15 dic 2011

Terceira xornada en Armea: o arco da vella

O arco da vella dende o Monte do Señoriño

 Se onte foi un día gris hoxe de cores...o noso traballo xa comeza a dar algúns resultados!! Rematado o "encintado" do muro do socalco inferior saltamos ó intermedio. Asemade na retirada do testigo, previo "traballo fino" de retirada de tocón, comezamos a albiscar novos muros que se ben atópanse moi arrasados seguen a aumentar as fichas do complexo puzzle estrutural do conxunto rupestre.

Manuel e Edu rematando co "encintado" do soc. inferior
"Madriña!!!! ...que choio cos tocóns que temos aquí"
Pouco a pouco a testemuña esmorece e xurden as estruturas

13 dic 2011

Segunda xornada invernal en Armea

 Hoxe foi un día gris en Armea, un día clásico de inverno no interior. Se ben seguimos co "encintado" dos muros e retirando as primeiras camadas de terra da testemuña entre socalcos, a chuvia condicionou moito o noso traballo. Se cadra a mellor imaxe que recollimos nesta xornada foi a que vos axuntamos abaixo.

Vista do conxunto arqueolóxico de Armea dende Taboadela

12 dic 2011

Tornamos a Armea

 Hoxe tornamos ó conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea para iniciar unha pequena campaña de 15 días, financiada en exclusiva polo Concello de Allariz, na que pretendemos consolidar os muros destapados no verán e protexer o xacemento da colonización vexetal.  
 Namentres agardamos por futuras intervencións de restauro máis profundas, só unha vez definidas tódalas estruturas visibles, o obxectivo perseguido neste mes de decembro é que as "inclemencias meteorolóxicas" do inverno non deterioren as poucas evidencias construtivas non rupestres que temos. Asemade aproveitaremos para escavar o sector que une os socalcos inferior e intermedio. Acharemos un novo acceso? ...se cadra, pero como non todo é escavar aproveitamos o tempo restante para implementar algúns métodos de rexistro e documentación de todo o xacemento: restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, levantamento topográfico do outeiro, xeración dun SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... Todo con programas "free" e gracias o "free-voluntarismo" do equipo, porque nós seguimos "apretando o cinto..." glups!!!!!!  ;)

"Coas mans na masa"
Morteiro de cal con tintura do lugar usado na consolidación dos muros

Vista da testemuña entre socalcos obxecto de escavación arqueolóxica

Tirando fotografías para o seu posterior modelado virtual

2 dic 2011

Inscrición Deutschland 2012

  "MEDIDAS ANTICRISE OIA, 7 DÍAS EN ALEMAÑA POR 375 Euros!!!!!!"
  Como sabedes dende o LAUV-GEAAT, xunto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense, estamos a xestionar de novo  unha viaxe de estudios arqueolóxicos. Botádelle un ollo ó programa deste ano:




 IMPORTANTE:
  • Poderán participar na viaxe preferentemente profesores, investigadores, egresados e alumnos de Historia da Uvigo (grao, licenciatura, máster/doutoramento), así como tamén procedentes doutras licenciaturas e/ou universidades.

  • O número máximo de prazas dispoñibles é de 20 (4 automobiles).
     
  • PRAZO DE INSCRICIÓN PECHADO

21 nov 2011

Intervencións no conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea

 O Concello de Allariz, nunha nova mostra de sensibilidade polo seu patrimonio, convidounos a presentar os primeiros resultados da nosa intervención deste verán no conxunto rupestre do Monte do Señoriño de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Alén disto teremos a oportunidade tamén de coñecer de primeira man os interesantes achados dos colegas Celso e David na zona escavada por F. Conde-Valvís a mediados do século XX. O encontro terá lugar no Fogar do Maior de Allariz o vindeiro 2 de decembro de 2011. Animádevos a asistir!! ;)


18 nov 2011

Deutschland 2012

  Despois da excelente experiencia da England Archaeological Tour 2010 e da exótica ruta por Estambul e a costa xonia da Türkiye 2011 o LAUV-GEAAT, xunto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense, xestionará de novo  unha viaxe de estudios arqueolóxicos. Nesta ocasión o destino final será o limes xermánico!!!!     
 
    
 Continuando coa filosofía "low-cost" doutros anos a viaxe será autoxestionada, é dicer, lonxe de viaxes programados por axencias. A data xirará arredor do entroido de 2012 e o precio total non superará os 400 Eur. (con viaxe, aloxamento e visitas incluídas). Se estas interesad@ en asistir fica atent@ ás plataformas de difusión do grupo (redes sociais, blogue...).

29 oct 2011

Seguimos mellorando a grella da TV...

  A UVigo.tv, na súa mediateca pública, vén de presentar a posibilidade de descarga e visionado das  palestras presentadas no Curso de Verán: Castros do Interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao celebrado na vila de xinzo o pasado mes de xuño. ;)

25 oct 2011

Poñendo as cousas en orde...

 Despois do productivo III EDESCANOP tentamos agora poñer un pouco de orde na rede que a temos un pouco esquecida... ;)
 Para comezar aquí fica o pdf prometido co aparato gráfico da primeira comunicación pública sobre a nosa intervención do verán defendida nas IX Xornadas Castrexas de Cambre: O xacemento rupestre do Monte do Señoriño: un novo valor ao conxunto patrimonial de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Pronto tornaremos ó xacemento para consolidar os muros e facer as drenaxes de cara o inverno. Asemade o estudio do material segue en marcha e... máis, moito máis... pronto veredes máis!!


7 oct 2011

IX - Xornadas Castrexas de Cambre


 Mañá marchamos a Cambre (A Coruña) onde fomos convidados para participar nas súas Xornadas Castrexas, nin máis nin menos que á IX edición, coa ponencia O xacemento rupestre do Monte do Señoriño: un novo valor ao conxunto patrimonial de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz). Será a primeira comunicación pública sobre a nosa intervención do verán, só un par de meses despois. Con todo, pese a esta premura, algunha que outra novidade presentaremos... ;) 
 Premede aqui para descargar o programa completo e animádevos a asistir!!! ...compartiremos mesa tamén cos colegas da Lanzada. Unha oferta litoral-interior ideal para un sábado pola mañá. Ou non??

 Ó tornar poremos á vosa disposición a nosa presentación, para quen non goste de madrugar os sábados. ;)
 

28 sept 2011

Últimas prazas dispoñibles para asistir ó IIIº Encontro De Estudios Sobre Cerámica Antiga Do Noroeste Peninsular

 Xa somos 37 @s inscrit@s para participar no obradoiro teórico-práctico sobre ánforas de época romana a celebrar na cidade de Ourense o 13 e 14 de Outubro de 2011, superando deste modo todas as previsións de participación. Malia isto, e co obxectivo de achegar esta actividade a un maior número de interesad@s na temática, abrimos un último prazo de inscrición até o luns 3 de outubro para os máis "indecisos". Chegaremos ós 40??
 Xa sabedes, máis info e formulario de inscrición aquí: http://webs.uvigo.es/lauv-web/IIIEDESCANOP

8 sept 2011

Xa temos programa para o III EDESCANOP...

 Tal e como comentábamos onte aquí fica o programa e método de inscrición do III EDESCANOP:


7 sept 2011

IIIº Encontro De Estudios Sobre Cerámica Antiga Do Noroeste Peninsular, vai facendo un sitio na túa axenda...

 Xa estamos de volta e toca tornar ó traballo... :( 

 Namentres seguimos a lavar e procesar o material recuperado na escavación do Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño (Armea, Allariz) o pasado mes de xullo, do que damos boa conta en tempo real nas redes sociais e do que pronto teredes novas neste blogue; xa estamos dando as últimas pinceladas ó futuro Encontro De Estudios Sobre Cerámica Antiga Do Noroeste Peninsular -EDESCANOP-. Unhas xornadas formativas, as terceiras xa, cun grande éxito de participación.
 Estos encontros xurdiron no ano 2007 como plataforma de reunión e discusión de especialistas en estudios cerámicos do Noroeste, e como tal, celebrouse o primeiro EDESCANOP. Os organizadores optamos, dous anos despois (2009), por trocar o enfoque cara un encontro concibido como unha actividade formativa, teórica e práctica, destinada a cubrir baleiros formativos de profesionais da arqueoloxía, estudiantes de historia e investigadores en xeral. Con este obxectivo en mente, o IIº EDESCANOP artellouse sobre a figura do máis importante experto sobre a cerámica tardorromana de produción africana: Michel Bonifay. Da man deste investigador e doutor no Centre National De La Recherche Scientifique (CNRS), durante dúas xornadas, achegouse a cerámica africana de época romana aos máis de 30 participantes.
  O alto número de matrículas superaba todas as nosas expectativas. Entre os asistentes atopamos un nutrido grupo de profesionais da arqueoloxía, estudiantes das tres universidades galegas, amais de persoal de distintas institucións ligadas á arqueoloxía (Museos, Deputacións, Concellos…etc.). Todos conscientes, e así nolo comunicaron, da oportunidade que lles brindaba o IIº EDESCANOP como unha actividade única na nosa comunidade e tremendamente útil para a súa formación e profesión.

  Co IIIº EDESCANOP pretendemos satisfacer de novo estas demandas formativas, detectadas xa na pasada edición de 2009, recollendo o seu interese en organizar un curso teórico/práctico sobre as ánforas de época romana. Non obstante, o universo anfórico antigo é tremendamente amplo e complexo, polo que foi necesario acoutar o marco do IIIº EDESCANOP únicamente ás ánforas romanas de produción peninsular (Béticas e Lusitanas) deixando para futuras edicións outras produción anfóricas mediterráneas –tamén documentadas no NO−, en especial as orientais, unha vez que as ánforas producidas na Tunisia xa foron tratadas no 2009. 



  Para cubrir todo este panorama anfórico peninsular de época antiga dende unha achega teórica e práctica, o IIIº EDESCANOP medra considerablemente con respecto a edicións pasadas. É por isto que a actividade desenvolverase en dúas xornadas: o xoves 13 e venres 14 de outubro de 2011, guiadas polos meirandes especialistas das tres zonas produtoras máis importantes (coa inclusión das producións da Galicia, minoritarias respecto ás outras pero de enorme interese para a nosa comunidade científica):

- O profesor da Universidade de Sevilla D. Enrique García Vargas para as producións do val do Guadalquivir.

- O profesor da Universidade de Cádiz, D. Darío Bernal Casasola quen abordará as producións anfóricas da zona costeira de Andalucía occidental.

- O profesor da Universidade de Lisboa (FLUL), D. Carlos Fabião quen exporá a realidade sobre as producións anfóricas da Lusitania, amais de abordar as producións locais/rexionais.

- O profesor da Universidade do Minho, D. Rui Morais quen exporá a realidade sobre as producións anfóricas locais/rexionais do NO.


  Pronto colaremos aquí máis información sobre como inscribirse e o programa definitivo. Namentres vai facendo un sitio na túa axenda... ;)