17 dic 2011

Quinta xornada invernal en Armea: chegou o nadal!!!

  Se o martes foi un día gris e o mércores un día de cores en Armea, o venres chegou o verdadeiro inverno!!! Poucas novidades máis aló das rachas de aire, chuvia, frío... brbrbrbrbrb... alomenos aproveitamos para felicitavos as festas. ;)

Cuarta xornada en Armea: as visitas

A brigada de canteiros do Concello de Allariz dános unha auténtica lección
 Sempre dixemos que as visitas deben ser un elemento esencial en calquer escavación arqueolóxica. Non falamos aquí das visitas nas que procuramos visibilizar o noso traballo e inducir na sociedade un desexo de protección do patrimonio, senón desas outras visitas de compañeir@s de profesión que poñen en dúbida o noso discurso. Destas tivemos moitas no verán e de todas aprendimos algo (Marco García e Antonio Colmenero da USC, Francisco Fariña do Museo Arqueolóxico de Ourense... e un grande número de arqueólogos aos que queremos agradecer a súa axuda desinteresada), pero ás veces esquecemos a necesidade de inserir nestas visitas a outros profesionais que aporten un pouco de aire fresco lonxe da teoría dos nosos libros. Nós tivemos o xoves 15 de decembro unha destas visitas, a da brigada de canteiros do Concello de Allariz que ficaron atordados co esforzo necesario para facer estas estruturas rupestres e deixáronnos algunhas reflexións interesantes que teremos que meditar. 

Cuarta xornada en Armea: o paseo

Adolfo e Manuel "de paseo" arqueolóxico
  Como non todo vai ser traballar... o xoves 15 de decembro aproveitamos o último en sistemas de información xeográfica (o coñecemento do lugar de Manuel Losada, "o catedrático de Armea") para dar un paseo e deleitarnos cos segredos do conxunto arqueolóxico no que se enmarca o Monte do Señoriño. Xulgade vós:

Rúa recuperada polos colegas Celso e David que pode dar unha idea da monumentalidade do castro
Estruturas escavadas por F. Conde-Valvís nos anos 50 recuperadas por Celso e David
Posible lagar descuberto por Manuel Losada
Detalle do posible lagar
 

15 dic 2011

Terceira xornada en Armea: o arco da vella

O arco da vella dende o Monte do Señoriño

 Se onte foi un día gris hoxe de cores...o noso traballo xa comeza a dar algúns resultados!! Rematado o "encintado" do muro do socalco inferior saltamos ó intermedio. Asemade na retirada do testigo, previo "traballo fino" de retirada de tocón, comezamos a albiscar novos muros que se ben atópanse moi arrasados seguen a aumentar as fichas do complexo puzzle estrutural do conxunto rupestre.

Manuel e Edu rematando co "encintado" do soc. inferior
"Madriña!!!! ...que choio cos tocóns que temos aquí"
Pouco a pouco a testemuña esmorece e xurden as estruturas

13 dic 2011

Segunda xornada invernal en Armea

 Hoxe foi un día gris en Armea, un día clásico de inverno no interior. Se ben seguimos co "encintado" dos muros e retirando as primeiras camadas de terra da testemuña entre socalcos, a chuvia condicionou moito o noso traballo. Se cadra a mellor imaxe que recollimos nesta xornada foi a que vos axuntamos abaixo.

Vista do conxunto arqueolóxico de Armea dende Taboadela

12 dic 2011

Tornamos a Armea

 Hoxe tornamos ó conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea para iniciar unha pequena campaña de 15 días, financiada en exclusiva polo Concello de Allariz, na que pretendemos consolidar os muros destapados no verán e protexer o xacemento da colonización vexetal.  
 Namentres agardamos por futuras intervencións de restauro máis profundas, só unha vez definidas tódalas estruturas visibles, o obxectivo perseguido neste mes de decembro é que as "inclemencias meteorolóxicas" do inverno non deterioren as poucas evidencias construtivas non rupestres que temos. Asemade aproveitaremos para escavar o sector que une os socalcos inferior e intermedio. Acharemos un novo acceso? ...se cadra, pero como non todo é escavar aproveitamos o tempo restante para implementar algúns métodos de rexistro e documentación de todo o xacemento: restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, levantamento topográfico do outeiro, xeración dun SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... Todo con programas "free" e gracias o "free-voluntarismo" do equipo, porque nós seguimos "apretando o cinto..." glups!!!!!!  ;)

"Coas mans na masa"
Morteiro de cal con tintura do lugar usado na consolidación dos muros

Vista da testemuña entre socalcos obxecto de escavación arqueolóxica

Tirando fotografías para o seu posterior modelado virtual

2 dic 2011

Inscrición Deutschland 2012

  "MEDIDAS ANTICRISE OIA, 7 DÍAS EN ALEMAÑA POR 375 Euros!!!!!!"
  Como sabedes dende o LAUV-GEAAT, xunto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense, estamos a xestionar de novo  unha viaxe de estudios arqueolóxicos. Botádelle un ollo ó programa deste ano:




 IMPORTANTE:
  • Poderán participar na viaxe preferentemente profesores, investigadores, egresados e alumnos de Historia da Uvigo (grao, licenciatura, máster/doutoramento), así como tamén procedentes doutras licenciaturas e/ou universidades.

  • O número máximo de prazas dispoñibles é de 20 (4 automobiles).
     
  • PRAZO DE INSCRICIÓN PECHADO

21 nov 2011

Intervencións no conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea

 O Concello de Allariz, nunha nova mostra de sensibilidade polo seu patrimonio, convidounos a presentar os primeiros resultados da nosa intervención deste verán no conxunto rupestre do Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Alén disto teremos a oportunidade tamén de coñecer de primeira man os interesantes achados dos colegas Celso e David na zona escavada por F. Conde-Valvís a mediados do século XX. O encontro terá lugar no Fogar do Maior de Allariz o vindeiro 2 de decembro de 2011. Animádevos a asistir!! ;)


18 nov 2011

Deutschland 2012

  Despois da excelente experiencia da England Archaeological Tour 2010 e da exótica ruta por Estambul e a costa xonia da Türkiye 2011 o LAUV-GEAAT, xunto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense, xestionará de novo  unha viaxe de estudios arqueolóxicos. Nesta ocasión o destino final será o limes xermánico!!!!     
 
    
 Continuando coa filosofía "low-cost" doutros anos a viaxe será autoxestionada, é dicer, lonxe de viaxes programados por axencias. A data xirará arredor do entroido de 2012 e o precio total non superará os 400 Eur. (con viaxe, aloxamento e visitas incluídas). Se estas interesad@ en asistir fica atent@ ás plataformas de difusión do grupo (redes sociais, blogue...).

29 oct 2011

Seguimos mellorando a grella da TV...

  A UVigo.tv, na súa mediateca pública, vén de presentar a posibilidade de descarga e visionado das  palestras presentadas no Curso de Verán: Castros do Interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao celebrado na vila de xinzo o pasado mes de xuño. ;)

25 oct 2011

Poñendo as cousas en orde...

 Despois do productivo III EDESCANOP tentamos agora poñer un pouco de orde na rede que a temos un pouco esquecida... ;)
 Para comezar aquí fica o pdf prometido co aparato gráfico da primeira comunicación pública sobre a nosa intervención do verán defendida nas IX Xornadas Castrexas de Cambre: O xacemento rupestre do Monte do Señoriño: un novo valor ao conxunto patrimonial de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Pronto tornaremos ó xacemento para consolidar os muros e facer as drenaxes de cara o inverno. Asemade o estudio do material segue en marcha e... máis, moito máis... pronto veredes máis!!


7 oct 2011

IX - Xornadas Castrexas de Cambre


 Mañá marchamos a Cambre (A Coruña) onde fomos convidados para participar nas súas Xornadas Castrexas, nin máis nin menos que á IX edición, coa ponencia O xacemento rupestre do Monte do Señoriño: un novo valor ao conxunto patrimonial de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Será a primeira comunicación pública sobre a nosa intervención do verán, só un par de meses despois. Con todo, pese a esta premura, algunha que outra novidade presentaremos... ;) 
 Premede aqui para descargar o programa completo e animádevos a asistir!!! ...compartiremos mesa tamén cos colegas da Lanzada. Unha oferta litoral-interior ideal para un sábado pola mañá. Ou non??

 Ó tornar poremos á vosa disposición a nosa presentación, para quen non goste de madrugar os sábados. ;)