, con anterioridade á intervención, no Monte do Señoriño. En pouco compartiremos máis detalles do proxecto. ;)

28 mar 2011

Antonio Rodriguez Colmenero visita o achado de Armea

 Tal e como adiantábamos en anteriores entradas, o equipo do LAUV-GEAAT vén de implementar o plan de traballo que permitirá interpretar dende a perspectiva arqueolóxica o achado do señor Manuel Losada na contorna do conxunto arqueohistórico e artístico de Armea (Allariz). Con tal, paralelamente á redacción con carácter de "urxencia" do proxecto de escavación -por mor das numerosas visitas ó lugar- iniciamos os contactos cos diferentes especialistas en complexos rupestres que conformarán a asesoría científica. 
 Hoxe achegábase ó xacemento o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rodríguez Colmenero (c.v.), autor de numerosas publicacións relacionadas cos santuarios galaico-romanos. Ante a "pregunta do millón" sobre a funcionalidade do lugar, Rodríguez Colmenero apuntaba que a hipótese cultual poderíase soster na importancia do Monte do Señoriño como manancial e lugar de culto á auga aínda na actualidade, a distribución do que poderían ser  canalizacións, a coidada labra do "bancal" e incluso, coincidindo con García Quintela, na semellanza entre a regularidade e homoxeneidade das escadas visibles no lugar con santuarios como o de Argeriz en Valpaços. Con todo, en referencia a este último apunta unha maior complexidade no caso de Armea por mor a súa distribución en varias plataformas e a súa excepcional dimensión. 
 Namentres, por outra banda, para a hipótese funcional Rodríguez Colmenero localizaba in situ o que poderían ser negativos de construccións habitacionais, polo que aconsellaba ser cautos e agardar ata os resultados dunha escavación sistemática. Polo que teremos que seguir agardando. ;)

Antonio R. Colmenero visita ó achado do señor Manuel Losada (27/03/11)

Agradecementos:
Queremos aproveitar este recurso para agradecer a colaboración de Antonio Rodríguez Colmenero e a súa disposición para visitar o lugar, índa máis un día festivo e de choiva. 


 

25 mar 2011

A vida segue logo do achado de Armeá...

 Índa que a nosa axenda alterouse estos días co achado do señor Manuel Losada de Armeá, e na actualidade mesmo seguimos a traballar tanto no proxecto de intervención no lugar como no propio plan director para o conxunto, semella que o vórtice informativo perde intensidade. Con todo, podedes consultar a última entrada de Manuel Gago no seu blogue Capítulo 0 onde analiza os paralelos entre o santuario de Argeriz en Valpaços e o achado de Armeá en Allariz. A nosa opinión ............. só despois da escavación. ;) Con todo, e na liña do que apunta Sande Lemos (ó que agradecemos a súa colaboración) no noso Facebook , a morfoloxía de Armeá semella máis complexa.

Arriba: Argeriz / Abaixo: Armeá

  Pero como dicíamos a vida segue e a nosa actividade tamén, con tal aquí fica o programa da sesión: Tecnoloxías dixitais e metodoloxías computacionais no proceso de investigación arqueolóxica, dentro das IV Jornadas de Jovens em Investifaçâo Arqueológica nas que participaremos. As xornadas, que se celebrarán entre os días 11 e 14 de Maio de 2011 en Faro (Portugal), son unha oportunidade única para presentar os nosos traballos ante outros investigadores, facilitando o seu contacto e cooperación. Algo semellante o que pretendíamos coa celebración das IXNINO.



 Toda a información das xornadas aquí: http://www.jia2011.com/index.php?option=com_content&view=article&id=7&Itemid=2&lang=pt . Pronto subiremos o noso póster. ;)

 

23 mar 2011

A primeira opinión dun especialista apunta cara a funcionalidade do achado do señor Manuel Losada de Armeá como un santuario rupestre

 Despois do noso intento por contextualizar o achado na contorna de Armeá na entrada anterior, o vórtice informativo continúa. Hoxe mesmo no Telexornal Serán da TVG o profesor da USC García Quintela, que tentaremos forme parte da asesoría científica do noso proxecto, vén de apostar claramente pola adscrición tipolóxica do achado do señor Manuel Losada como un "santuario rupestre do tipo ben coñecido no norte de Portugal". Aventura tamén unha posible cronoloxía que podería abarcar na súa opinión "un longo período partindo dende a Idade do Ferro".

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

"Tómate un respiro, tómate un proxecto de investigación"

  Por mor do vórtice informativo destos días no referido o achado na contorna de Armeá, en sintonía cos principios de visibilización e divulgación da labor investigadora que defendemos dende o LAUV-GEAAT, lonxe de calquer mostra de escurantismo que nada aporta a salvagarda e coñecemento do noso patrimonio; coidamos necesario unha pequena crónica de todo o acontecido ata agora. 
 Como era coñecido por tod@s dende fai aproximadamente un ano, e recollido nos medios* nos últimos meses, dende o LAUV-GEAAT-en colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense, o Concello de Allariz e os arqueólogos David Pérez e Celso Barba- estamos a implementar o procedemento necesario para recuperar o espacio arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armeá (Allariz, Ourense). Un xacemento, cunha riqueza simbólica sen parangón, esquecido nas últimas décadas pola arqueoloxía galega (González Soutelo, 2007). 

Guerreiro da Cibdá de Armea, Allariz
   O noso obxectivo pasa pola recuperación, estudio e divulgación non só das estructuras e materiais asociados ó xacemento arqueolóxico senón da memoria aínda viva do lugar. Estamos non só ante un xacemento cun potencial prometedor para comprender a evolución do poboamento dende a protohistoria ata os nosos días,  senón tamén ante un lugar de culto aínda vivo para a comunidade, polo que calquer intervención deberá contar coa súa aprobación e participación. Deste modo, o que pretendemos é visibilizar un dos enclaves patrimoniais máis ricos e complexos do Noroeste da Península Ibérica. Simplemente recollemos a chamada de atención lanzada xa por  F. Conde-Valvís Fernández (1950-1951; 1959), única persoa que ata o momento escavou no conxunto, quen recomendou a posta en valor dos restos destapados que, polo esquecemento xeral, foron esmorecendo ata desaparecer e hoxe mostrarse ilocalizables. Un obxectivo respaldado por moitos persoeiros da cultura galega e ourensá de onte e de hoxe, dende Ferro Couselo ata Fariña Busto (2002).

Planimetría escavación Conde-Valvís (1959)
 O pasado domingo 20/03/2011, Manuel Gago no seu fantástico blogue Capítulo 0 publicaba un vídeo no que amosaba da mán dun veciño de Armeá, Manuel Losada, o que el denominaba "posible santuario galaicorromano da cidade de Armea". Un xacemento de dificil caracterización catalogado pouco tempo antes  (20/02/2011) pola Asociación de Estudios de Santa Mariña de Augas Santas e o arqueólogo Juan Manuel González Carballo que o adscribía á época romana a partir da lectura dos poucos restos cerámicos detectados en superficie e algunhas "tegulas de tipo plano e fragmentos de imbrices". 



 A semente botada pola encomiable labor de divulgación de Manuel Gago daba os seus froitos en poucas horas cando unha morea de curios@s, especialistas ou non, visitaban de xeito virtual o achado do señor Manuel Losada. 
 Ó día seguinte a TVG, consciente da repercusión do vídeo e do propio achado, púxose en contacto con Manuel Gago para cubrir a nova. O xornalista de Capítulo 0, coñecedor do proxecto de investigación implementado para Armeá, derivou o contacto cara nós. Deste xeito, como ben dí Manuel Gago no seu blogue, "os arqueólogos puideron achegarse a Armeá a coñecer o lugar, pero tamén o conxunto da cidadanía puido informarse".


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 O vórtice informativo seguía medrando cando onte, 23/03/2011, de novo a TVG achegábase a Armeá para cubrir a visita de Francisco García, alcalde de Allariz, quen facía firme o seu compromiso co orixinario proxecto de investigación, agora integrando tamén o novo achado que será escavado con carácter de urxencia nos próximos meses.


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 ¿PERO QUE É EXACTAMENTE O ACHADO DO SEÑOR MANUEL LOSADA?

 A día de hoxe é todo e nada. Se ben é certo que a súa morfoloxía, as escadas, as canalizacións ... poderían ter paralelos nos denominados santuarios rupestres galaicorromanos como ben dí Gago, tamén é certo que poderíamos estar simplemente ante rebaixes funcionais, algún tipo de construcción productiva ou construccións habitacionais como apunta o propio Juan Manuel González Carballo na ficha do inventario. 
 O seu emprazamento apunta ademáis á zona con ocupación máis tardía, algo a ter en conta á luz da importancia do lugar como zona de difusión de igrexas prerrománicas, abundante documentación relacionada con Celanova e Ourense que falan dun poboamento aldeán maduro para o século IX como apunta o medievalista Alvaro Rodríguez. 
 É por todo que a día de hoxe, nun estado embrionario, nada podemos afirmar. Agardamos que tanto a intervención dos próximos meses, como a asesoría de diversos especialistas poidan aportar máis luz. Con tal, recuperando unha vella promesa: acendemos fachón dende Armeá. 


 Seguiremos informando. ;)






Agradecementos:
Queremos aproveitar este recurso para agradecer a Manuel Gago que contara con nós dende o inicio, ó Alcalde de Allariz pola súa confianza e compromiso na salvagarda, investigación e difusión do patrimonio, ós diferentes especialistas que colaboran desinteresadamente: Álvaro Rodríguez, Antonio R. Colmenero, Brais X. Currás, Sande Lemos... e especialmente a Manuel Losada, unha ledicia de persoa cun amor encomiable polo patrimonio.

Bibliografía empregada no texto:

Conde-Valvís 1959: CONDE-VALVÍS FERNÁNDEZ (F.) – Dos villas romanas de la Cibdá de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas, en Revista de Guimarães, 69, 1959, p. 472-500.
Fariña Busto 2002: FARIÑA BUSTO (F.) – Santa Mariña de Augas Santas, Serie: Guías do Patrimonio Cultural 7, Fundación Caixa Galicia-Grupo Marcelo Macías, 2002.
González Soutelo 2007: GONZÁLEZ SOUTELO (S.) – Dos yacimientos gallegos olvidados: Moraime (Muxía, A Coruña) y Armeá (Sta Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense), en Gallaecia, 26, 2007, p. 69-84.
Notas:
 

16 mar 2011

O EQUIPO turquíA 2011 de novo engaiolado...

  Hoxe nos corredores do Edificio de Ferro albiscamos ó lonxe algúns integrantes do EQUIPO TURQUÍA 2011. Entre olleiras e  bocexos tornaban á gaiola. Namentres os exames, os traballos e as prácticas enchían o seu tempo, semella que os seus pensamentos aínda ficaban por terras orientais...
 Benvidos compañeir@s, o próximo ano máis!!!!


EQUIPO TURQUÍA 2011

 Imaxes: Sesi Martínez

9 mar 2011

Neve, ventos e ovellas dende Turquía...

 Chegan novas do EQUIPO TURQUÍA 2011, reproducimos aquí o seu comunicado completo, literal e sen censuras:
 
 
(...) Tudo bem desde Turquia. Nada maýs que baýxo cero en Istanbul, nevando en Troya, ventos de 100 kms en Assos (que provocaron que ------  voara contra as columnas do templo; non rompeu nada pero casý), unha ovella cruzada e atropelada (non por nos senon polo coche da polýcýa), a camara estropeada hoxe (ten un problema mecanýco e non graba as fotos). Ou sexa, todo normal. (...) 

 
 Sigue interesad@ en contratal@s??????????????  Segur@???????????????????

EQUIPO turquíA 2011

8 mar 2011

...de novo mellorando a grella da TV.


  A UVigo.tv, na súa mediateca pública, vén de presentar a posibilidade de descarga e visionado das  palestras presentadas nas I Xornadas  de Novos Investigadores do Noroeste: Arqueoloxía e Territorio celebradas na Facultade de Historia de Ourense o pasado mes de novembro. 
  Moito mellor que o 3D non? ;)
 

MÓDULO A:
SIX e territorio no estudio da Prehistoria, Protohistoria e Historia Antiga do NO.
MÓDULO B:
Territorio, poboamento e estructuración social do NO ó abeiro dos asentamentos tipo castro
.
MÓDULO C (sesión de mañá):
Gallaecia romana: a construcción dun territorio
.
MÓDULO C (sesión de tarde): 
Gallaecia tardoantiga: a transformación dun territorio
.
   

4 mar 2011

EQUIPO TURQUÍA 2011

(...) En 2011, 15 dos mellores homes e mulleres da Facultade de Historia de Ourense, foron engaiolad@s por un sistema académico decimonónico. Non tardaron en fugarse do Edificio de Ferro no que se atopaban pres@s. Hoxe, procurad@s aínda polas "autoridades competentes", sobreviven como arqueólog@s de fortuna en Turquía. Se vostede ten algún problema e @s atopa, se cadra pode contratal@s… son o EQUIPO TURQUÍA 2011 (...)


EQUIPO turquíA 2011

 Boa viaxe compañeir@s!!!