7 jun 2012

Mudámonos!!!!


Xa pechamos a derradeira caixa de cartón e mudámonos!! 
 
Este blogue, ao igual que o resto de plataformas de comunicación do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo (Facebook, Twitter, YouTube, LinkedIn...), pecha as súas portas e insírese definitivamente dentro da ilusionante iniciativa proposta polo GEAAT (web actualmente en obras). Con todo, a labor de difusión practicada en todas elas manterase agora dentro dos medios deste grupo:

Asemade, creamos un blogue específico para o Proxecto Armea no que podedes consultar toda información derivada deste proxecto:
http://proxectoarmea.wordpress.com/


Pero que é o GEAAT?


Como ben sabedes tod@s @s que nos seguides a cotío, fai cousa dun ano xurdía a idea de aglutinar as moitas iniciativas emprendidas dende a Universidade de Vigo nos últimos tempos e aproveitar esta sinerxía para lograr unha maior efectividade. O resultado desta asociación de forzas é o novo Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio que de seguro será máis coñecido no futuro polo seu acrónimo GEAAT. Nel insírense un grande número de investigadores próximos a algunha das tres áreas que abarca: a Arqueoloxía e Antropoloxía Cultural, as Ciencias da Antigüidade, e a Xeografía e a Xeomolofoloxía.

Este grupo vén de deseñar as súas liñas de actuación con respecto ao Plan Estratéxico Campus da Auga. As súas liñas conceptuais artéllanse de novo á volta de tres bacías hidrográficas da provincia de Ourense: Miño, Limia e Douro, e sobre estas, e cun enfoque diacrónico, se establecen tres grandes liñas transversais de estudo vinculadas á auga: a paisaxe natural, a paisaxe cultural, e os recursos patrimoniais. Esta configuración tripartita está reflectida na nosa nova imaxe corporativa e a auga no código do noso grupo: H2O. Asemade, o contacto co mar a través das desembocaduras do Limia e Miño, e a transrexionalidade, permitirán a proxección internacional dos estudos e a vinculación co Campus do Mar. A interacción desta liñas de actuación coas  doutros  grupos de investigación do campus, e a transferencia de coñecemento entre os diferentes ámbitos, contribuirán a promover a creación de valor social e económico como motor de desenvolvemento territorial da provincia mediante unha estratexia común, e dotando de personalidade propia ao Campus de Ourense

Esperamos que sigades con nós nesta nova xeira e compartades o noso rumbo.


Liñas de actuación do GEAAT dentro do Plan Estratéxico do Campus da Auga:https://docs.google.com/viewer?url=http://webs.uvigo.es/geaat/wp-content/uploads/LAGEAATR.pdf&hl=es&chrome=true




11 abr 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA
3ª parte

 No anterior post comentábamos a potencialidade detectada no concello de Xinzo para un eventual programa de intervención arqueolóxica e posta en valor que procuraremos iniciar nos próximos meses. Asemade afirmábamos que o mellor xeito de implementar este proceso sería mediante a elaboración previa dun Informe de Valoración Patrimonial (IVP) individualizado para cada xacemento. Pero para que redactar este IVP?


 O obxectivo último da redacción deste IVP será o de plasmar obxectivamente, nun documento o máis sintético posible, os elementos máis reseñables de cada xacemento arqueolóxico analizado, de modo que sirva de guía para ordear futuras accións a executar sobre os mesmos (protección, escavación, musealización e difusión…), avaliando primeiramente cada lugar por separado para despois extraer conclusións comparativas de todo o conxunto patrimonial.

Que avaliamos neste IVP?


 A tódolos bens patrimoniais, incluso aos arqueolóxicos non escavados como é o caso da maioría dos citados, se lle recoñecen unha serie de valores ou cualidades positivas. Claro está que o preferente para un equipo de investigación como o do LAUV-GEAAT sería o valor informativo ou científico asociado a cada un destos lugares. Este valor radica na cantidade/calidade de información que de cada lugar podamos extraer para coñecer o pasado, xa que a historia, como é sabido, construese a partires dos seus vestixios. Con todo, este non é o único valor recoñecido pola sociedade, a maioría das veces nin sequera o consideran o máis importante, motivo polo que elaborar unha guía de intervención destes xacementos soamente en base a criterios informativos significaría deixar ó marxe precisamente ó grupo a quen debería ir dirixido: a comunidade, tanto local como visitante.

 É por todo o anterior que é necesario avaliar tamén outras características dos xacementos arqueolóxicos máis activas no imaxinario colectivo, como son os seus valores formais ou estéticos, atendendo ó estímulo que emana de cada sitio e a súa contorna (autenticidade, conservación, paisaxe…). Estos serán esenciais tamén para conseguir detectar qué xacementos poderían actuar mellor como referente arqueolóxico dos feitos que serven como fío condutor da Festa do Esquecemento, razón pola que será necesario ponderar ademáis os elementos asociativos ou simbólicos de cada lugar, tales como as lendas ligadas ó ben cultural, o uso que ten na actualidade, o contorno evocador, a integridade do lugar, etc.

 Por último, e sendo conscientes das dificultades da entidade peticionaria (o concello de Xinzo) nun contexto de crise financeira, falta de liquidez e limitación do crédito, outro factor esencial a valorar será o puramente económico, esto é, as posibilidades de converter un determinado xacemento nun recurso cultural activo, xenerador de riqueza e calidade de vida −o tan manido “estado do benestar”− para os xinzenses en particular e para a sociedade en xeral. Ese valor médese analizando factores tales como o grao de conservación, o tipo de propiedade no que se atopa (pública ou privada), a accesibilidade, etc., medíndose asemade o saldo entre o custo da intervención que se pretende executar en relación coa rendabilidade socioeconómica e cultural que se espera obter do mesmo.

¿Cómo elaboramos o IVP? 


A metodoloxía de traballo seguirá, a grandes trazos, o seguinte esquema:

A) Fixación da escala de análise nos xacementos tipo castro, romanos ou tardorromanos do Concello de Xinzo de Limia ou Concello e contorna. Asemade será necesario determinar os valores sociais recoñecidos a priori para cada un deles.

B) A partir da decisión previa tomada elaborarase unha primeira achega ós bens tentando alcanzar un coñecemento profundo dos mesmos. Este apartado desenvolverase en dúas fases, combinando traballo de gabinete e traballo de campo.


   B.1) Labor de pescuda. Consistente na investigación e recompilación de toda a documentación (bibliográfica, fotográfica, xeoespacial…) existente de cada ben. 





    B.2) Creación dunha base de datos xeorreferenciada que cumplirá as funcións dun SIX no resto do proxecto.

C) Determinación dos criterios de análise (histórico, simbólico, estético e económico).

D) Elaboración dunha ficha/enquisa modelo onde estén presentes tódolos criterios de análise histórico, estético, simbólico e económico arriba presentados. Esta permitirá a elaboración dun informe individual para cada xacemento así como cuantificar nun baremo promediado a súa relevancia.

E) Avaliación comparativa de todos as fichas individuais de valoración.

F) Redacción do IVP final e presentación.








4 abr 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA
2ª parte

POTENCIONALIDADE
 A Comarca da Limia, polas súas características ambientais e por ser unha auténtica encrucillada viaria, foi unha das zonas máis intensamente explotadas e habitadas dende os albores da presenza humana na zona, destacando sobre todo pola súa importancia os restos vinculados á Idade do Ferro e á época galaico-romana.
 A pesares desta riqueza arqueolóxica, non se realizaron aínda investigacións sistemáticas do seu rico patrimonio, se exceptuamos as catalogacións do patrimonio realizadas para o PXOM e as intervencións de salvamento ou urxencia realizadas no núcleo urbano de Xinzo que xeraron un aceptable, aínda que insuficiente, coñecemento sobre a realidade do Xinzo de época romana en adiante. Máis aló desta illa urbana, mínimamente intervida e investigada, esténdese un océano rural practicamente ignoto se obviamos a escavación feita nos anos 70 no Castro de San Nicolao de Novás por Covadonga Carreño (GA32032006) que en ningún momento tivo pretensións de valorización patrimonial.

Detalle dunha construcción circular do Castro de Novás (Foto: PXOM)


 Non obstante, na actualidade contamos cun instrumento que está resultando imprescindible para o coñecemento superficial deste pasado e a potencialidade dos xacementos localizados non só no límite do Concello senón tamén fóra do núcleo urbano: trátase do catálogo de lugares recollidos no Inventario Cultural do Planeamento Xeral de Ordenación Municipal do 12/05/2003 realizado por D. Roberto Yebra e Dna. Adriángela Menéndez. 
 Recentemente, o Grupo Marcelo Macías acometeu tamén unha nova catalogación do Patrimonio Cultural da Alta Limia, un proxecto subvencionado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza cuxos resultados aínda hoxe non se atopan dispoñibles. 

 En base ao documento recollido no PXOM, identificamos ata 16 posibles xacementos rurais romanos en chaira que poderían tratarse de unidades produtivas (tipo villa) de época romana e tardorromana. Entre estes cómpre destacar, polos restos en superficie ou pola extensión que parecen acadar, o do Mosterio de Faramontaos −muíño circular−, o de A Pedreira, As Anduriñas e o dos Pardieiros −muros en superficie− (todos eles en S. Miguel de Gudín); A cortiña Nova (en S. Salvador de Damil) −moi extenso e con abundante material en superficie−, o de Padrón ou A Cheda −de considerables dimensións− entre as aldeas de Ganade e San Vitoiro, alomenos dúas posibles villae en San Pedro de Laroá (Paredes e Gundís) e o xacemento coñecido como A Touza ou A Viña sito en fronte ao IES e moi próximo ao núcleo urbano de Xinzo.
 Xunto a estes, contamos con alomenos 9 establecementos habitacionais en alto e delimitados con defensas, coñecidos tradicionalmente coma castros, entre os que destacamos o de Novás (como xa dixemos parcialmente escavado), o pequeno pero tremendamente monumental do Outeiro de Almeide, en Sta. Marta de Laroá, onde apareceu un fragmento de escultura dun guerreiro, ou o da Cibdá de Morgade, parcialmente destruído a finais dos anos 90.
 Amais, moitos destes lugares están estreitamente vinculados con outros sitios ou áreas próximas, polo que sería imprescindible realizar un tratamento conxunto de varios xacementos se queremos obter un maior e mellor coñecemento do tecido construído pola historia do propio territorio límico e, por suposto, polas xentes que o habitaron.
 Exemplo desta simbiose e sinerxia entre varios xacementos arqueolóxicos son, por exemplo, o castro e o asentamento en chan de Seoane de Oleiros, que coinciden na mesma poboación; os xacementos en chan de Damil (A Cortiña Nova) e Os Freixos, que comparten protagonismo no entorno co Castro da Cerquiña ou tamén en Gudín, onde están catalogados os xacementos en chan de As Anduriñas, A Pedreira e os Pardieiros (aparición de muros en superfície), asi como uns sepulcros antropomorfos localizados no Alto do Seixo.

Principais agrupacións de xacementos castrexos e galaico-romanos


 Non podemos esquecer outros importantes xacementos de adscripción cultural anterior ou posterior no tempo ao período tardorromano, romano e da Idade do Ferro -nomeados anteriormente e que conforman o grupo máis importante en número- como serían os sitios medievais e os adscribibles ao Neolítico ou Idade do Bronce (necrópoles megalíticas, petroglifos). Entre estes, sen lugar a dúbidas, destaca a impoñente Torre de Pena, inmoble en bo estado de conservación que merecería ser obxecto por si mesmo dun proxecto de posta en valor.

 En vista de todo o argumentado, a potencialidade que presentan moitos destos lugares para un eventual programa de intervención e posta en valor amósase como incuestionable. Agora ben, esta intervención deberá ir necesariamente acompañada previamente dun estudio moito máis profundo que o recollido nas fichas do PXOM, que nos permita achegarnos a realidade de cada un dos xacementos. Este estudio debe ser feito en forma de Informe de Valoración Patrimonial −en adiante IVP−. Para qué redactar un IVP?? ...na próxima entrada. ;)

Vista desde o norte da torre de A Pena


28 mar 2012

Imos de viaxe?

Colamos a continuación o programa da Viaxe de Prácticas das materias de Arqueoloxía para este ano 2012. Será durante catro días de maio (do 10 ó 13) e imos... a Portugal, Andalucía e Extremadura! Quen dixo medo? ;)

Hai ata 50 prazas dispoñibles e poderán acudir tódol@s alumn@s de Historia e outras titulacións afíns, doutorandos, licenciados, investigadores, etc. que así o desexen. Soamente no caso de que se sobrepasen as prazas dispoñibles -cousa pouco probable- entón obviamente terían preferencia @s alumno@s oficialmente matriculados nas materias implicadas, devolvéndolle o diñeiro pagado ós que ficasen fora da viaxe por este motivo. 

@s interesad@s terán que inscribirse e efectuar o pagamento oportuno ata o xoves 29 de marzo A cuota, condicións da viaxe e sistema de pagamento están indicados no propio programa da viaxe:



22 mar 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA


Nos últimos días diferentes medios de comunicación, que podedes consultar na hemeroteca sita neste blogue (abaixo á dereita na sección Falan de nós!!!), veñen facéndose eco do novo proxecto de I+D no que nos embarcamos dende o LAUV-GEAAT. @s máis atent@s e seguidores do noso facebook e twitter de seguro que estades ó tanto dos obxectivos, medios, etc. pero para @s que non iniciamos con esta entrada unha serie de posts na que vos presentaremos o proxecto, agora da nosa man. ;)


O PORQUÉ 

Nos últimos anos Xinzo revalorizou unha parte do seu pasado 
prerromano e romano a partires dunha festa histórica, A Festa do Esquecemento, onde se recrea a chegada ata a marxe esquerda do “flumen oblivionis” ou río Limia-Lethes das lexións romanas comandadas por Décimo Xunio Bruto. Esta festa -celebrada no penúltimo fin de semana de agosto- foi gañando en importancia dentro do calendario festivo do Concello ata erixirse coma unha das festas históricas de referencia en Galicia. Sen embargo, esta potenciación  lúdica non foi á par da potenciación e coñecemento rigoroso do patrimonio arqueolóxico desta e doutras épocas que se pode atopar nos límites do Concello de Xinzo, o que xerou unha falla de referente arqueolóxico directo dos feitos que serven como fío condutor da festa.




 Este baleiro non é froito da inexistencia de xacementos que podan servir de fundamento e complemento da historia lendaria do concello -e por extensión da zona da Lagoa de Antela- senón máis ben pola falla de investigacións e estudos sobre os numerosos sitios arqueolóxicos dispersos por esta zona da Limia. É por esta razón pola que cremos que Xinzo de Limia precisa dun Proxecto de I+D que complemente esta oferta cultural e lúdica coa recuperación dunha parte do seu rico patrimonio arqueolóxico para contextualizar o seu pasado histórico dobremente argumentado: nas fontes clásicas e, por suposto, nos xacementos e restos mobles achados fortuitamente ou nas escavacións de urxencia levadas a cabo no Concello.



 É
 neste proxecto de investigación tan perentorio no que cobra sentido a presenza da Universidade de Vigo xa que, como é sabido, dende as últimas décadas ata a actualidade, a relación entre o Concello de Xinzo e a UVigo está sendo moi intensa, en especial coa área de arqueoloxía e con Fermín Pérez Losada, director do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, actualmente inserido no Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. É Fermín Pérez Losada quen comanda dende os inicios os afamados e concorridos simposios de arqueoloxía e historia que se organizan en Xinzo baixo o formato de cursos de extensión universitaria avaliados pola UVigo. Esta frutífera relación é o perfecto xerme para que dende o LAUV-GEAAT se acometa un proxecto de investigación e recuperación dun xacemento arqueolóxico do concello con suficiente entidade para que represente e visibilice o rico pasado da comarca.




 Amáis disto, xa existe un precedente de proxecto de I+D en materia de patrimonio arqueolóxico desenvolvido entre o LAUV-GEAAT e o Concello de Xinzo: trátase do proxecto ArqueoGenitio, executado en 2006 baixo o patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Ourense (convocatoria INOU 2005). Este proxecto consistíu na implementación dun sistema de información arqueolóxica, deseñado específicamente para Xinzo, que servise como ferramenta para a investigación, xestión e posta en valor do seu rico e emerxente patrimonio arqueolóxico urbano. A información resultado do proxecto ficou aloxada nunha páxina web de consulta pública e aberta que aínda reside, desgraciadamente sen actualizar desde 2007, nos servidores informáticos da universidade.


Esta simbiose entre o ámbito académico e administrativo local será sen dúbida a mellor garantía para asegurar non só a descuberta dunha parte significativa deste pasado, senón tamén a súa investigación e por suposto difusión social, xa que partimos da premisa de que sen unha adecuada transmisión do descuberto é imposible recuperar este excepcional patrimonio.




NOTA: Na próxima entrada profundizaremos na potencialidade de recuperar un conxunto patrimonial e  a necesidade de elaborar un informe de valoración previo.

28 feb 2012

Algo vai acontecer o vindeiro VENRES 16 de marzo!!!


Restan:

30 ene 2012

LAUV 2002-2012. Estamos de aniversario!!!


 @s máis atent@s de seguro vos decatastes da mudanza na imaxe corporativa do grupo. Esto débese a que neste ano 2012 o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, na actualidade inserido no Grupo de Estudios en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, cumpre dez anos de vida científica.


Nova imaxe corporativa do grupo para 2012.

 Durante este tempo a nosa actividade centrouse en tres eixos fundamentais: a formación, tanto académica como profesional e complementaria, a investigación e a difusión. Actuacións que nos situaron ó nivel doutras institucións con varias décadas de historia, cun aparato loxístico e financeiro moi superior.

 Baixo esta filosofía, e en paralelo á carreira profesional e científica de cada un de nós, realizáronse proxectos de investigación como a intervención arqueolóxica na vila romana de Toralla (Vigo), a implentación dun SIX arqueolóxico para o concello de Xinzo (Ourense) ou o que hoxe estase a desenvolver no Conxunto Rupestre do Monte Señoriño en Armea (Augas Santas, Allariz-Ourense).  Asemade, esta idea é a que está detrás da organización dos cursos de formación especializada en arqueoloxía xurdidos en 2010, de carácter bianual e que pretendemos reeditar este verán de 2012; as tres edicións xa do Encontro De Estudios Sobre Cerámica Antiga do Noroeste Peninsular (tamén de carácter bianual: anos 2007, 2009 e 2011); as I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste organizadas en novembro de 2010 e cuxa II edición realizarase este ano 2012 da man dos colegas portugueses da Sociedade Martins Sarmento e  a Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho; os cursos de verán organizados en colaboración co Concello de Xinzo da Limia; as viaxes de arqueoloxía organizadas en colaboración coa Delegación de Alumnos de Historia de Ourense (Inglaterra 2010, Turquía 2011, Alemania 2012); os Roteiros Culturais da Universidade de Vigo da man do Servizo de Deportes e o incansable Willy, etc.

 Estas actividades, xunto con outras reflexións, recomendacións, críticas…, foron diariamente visibilizadas nas múltiples plataformas de comunicación dinámicas do grupo (Facebook, Twitter, Blogger, YouTube, Wikiloc…). Recursos que nos permitirían comprobar o grande interese que esperta a nosa labor na sociedade e a importancia de mudar o noso discurso tan afastado xa das súas demandas. Noutras verbas: “deixando de falar tanto para empezar tamén a escoitar”.

 Neste ano de celebración queremos facer una mención especial a tod@s @s estudantes, egresados, investigadores, profesionais e calquer outra persoa que colaborara con nós neste tempo. Nada sería posible sen a vosa colaboración. Xa que logo o que é a día de hoxe o LAUV, é o resultado dun traballo necesariamente colectivo. 


 En conclusión, que esto merece un festexo non??? En primavera organizaremos algo…jejejeje Xa vos iremos informando. ;)




29 ene 2012

"Uno de los nuestros"

 No Faro de Vigo de hoxe fan referencia ó premio extraordinario concedido pola Universidade de Vigo á tese de doutoramento dun dos nosos: Adolfo Fernández. Parabéns compañeiro, e máis unha vez "finis coronat opus". Agardamos con inquedanza a pulicación. ;)


Podedes consultar a nota de prensa abaixo na nosa sección "Falan de Nós" ou nesta ligazón.


Adolfo Fernández, "o premiado".

23 dic 2011

Fin da temporada invernal en Armea

 Hoxe rematamos o traballo programado para a campaña invernal no Monte do Señoriño en Armea na que pretendíamos consolidar os muros destapados no verán e protexer as estructuras da colonización vexetal. Este é o aspecto que terá o xacemento até o noso regreso no verán de 2012:



 Se ben o noso obxectivo non era restaurar as estructuras descubertas, xa que a complexidade do conxunto non permite polo momento unha lectura definitiva, a simple actuación de consolidación dos muros e o recheo dos buracos da rocha, para facilitar a drenaxe das augas, xa fai moito máis comprensible o xacemento. Botádelle un ollo:

Resultado da consolidación e recheo do Socalco Inferior
Resultado da consolidación e recheo do Socalco Intermedio
 Por outra banda na escavación do sector que une os socalcos inferior e intermedio non achamos ningunha mostra clara de acceso, pero si diferentes fragmentos de cerámica en contexto que sirven para datar o nivel de uso do lugar. O traballo de laboratorio de seguro confirmará que seguimos arredor do cambio de era e século I d.C. Asemade localizamos restos de diferentes muros que garanten a continuidade do xacemento arqueolóxico ó mediodía e permítenos albiscar a posible construcción realizada sobre a estructura rupestre. Con todo só novas campañas de escavación permitirán respostar as cuestións de uso e funcionalidade.

Resultado da escavación da testemuña entre os Soc. Inferior e Intermedio

 P.D. Os resultados da restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, o levantamento topográfico do outeiro, o SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... están en camiño. ;)

19 dic 2011

Sexta xornada invernal en Armea: ...e chegou o xeo

A xeada dános a benvida ó xacemento o luns 19 de decemebro

 Tod@s @s que vos adicades a isto sabedes da complicación de escavar no inverno. Ás dificultades derivadas da chuvia, das que vimos sobrados exemplos a semana pasada, súmanse as mañás frías con termómetros próximos ó 0ºC. Malia todo, e como a xeada é o mellor indicador dun día soleado, hoxe si puidemos traballar... e moi ben por certo jejejeje... Así pois estamos a rematar de consolidar os muros descubertos na campaña estival e pronto empezameramos coa limpeza de mofos e demais "invasores" para darlle un bo lavado de cara á estrutura rupestre. 

 Por outra banda, e como podedes observar nas fotografías adxuntas, na escavación da testemuña separadora entre os socalcos intermedio e inferior localizamos, xunto con abundantes fragmentos de cerámica, dous novos muros (ou o que queda deles) que complican aínda máis unha lectura vertical da estrutura. Cada nova dentada de terra formula novas preguntas en vez de responder a todas as que xa temos. :S

Restos do muro que semella conectar os Soc. Inf. e Intermedio
Restos dun pequeno muro paralelo ó banco central

17 dic 2011

Quinta xornada invernal en Armea: chegou o nadal!!!

  Se o martes foi un día gris e o mércores un día de cores en Armea, o venres chegou o verdadeiro inverno!!! Poucas novidades máis aló das rachas de aire, chuvia, frío... brbrbrbrbrb... alomenos aproveitamos para felicitavos as festas. ;)

Cuarta xornada en Armea: as visitas

A brigada de canteiros do Concello de Allariz dános unha auténtica lección
 Sempre dixemos que as visitas deben ser un elemento esencial en calquer escavación arqueolóxica. Non falamos aquí das visitas nas que procuramos visibilizar o noso traballo e inducir na sociedade un desexo de protección do patrimonio, senón desas outras visitas de compañeir@s de profesión que poñen en dúbida o noso discurso. Destas tivemos moitas no verán e de todas aprendimos algo (Marco García e Antonio Colmenero da USC, Francisco Fariña do Museo Arqueolóxico de Ourense... e un grande número de arqueólogos aos que queremos agradecer a súa axuda desinteresada), pero ás veces esquecemos a necesidade de inserir nestas visitas a outros profesionais que aporten un pouco de aire fresco lonxe da teoría dos nosos libros. Nós tivemos o xoves 15 de decembro unha destas visitas, a da brigada de canteiros do Concello de Allariz que ficaron atordados co esforzo necesario para facer estas estruturas rupestres e deixáronnos algunhas reflexións interesantes que teremos que meditar.