28 dic 2010

Nova publicación: “As relacións externas da Gallaecia durante os séculos IV ó VII d.C. a traveso do material importado localizado en Vigo (Galiza)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que se analiza diacrónicamente as relacións comerciais do Noroeste dende o século IV ata o século VII a través do rexistro arqueolóxico.



 Fernández Fernández, A. (2011): “As relacións externas da Gallaecia durante os séculos IV ó VII d.C. a traveso do material importado localizado en Vigo (Galiza)”, en Pérez Losada, F. (Ed.) Hidacio da Limia e o seu tempo: a Gallaecia sueva/ A Limia na época medieval, Excmo. Concello de Xinzo de Limia (Biblioteca Arqueohistórica Limiá, Serie Cursos e Congresos nº5), Xinzo de Limia, 2011, ISBN 978-84-921946-9-8.

23 dic 2010

Mirámonos no 2011. Boas Festas!!!





 Sempre que remata un ano tendemos a facer memoria do que fixemos no pasado. A avaliar os 365 días como se algo fose mudar co cambio no calendario cara o mes de xaneiro. Facemos novas-vellas promesas como aprender un novo idioma ou ir ó ximnasio polas mañás. Ser mellores persoas, mellores amig@s, familiares, profesionais... 

 Pois ben, remata o 2010, un ano de crise, tesoiradas, wikileaks, perda de dereitos sociais, etc.; e no LAUV facemos a nosa particular avaliación do ano, neste caso de xeito gráfico para compartila con todos vós. Sirvan tamén estas imaxes para agradecer a colaboración e o interese de tod@s @s que colaborastes ou participastes en calquer actividade promovida polo LAUV creando entre tod@s un espazo común de traballo e aprendizaxe único. Moitas gracias de novo. 

 Agardamos que o vindeiro 2011, que enxergamos cheo de mudanzas como xa coñeceredes no seu día, sexa alomenos a metade de produtivo que o presente. Na nosa axenda fican algunhas datas chave como a viaxe de estudios arqueolóxicos a Turquía aló polo mes de marzo, a celebración da xa IIIª edición do Encontro de Estudios  sobre Cerámica Antiga do NOroeste Peninsular cara fin de ano, o curso de verán de Metodoloxía Arqueolóxica... e agardamos que moitas cousas máis. 

 Moita saúde e mirámonos no 2011!!

16 dic 2010

Nova publicación: “Rías Baixas and Vigo (Vicus Eleni)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que  a través do estudio da cerámica fina e das ánforas se presenta a importancia de Vigo, en particular, e as Rías Baixas, en xeral, como punto de referencia comercial na fachada atlántica dende época romana.


   Fernández Fernández, A. (2010): “Rias Baixas and Vigo (Vicus Eleni)”, en  Morais, R. & Carreras, C. (eds) The Western Roman Atlantic Façade: A study of the economy and trade in the Mar Exterior from the Republic to the Principate. ISBN 978 14073 0706 0, England, pp. 229-237.

13 dic 2010

Máis cabezas que medios.

 "En principio la investigación necesita más cabezas que medios".
Severo Ochoa

 Nun tempo de crise, coa privatización de servizos e a involución no sistema universitario inglés; nun tempo de nula inversión en I+D+i da nosa administración, co "colectivo" investigador galego a piques de esmorecer;  nun tempo onde a necesidade manda no mercado laboral, mudando a vocación por resultado; o axioma de Ochoa parece perder sentido. 
Cristina Fernández, Marta Lorén, Abraham Herrero e Aarón Lakinger. Parabéns ;)
 O pasado día 10 de decembro na fermosa cidade portuguesa de Braga parte da equipa xurdida ó abeiro do exemplar Proxecto Urdiñeira, do que xa temos falado neste blogue, presentaban dentro do 1º Congresso Internacional: Povoamento e Exploraçâo de Recursos Mineiros na Europa Atlântica Ocidental a súa comunicación: Unha aproximación etnoarqueolóxica ao traballo do estaño no val do rio Ribeira e a zona do Tameirón (A Gudiña, Ourense, NW Peninsular). Unha palestra, da que agardamos con inquedanza a súa publicación, que se sumaba ó rico debate sobre a producción metalúrxica do bronce no NO entre grandes especialistas xa consolidados de diferentes nacionalidades. Se cadra, na actualidade, o que fai falta son máis medios, ¿non?...  

9 dic 2010

Investigando aos investigadores

 O colega Xosé Gago, colaborador da atractiva serie sobre viaxes, cultura, arqueoloxía e patrimonio De Lorean de Bois no Galicia Hoxe,  vén de publicar unha reseña titulada Investigando aos investigadores que podedes consultar tamén no seu blogue. Nesta entrada fai unha interesante síntese do acontecido nas I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste celebradas na Facultade de Historia de Ourense os pasados días 18 e 19 de novembro.



 Sen entrar a avaliar os frutuosos debates derivados dos relatorios entre "modelos estáticos" e "dinámicos" que presenta e que a publicación das actas xunto cos vídeos das mesas redondas permitirá analizar con  máis calma, varios son para nós -a organización- os puntos chave resultantes dunha primeira lectura desta  mordaz e persoal visión do encontro e que vos resumimos a continuación:

_ a "faciana social" que segundo o autor agáchase neste tipo de eventos, corporativista e pechada. Un "mundiño hiperespecializado" afastado doutras realidades.

  (...)Calquera evento deste tipo, ten, por suposto, unha faciana social. Unha vertente socializadora, na que os diversos investigadores, aproveitan para poñerse ao día con antigos compañeiros de clase ou amigos. (...)

  _ a "faciana política intencionada" deste tipo de "cónclaves" onde o interese pola renovación das universidades mestúrase coa necesidade dos novos investigadores de proxectar os seus traballos cara o exterior, máis aló dos artigos en revistas, de novo especializadas.

 (...)Dentro do trazo social hai tamén unha vertente de escaparate. Unha faciana que podemos chamar “política”. Como é lóxico, para un investigador senior, é unha proxección pública importante a “foto” xunto aos novos investigadores. É coma unha foto dun político bicando a un neno. As canas ao carón das espinillas.
 Este tipo de eventos dan unha imaxe dinámica, de interese pola renovación, que sempre é de agradecer nas reladas universidades galegas, malia que non sempre teña que corresponderse coa realidade, pois trátase dunha proxección intencionada. (...)


 _ a importancia dos "individuos" por riba das institucións que organizan estes eventos. No caso da Universidade de Vigo cunha loanza, que compartimos, a nosa compañeira Bea Comendador.

(...)Como acontece sempre, quen marca a diferenza son os individuos, e a Universidade de Vigo ten a sorte de contar con Bea Comendador, unha rapaza que xa conta coa súa praza de profesora e que está chamada a facer grandes cousas dentro da institución. Só queda agardar que o rodo robotizador universitario non lle pase por enriba modelándoa ou provocándolle hastío, tal e como aconteceu noutros casos, mesmo na USC. Porque no fondo, o sistema investigador universitario é iso. Un sistema de popes e discípulos reproducionista. Un sistema de reprografía. Incluso entre os Novos Investigadores, detectamos certo perigoso conformismo. “Éche o que hai”. (...)
 

 En suma, verbas ácidas e críticas coas que cada quen poderá estar máis ou menos  de acordo pero derivadas dos propios obxectivos destas xornadas: dar que falar, comunicar, recibir, transmitir, avaliar, pensar e repensar... Dende o LAUV ficamos moi agradecidos do teu altofalante Xosé. ;)

29 nov 2010

¿Arquitect@s medindo corredores?. Non, arqueólog@s en prácticas.

 A nosa compañeira de grupo* Bea Comendador vén de remitirnos unhas fotografías  das súas prácticas na materia Arqueoloxía Xeral, imaxes que poñen en evidencia, de novo, a necesidade dunha titulación específica en Arqueoloxía no Estado español . Unha carencia formativa da que son vítimas en primeiro termo @s estudantes e titulad@s, e en segunda instancia a sociedade en xeral, que fica privada de profesionais cunha alta capacitación para protexer, investigar e divulgar o seu patrimonio. 
 
 No LAUV somos conscientes desta necesidade e nos últimos anos vimos procurando na medida das nosas posibilidades paliar o seu efecto cunha alta carga de formación extra-académica, máis aló dos curricula oficiais (obradoiros, conferencias, saídas de campo...). Actividades cunha alta demanda e cun alto grao de satisfacción por parte dos seus participantes que, ó igual que na imaxe, amosan o seu interese e ilusión por aprender, aínda que sexan un par de horas nos corredores da facultade e non nunha escavación arqueolóxica de verdade.
 






  *Grupo de Estudios Arqueolóxicos e da Antigüidade da Universidade de Vigo (GEAA) do que en pouco teredes novas e que fixa como un dos seus obxectivos prioritarios a  demanda dunha pronta consolidación de estudios sólidos en Arqueoloxía na Galicia.

25 nov 2010

Mafiosos do pasado...

 ...os nosos colegas do pioneiro Proxecto Arqueolóxico dos Castros de Neixón, fonte de inspiración para moitos de nós onde probamos as primeiras papas diso que etiquetan como Arqueoloxía Social, veñen de publicar no seu blogue unha entrada sobre as I Xornadas de Novos Investigadores do NO. Mafiosos do pasado é o acertado calificativo proposto para definir o frutífero encontro. Agardamos entón que o Restaurante Al Capone sexa o xermolo dunha nova forma de investigar e comunicar, lonxe de sectarismos e escurantismos doutros momentos. Sexamos mafiosos do pasado contra os mafiosos do presente.

Obrigado Xurxo polas boas verbas. ;)


+ info: http://neixon.blogspot.com
 

16 nov 2010

NOVAS DA VIAXE DE ESTUDIOS ARQUEOLÓXICOS TURQUÍA 2011

  Mor a numerosos problemas de xestión da viaxe a organización coida oportuno mudar a data da viaxe ata a "Santa Semana" de 2011, o que aumentará o orzamento inicial entre 80/100 Eur. Con tal, é necesario preinscribirse de novo (aberto  o prazo ata o domingo 28 de novembro). 
+ info:  http://webs.uvigo.es/lauv-web/Turquia2011.html

 

Seguiremos informando. ;)

7 nov 2010

Xa temos programa...

I XORNADAS DE NOVOS INVESTIGADORES DO NOROESTE: Arqueoloxía e territorio.

Facultade de Historia de Ourense                                                                                                        18 e 19 de novembro de 2010   

XNINO 2010  As xornadas que se celebrarán por vez primeira na Facultade de Historia do Campus de Ourense nos días 18 e 19 de novembro de 2010, baixo o epígrafe Arqueoloxía e Territorio, pretenden dar saída e constituír un foro de posta en común das numerosas investigacións de índole territorial presentes na arqueoloxía galega na actualidade. Este encontro permitirá concentrar na cidade de Ourense  un gran número de especialistas chegados dende diferentes universidades e institucións tanto do estado español (Universidade de Santiago de Compostela,  Autónoma de Barcelona, LaPa (CSIC-Santiago), Instituto de Historia (CSIC-Madrid), Deputación de Pontevedra, Museo Arqueolóxico de Ourense...) como doutros países (Universidade do Minho, University College Cork, London University...).

PROGRAMA
XOVES 18 de novembro
 09:30 h. Acto inaugural
              Dra. María Lameiras Fernández  (Vicerreitora do Campus de Ourense)

              Dra. Milagros Cavada Nieto (Decana da Facultade de Historia de Ourense)
              Dr.   Fermín E. Pérez Losada (Director das xornadas)
 10:00 h. MÓDULO A: SIX e territorio no estudio da Prehistoria, Protohistoria e Historia Antiga do NO.
Moderador: Martín Xosé Vázquez Mato (UVigo)
 1.        Aplicacións dos SIX na análise de depósitos do Bronce Final do NO.
Manteiga Brea, Alejandro (University College Cork)
2.        Decisións estratéxicas na Idade do Ferro: localización de poboados dende a óptica da “Rational Choice.
Barandela Rivero, Israel (Universidade de Vigo) & Rivero Rodríguez, Gonzalo (Instituo Juan March de Estudios e Investigaciones de Madrid)
12:00 h. PAUSA/ CAFÉ
3.        Monumentalidade e territorialidade de dous oppida do NO: Lesenho e Briteiros.                  
Cruz, Gonçalo (Sociedade Martins Sarmento), Fábrega-Álvarez, Pastor & Fonte, Joâo (Laboratorio de Patrimonio, Consejo Superior de Investigaciones Científicas)
4.        Unha aproximación á construcción do territorio na Gallaecia romana a través do estudo da movilidade.
Güimil-Fariña, Alejandro (Laboratorio de Patrimonio-USC)

14:00 h. XANTAR DE CONFRATERNIZACIÓN
 16:00 h. MÓDULO B: Territorio, poboamento e estructuración social do NO ó abeiro dos asentamentos tipo castro.
Moderadora: Beatriz Comendador Rey (UVIGO)
 1.        Arte esquemática e hábitat tardoantigo no castro do Castillón (Santa Eulalia de Tábara, Zamora).
Sastre Blanco, José Carlos (
Grupo de Investigación y Difusión Sobre el Patrimonio Arqueológico Protohistórico de la Provincia de Zamora/ Asociación Científico Cultural Zamora Protohistórica)
2.        Aproximación ao estudo dos castros costeiros de Galicia. Castros Costeiros de Ribadeo, Barreiros e Foz (Lugo).
Maañón, Luis (REVVE ARQUEOLOXÍA S.L.)
18:00 h. PAUSA/ CAFÉ
3.        O sitio arqueolóxico de A Lanzada, retrospectiva e novidades.
Rodríguez Martínez, Rafael M. (Deputación de Pontevedra)
4.        Os castros de Neixón: paisaxe, sociedade e territorio ao longo da Idade do Ferro.
Ayán Vila, Xurxo (Laboratorio de Patrimonio, Consejo Superior de Investigaciones Científicas)
 

VENRES 19 de novembro
 10:00 h. MÓDULO C (sesión de mañá): Gallaecia romana: a construcción dun territorio.
Moderador: Adolfo Fernández Fernández (UVigo)
 1.        Transformacións sociais e espaciais no val do Baixo Miño: ss. II a.C.- II d.C.
Currás Refoxos, Brais X. (Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC)
2.        O papel das augas mineromedicinais na organización do territorio en época romana. Consideracións ó respecto.                              
González Soutelo, Silvia (Universidad Autónoma de Barcelona)
12:00 h. PAUSA/ CAFÉ
3.        Bracara Augusta, a construcción dun espacio urbano.
Magalhâes, Fernanda & Ribeiro, Jorge & Vilas Boas, Cristina (Unidade de Arqueologia, Universidade do Minho)

14:00 h. XANTAR DE CONFRATERNIZACIÓN
 16:00 h. MÓDULO C (sesión de tarde): Gallaecia tardoantiga: a transformación dun territorio.
Moderador: Manuel Grande Rodríguez (UVigo)
4.        Algunhas reflexións sobre a articulación territorial na Gallaecia tardoantiga.
Sánchez Pardo, José Carlos (Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – University of London)
5.        A necrópole rupestre de San Vítor (Barxacova, Parada de Sil): grandes necrópoles en espazos deshabitados.
Nieto Muñiz, Eduardo-Breogán & Rodríguez Muñiz, Víctor (Breogán Arqueoloxía – Universidade de Vigo)
18:00 h. PAUSA/ CAFÉ
6.         Arqueoloxía tardoantiga e altomedieval en Galicia: investigando nas orixes das sociedades medievais galegas.
Rodríguez Resino, Álvaro. Departamento de Historia I (Universidade de Santiago de Compostela)
 20:00 h. Acto de clausura
Fermín E. Pérez Losada – Director das Xornadas (Prof. Tit. Univ. de Vigo)