23 jun 2011

Proxecto Armea 2011: sobre as notas de prensa pre-intervención.

Por mor do "vórtice informativo" que de novo parece estar espertando nos medios de comunicación o proxecto de intervención arqueolóxica no conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea (Sta. Mariña de Augas Santas, Allariz); coidamos necesario -e máis unha vez- unha pequena crónica que aclare algunhas afirmacións que coidamos, cando menos, pouco atinadas. 

 Primeiramente, e a diferencia do que se cita nalgúns artigos (1), tal e como xa apuntábamos en entradas pasadas neste mesmo blogue, dende fai aproximadamente un ano o LAUV-GEAAT en colaboración co Concello de Allariz e o Museo Arqueolóxico de Ourense estábamos a implementar o procedemento necesario para recuperar o espacio arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea (Allariz, Ourense). Posteriormente, a propia entidade municipal de Allariz acordaría cos  arqueólogos David Pérez e Celso Barba a intervención no interior do propio castro  "tentando recuperalo para a súa visita" (2) e inserir o xacemento na ampla oferta cultural do Concello alaricano. 

 Os acontecementos precipitáronse cando o domingo 20/03/2011, Manuel Gago publicaba o xa famoso vídeo no que se daba a coñecer por vez primeira a estructura rupestre do Monte do Señoriño localizada tempo atrás por un veciño de Armea (Manuel Losada) e catalogada polo arqueológo Juan Manuel González Carballo, avisado pola Asociación de Estudios de Santa Mariña de Augas Santas. 

 Fora de interpretacións sobre a súa funcionalidade que analizaremos noutras entradas, este achado aceleraba a necesidade dunha pronta actuación na contorna. Agora non só co fin de revalorizar o conxunto, senón co obxectivo de protexer a estructura das numerosas visitas recibidas a posteriori de facerse pública a descuberta como apuntaba o teletipo da Axencia EFE e citado en numerosos medios dixitais. Así, dende o LAUV-GEAAT e baixo petición expresa do Concello de Allariz iniciamos os trámites para desenvolver esta actuación de emerxencia. Unha intervención programada para o mes de xullo. 

 En conclusión: 

1º) O Plan Director sobre o Conxunto Arqueolóxico, Histórico-Artístico e Natural de Armea non foi motivado pola aparición da estructura rupestre do Monte do Señoriño. A súa redacción índa está en proceso e require dun longo proceso de reflexión para garantir a necesaria multivocalidade do conxunto, permitindo tanto o seu estudio e conservación -requerido tanto pola Universidade como polo Museo Arqueolóxico- como o seu disfrute e divulgación apuntado polo Concello de Allariz e a propia comunidade local (Ayán et. al. 2011).

2º) A intervención que se practicará nas próximas semanas responde a dous obxectivos e espacios diferentes índa que necesariamente complementarios:

- a actuación xa apuntada por diferentes medios (3), practicada polo LAUV-GEAAT, cínguese ó Monte do Señoriño e procurará unha consolidación e interpretación das estructuras destapadas por Manuel Losada. Unha intervención que permitirá non só recuperar a información arqueolóxica dispoñible no xacemento, senón a súa correcta consolidación e exposición.
- por outra banda, e seguindo o programa de recuperación previsto (vid supra), os arqueólogos David Pérez e Celso Barba procurarán localizar e recuperar no interior do castro as construccións destapadas por F. Conde-Valvís Fernández a mediados do pasado século. Asemade realizarán diferentes sondaxes na croa procurando albiscar a secuencia de ocupación do xacemento. 


3º) Algúns escritos (4) falan dunha hipótese oficial que defende o valor cultual da estructura rupestre fronte outra máis funcional, tipo villae. Na nosa opinión non existe ningunha hipótese oficial. Tal e como apuntábamos no pasado os restos destapados a día de hoxe son todo e nada. Algúns investigadores como os catedráticos da USC Marco García e Antonio Rodríguez Colmenero -asesores científicos do proxecto- apuntan cara a primeira visión e outros como o propio arqueólogo que inventariaba o xacemento cara a segunda. Só unha intervención sistemática, baixo metodoloxía científica lonxe do estereotipo de Indiana Jones, podería axudar a solucionar este debate e  incluso esto podería non ser suficiente...polo que teremos que agardar... ;)


NOTAS:

No hay comentarios: