23 mar 2011

A primeira opinión dun especialista apunta cara a funcionalidade do achado do señor Manuel Losada de Armeá como un santuario rupestre

 Despois do noso intento por contextualizar o achado na contorna de Armeá na entrada anterior, o vórtice informativo continúa. Hoxe mesmo no Telexornal Serán da TVG o profesor da USC García Quintela, que tentaremos forme parte da asesoría científica do noso proxecto, vén de apostar claramente pola adscrición tipolóxica do achado do señor Manuel Losada como un "santuario rupestre do tipo ben coñecido no norte de Portugal". Aventura tamén unha posible cronoloxía que podería abarcar na súa opinión "un longo período partindo dende a Idade do Ferro".

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

"Tómate un respiro, tómate un proxecto de investigación"

  Por mor do vórtice informativo destos días no referido o achado na contorna de Armeá, en sintonía cos principios de visibilización e divulgación da labor investigadora que defendemos dende o LAUV-GEAAT, lonxe de calquer mostra de escurantismo que nada aporta a salvagarda e coñecemento do noso patrimonio; coidamos necesario unha pequena crónica de todo o acontecido ata agora. 
 Como era coñecido por tod@s dende fai aproximadamente un ano, e recollido nos medios* nos últimos meses, dende o LAUV-GEAAT-en colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense, o Concello de Allariz e os arqueólogos David Pérez e Celso Barba- estamos a implementar o procedemento necesario para recuperar o espacio arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armeá (Allariz, Ourense). Un xacemento, cunha riqueza simbólica sen parangón, esquecido nas últimas décadas pola arqueoloxía galega (González Soutelo, 2007). 

Guerreiro da Cibdá de Armea, Allariz
   O noso obxectivo pasa pola recuperación, estudio e divulgación non só das estructuras e materiais asociados ó xacemento arqueolóxico senón da memoria aínda viva do lugar. Estamos non só ante un xacemento cun potencial prometedor para comprender a evolución do poboamento dende a protohistoria ata os nosos días,  senón tamén ante un lugar de culto aínda vivo para a comunidade, polo que calquer intervención deberá contar coa súa aprobación e participación. Deste modo, o que pretendemos é visibilizar un dos enclaves patrimoniais máis ricos e complexos do Noroeste da Península Ibérica. Simplemente recollemos a chamada de atención lanzada xa por  F. Conde-Valvís Fernández (1950-1951; 1959), única persoa que ata o momento escavou no conxunto, quen recomendou a posta en valor dos restos destapados que, polo esquecemento xeral, foron esmorecendo ata desaparecer e hoxe mostrarse ilocalizables. Un obxectivo respaldado por moitos persoeiros da cultura galega e ourensá de onte e de hoxe, dende Ferro Couselo ata Fariña Busto (2002).

Planimetría escavación Conde-Valvís (1959)
 O pasado domingo 20/03/2011, Manuel Gago no seu fantástico blogue Capítulo 0 publicaba un vídeo no que amosaba da mán dun veciño de Armeá, Manuel Losada, o que el denominaba "posible santuario galaicorromano da cidade de Armea". Un xacemento de dificil caracterización catalogado pouco tempo antes  (20/02/2011) pola Asociación de Estudios de Santa Mariña de Augas Santas e o arqueólogo Juan Manuel González Carballo que o adscribía á época romana a partir da lectura dos poucos restos cerámicos detectados en superficie e algunhas "tegulas de tipo plano e fragmentos de imbrices". 



 A semente botada pola encomiable labor de divulgación de Manuel Gago daba os seus froitos en poucas horas cando unha morea de curios@s, especialistas ou non, visitaban de xeito virtual o achado do señor Manuel Losada. 
 Ó día seguinte a TVG, consciente da repercusión do vídeo e do propio achado, púxose en contacto con Manuel Gago para cubrir a nova. O xornalista de Capítulo 0, coñecedor do proxecto de investigación implementado para Armeá, derivou o contacto cara nós. Deste xeito, como ben dí Manuel Gago no seu blogue, "os arqueólogos puideron achegarse a Armeá a coñecer o lugar, pero tamén o conxunto da cidadanía puido informarse".


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 O vórtice informativo seguía medrando cando onte, 23/03/2011, de novo a TVG achegábase a Armeá para cubrir a visita de Francisco García, alcalde de Allariz, quen facía firme o seu compromiso co orixinario proxecto de investigación, agora integrando tamén o novo achado que será escavado con carácter de urxencia nos próximos meses.


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
(se non vos aparece o menú de reproducción para visionar o vídeo facede "click" en www.agalega.info)

 ¿PERO QUE É EXACTAMENTE O ACHADO DO SEÑOR MANUEL LOSADA?

 A día de hoxe é todo e nada. Se ben é certo que a súa morfoloxía, as escadas, as canalizacións ... poderían ter paralelos nos denominados santuarios rupestres galaicorromanos como ben dí Gago, tamén é certo que poderíamos estar simplemente ante rebaixes funcionais, algún tipo de construcción productiva ou construccións habitacionais como apunta o propio Juan Manuel González Carballo na ficha do inventario. 
 O seu emprazamento apunta ademáis á zona con ocupación máis tardía, algo a ter en conta á luz da importancia do lugar como zona de difusión de igrexas prerrománicas, abundante documentación relacionada con Celanova e Ourense que falan dun poboamento aldeán maduro para o século IX como apunta o medievalista Alvaro Rodríguez. 
 É por todo que a día de hoxe, nun estado embrionario, nada podemos afirmar. Agardamos que tanto a intervención dos próximos meses, como a asesoría de diversos especialistas poidan aportar máis luz. Con tal, recuperando unha vella promesa: acendemos fachón dende Armeá. 


 Seguiremos informando. ;)






Agradecementos:
Queremos aproveitar este recurso para agradecer a Manuel Gago que contara con nós dende o inicio, ó Alcalde de Allariz pola súa confianza e compromiso na salvagarda, investigación e difusión do patrimonio, ós diferentes especialistas que colaboran desinteresadamente: Álvaro Rodríguez, Antonio R. Colmenero, Brais X. Currás, Sande Lemos... e especialmente a Manuel Losada, unha ledicia de persoa cun amor encomiable polo patrimonio.

Bibliografía empregada no texto:

Conde-Valvís 1959: CONDE-VALVÍS FERNÁNDEZ (F.) – Dos villas romanas de la Cibdá de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas, en Revista de Guimarães, 69, 1959, p. 472-500.
Fariña Busto 2002: FARIÑA BUSTO (F.) – Santa Mariña de Augas Santas, Serie: Guías do Patrimonio Cultural 7, Fundación Caixa Galicia-Grupo Marcelo Macías, 2002.
González Soutelo 2007: GONZÁLEZ SOUTELO (S.) – Dos yacimientos gallegos olvidados: Moraime (Muxía, A Coruña) y Armeá (Sta Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense), en Gallaecia, 26, 2007, p. 69-84.
Notas:
 

16 mar 2011

O EQUIPO turquíA 2011 de novo engaiolado...

  Hoxe nos corredores do Edificio de Ferro albiscamos ó lonxe algúns integrantes do EQUIPO TURQUÍA 2011. Entre olleiras e  bocexos tornaban á gaiola. Namentres os exames, os traballos e as prácticas enchían o seu tempo, semella que os seus pensamentos aínda ficaban por terras orientais...
 Benvidos compañeir@s, o próximo ano máis!!!!


EQUIPO TURQUÍA 2011

 Imaxes: Sesi Martínez

9 mar 2011

Neve, ventos e ovellas dende Turquía...

 Chegan novas do EQUIPO TURQUÍA 2011, reproducimos aquí o seu comunicado completo, literal e sen censuras:
 
 
(...) Tudo bem desde Turquia. Nada maýs que baýxo cero en Istanbul, nevando en Troya, ventos de 100 kms en Assos (que provocaron que ------  voara contra as columnas do templo; non rompeu nada pero casý), unha ovella cruzada e atropelada (non por nos senon polo coche da polýcýa), a camara estropeada hoxe (ten un problema mecanýco e non graba as fotos). Ou sexa, todo normal. (...) 

 
 Sigue interesad@ en contratal@s??????????????  Segur@???????????????????

EQUIPO turquíA 2011

8 mar 2011

...de novo mellorando a grella da TV.


  A UVigo.tv, na súa mediateca pública, vén de presentar a posibilidade de descarga e visionado das  palestras presentadas nas I Xornadas  de Novos Investigadores do Noroeste: Arqueoloxía e Territorio celebradas na Facultade de Historia de Ourense o pasado mes de novembro. 
  Moito mellor que o 3D non? ;)
 

MÓDULO A:
SIX e territorio no estudio da Prehistoria, Protohistoria e Historia Antiga do NO.
MÓDULO B:
Territorio, poboamento e estructuración social do NO ó abeiro dos asentamentos tipo castro
.
MÓDULO C (sesión de mañá):
Gallaecia romana: a construcción dun territorio
.
MÓDULO C (sesión de tarde): 
Gallaecia tardoantiga: a transformación dun territorio
.
   

4 mar 2011

EQUIPO TURQUÍA 2011

(...) En 2011, 15 dos mellores homes e mulleres da Facultade de Historia de Ourense, foron engaiolad@s por un sistema académico decimonónico. Non tardaron en fugarse do Edificio de Ferro no que se atopaban pres@s. Hoxe, procurad@s aínda polas "autoridades competentes", sobreviven como arqueólog@s de fortuna en Turquía. Se vostede ten algún problema e @s atopa, se cadra pode contratal@s… son o EQUIPO TURQUÍA 2011 (...)


EQUIPO turquíA 2011

 Boa viaxe compañeir@s!!!

23 feb 2011

Xa temos o programa de prácticas de campo 2011

Viaxe de estudios á Meseta Norte: visita a Museos e xacementos arqueolóxicos de Palencia, Burgos, Soria, Madrid, Toledo, Ávila e Valladolid

Datas: 12-13-14-15 de Maio 2011 (xoves, venres, sábado e domingo) [4 días]


PROGRAMA


DIA 12 (xoves)
  • Desprazamento Ourense-Saldaña (Palencia)
  • Visita ó Museo Arqueolóxico de Saldaña e á Villa romana de La Olmeda.
  • Almorzo en Saldaña.
  • Desprazamento Saldaña-Peñalba del Castro (Burgos)
  • Visita á cidade romana de Clunia.
  • Desprazamento Clunia-Aranda de Duero
  • Aloxamento en Aranda de Duero (Albergue Xuvenil).

DIA 13 (venres)
  • Desprazamento Aranda-Montejo de Tiermes (Soria)
  • Visita á cidade indíxeno-romana de Tiermes
  • Desprazamento Tiermes-Madrid.
  • Almorzo en Madrid
  • Visita ó Museo Arqueológico Nacional
  • Desprazamento Madrid-Alcalá de Henares.
  • Visita ás ruínas visitables da cidade romana de Complutum
  • Desprazamento Alcalá-Madrid.
  • Aloxamento en Madrid (Albergue Xuvenil)

DIA 14 (sábado)
  • Desprazamento Madrid-Carranque (Toledo)
  • Visita ó Parque Arqueolóxico “Villa romana de Carranque”
  • Desprazamento Carranque-Toledo.
  • Almorzo en Toledo
  • Visita ós Monumentos e Xacementos arqueolóxicos visitables da cidade de Toledo
  • Desprazamento Toledo-Madrid.
  • Aloxamento en Madrid (Albergue Xuvenil)

DIA 15 (domingo)
  • Desprazamento Madrid-Chamartín (Ávila)
  • Visita ó castro e Centro de Interpretación de Mesa de Miranda
  • Desprazamento Chamartín-Arévalo
  • Almorzo en Arévalo.
  • Desprazamento Arévalo-Almenara de Adaja (Valladolid)
  • Visita ó Museo de las Villas Romanas.
  • Desprazamento Almenara-Ourense.




OBSERVACIÓNS


Asistentes: Alumnos e profesores das materias respectivas de Licenciatura e Grao. As prazas sobrantes poderán ser ocupadas por alumnos doutros cursos, doutorandos, investigadores e Licenciados en Historia.

Inscrición: Os alumnos interesados deberán preinscribirse telemáticamente a través da plataforma virtual Tem@ da asignatura correspondente. Esta preinscrición é obrigatoria para reservar praza na viaxe. O prazo de inscrición remata o 18 de marzo.

Transporte en Autobús (50-55 prazas) sufragado pola Universidade.

Aloxamento en Albergues de Xuventude (habitacións mútiples, pequeno almorzo incluído) por conta dos asistentes. Albergues previstos:
  • Aranda de Duero: Albergue Juvenil Las Francesas
  • Madrid: Albergue Juvenil Sta Cruz del Marcenado (barrio de Argüelles)
Albergue Juvenil San Fermín (barrio de San Fermín)

Comidas/Ceas libres por conta dos asistentes.

Orzamento estimado: 40 euros por persoa
  • Aloxamento 32 € + Entradas Museos/Xacementos 8 €
  • Sistema de pagamento: Ingreso ou transferencia en conta bancaria (Santander, Oficina Campus) nos prazos e contías que se indiquen.

17 feb 2011

O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil na Idade Media



  
Nâo sâo pepitas de oiro que procuro, 
Oiro dentro de mim, terra singela!
Busco apenas aquela
Universal riqueza 
Do homem que envolve a solidâo
O tesoiro sagrado 
De nenhuma certeza 
Soterrado 
Por mil certezas de aluviâo. 

(Fragmento do poema "Prospecçao". Miguel Torga). 




 Con estas fermosas verbas preséntase un novo número -o 32 xa- dos Anexos do Boletín Auriense promovido polo Grupo Marcelo Macías de Colaboradores do Museo e Arquivo. Unha monografía que recolle a colección documental do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil ó tempo que procura unha síntese histórica da súa evolución. 
 Esta extraordinaria achega, realizada polo noso colega Víctor Rodríguez Muñíz, constrúese tanto dende unha óptica interna como analizando as relacións do enclave monástico co seu rico entorno, do que o propio autor xa nos falaba na súa comunicación das I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste e que agardamos poder pescudar con máis tempo na pronta publicación das actas na serie de Anejos Herakleion.  
 Sempre é pracenteiro para nós albiscar como a "canteira" de investigadores vencellados á Facultade de Historia da Universidade de Vigo "seguen na brecha" esquivando as numerosas trabas dos "mercados". Dende o LAUV parabéns Víctor!!   

 Rodríguez Muñíz, V. (2010): O mosteiros de Santa Cristina de Ribas de Sil na Idade Media, Grupo Marcelo Macías-Serie Anexos Boletín Auriense, Ourense, ISBN: 978-84-88522-28-3.

20 ene 2011

Nova publicación: “Una gran crátera tardorromana con decoración pintada aparecida en la villa de Toralla (Vigo, Galicia, España)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que se presenta o estudio preliminar practicado sobre unha vaixela cerámica singular e excepcional -unha crátera tardorromana con decoración pintada- aparecida na villa de Toralla en Vigo. 

 Pérez Losada, F. & Fernández Fernández, A. (2011): “Una gran crátera tardorromana con decoración pintada aparecida en la villa de Toralla (Vigo, Galicia, España)” en  LRCW 3. Late Roman coarse wares, cooking wares and amphorae en the Mediterranean. Archaelogy and Archaeometry. Comparison between western and eastern Mediterranean, Archaeopress (BAR International Series 2185-I-),  Oxford, 2010. ISBN 978 1 4073 0736 7, pp. 149-156.  

28 dic 2010

Nova publicación: “As relacións externas da Gallaecia durante os séculos IV ó VII d.C. a traveso do material importado localizado en Vigo (Galiza)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que se analiza diacrónicamente as relacións comerciais do Noroeste dende o século IV ata o século VII a través do rexistro arqueolóxico.



 Fernández Fernández, A. (2011): “As relacións externas da Gallaecia durante os séculos IV ó VII d.C. a traveso do material importado localizado en Vigo (Galiza)”, en Pérez Losada, F. (Ed.) Hidacio da Limia e o seu tempo: a Gallaecia sueva/ A Limia na época medieval, Excmo. Concello de Xinzo de Limia (Biblioteca Arqueohistórica Limiá, Serie Cursos e Congresos nº5), Xinzo de Limia, 2011, ISBN 978-84-921946-9-8.

23 dic 2010

Mirámonos no 2011. Boas Festas!!!





 Sempre que remata un ano tendemos a facer memoria do que fixemos no pasado. A avaliar os 365 días como se algo fose mudar co cambio no calendario cara o mes de xaneiro. Facemos novas-vellas promesas como aprender un novo idioma ou ir ó ximnasio polas mañás. Ser mellores persoas, mellores amig@s, familiares, profesionais... 

 Pois ben, remata o 2010, un ano de crise, tesoiradas, wikileaks, perda de dereitos sociais, etc.; e no LAUV facemos a nosa particular avaliación do ano, neste caso de xeito gráfico para compartila con todos vós. Sirvan tamén estas imaxes para agradecer a colaboración e o interese de tod@s @s que colaborastes ou participastes en calquer actividade promovida polo LAUV creando entre tod@s un espazo común de traballo e aprendizaxe único. Moitas gracias de novo. 

 Agardamos que o vindeiro 2011, que enxergamos cheo de mudanzas como xa coñeceredes no seu día, sexa alomenos a metade de produtivo que o presente. Na nosa axenda fican algunhas datas chave como a viaxe de estudios arqueolóxicos a Turquía aló polo mes de marzo, a celebración da xa IIIª edición do Encontro de Estudios  sobre Cerámica Antiga do NOroeste Peninsular cara fin de ano, o curso de verán de Metodoloxía Arqueolóxica... e agardamos que moitas cousas máis. 

 Moita saúde e mirámonos no 2011!!

16 dic 2010

Nova publicación: “Rías Baixas and Vigo (Vicus Eleni)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que  a través do estudio da cerámica fina e das ánforas se presenta a importancia de Vigo, en particular, e as Rías Baixas, en xeral, como punto de referencia comercial na fachada atlántica dende época romana.


   Fernández Fernández, A. (2010): “Rias Baixas and Vigo (Vicus Eleni)”, en  Morais, R. & Carreras, C. (eds) The Western Roman Atlantic Façade: A study of the economy and trade in the Mar Exterior from the Republic to the Principate. ISBN 978 14073 0706 0, England, pp. 229-237.