22 mar 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA


Nos últimos días diferentes medios de comunicación, que podedes consultar na hemeroteca sita neste blogue (abaixo á dereita na sección Falan de nós!!!), veñen facéndose eco do novo proxecto de I+D no que nos embarcamos dende o LAUV-GEAAT. @s máis atent@s e seguidores do noso facebook e twitter de seguro que estades ó tanto dos obxectivos, medios, etc. pero para @s que non iniciamos con esta entrada unha serie de posts na que vos presentaremos o proxecto, agora da nosa man. ;)


O PORQUÉ 

Nos últimos anos Xinzo revalorizou unha parte do seu pasado 
prerromano e romano a partires dunha festa histórica, A Festa do Esquecemento, onde se recrea a chegada ata a marxe esquerda do “flumen oblivionis” ou río Limia-Lethes das lexións romanas comandadas por Décimo Xunio Bruto. Esta festa -celebrada no penúltimo fin de semana de agosto- foi gañando en importancia dentro do calendario festivo do Concello ata erixirse coma unha das festas históricas de referencia en Galicia. Sen embargo, esta potenciación  lúdica non foi á par da potenciación e coñecemento rigoroso do patrimonio arqueolóxico desta e doutras épocas que se pode atopar nos límites do Concello de Xinzo, o que xerou unha falla de referente arqueolóxico directo dos feitos que serven como fío condutor da festa.




 Este baleiro non é froito da inexistencia de xacementos que podan servir de fundamento e complemento da historia lendaria do concello -e por extensión da zona da Lagoa de Antela- senón máis ben pola falla de investigacións e estudos sobre os numerosos sitios arqueolóxicos dispersos por esta zona da Limia. É por esta razón pola que cremos que Xinzo de Limia precisa dun Proxecto de I+D que complemente esta oferta cultural e lúdica coa recuperación dunha parte do seu rico patrimonio arqueolóxico para contextualizar o seu pasado histórico dobremente argumentado: nas fontes clásicas e, por suposto, nos xacementos e restos mobles achados fortuitamente ou nas escavacións de urxencia levadas a cabo no Concello.



 É
 neste proxecto de investigación tan perentorio no que cobra sentido a presenza da Universidade de Vigo xa que, como é sabido, dende as últimas décadas ata a actualidade, a relación entre o Concello de Xinzo e a UVigo está sendo moi intensa, en especial coa área de arqueoloxía e con Fermín Pérez Losada, director do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, actualmente inserido no Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. É Fermín Pérez Losada quen comanda dende os inicios os afamados e concorridos simposios de arqueoloxía e historia que se organizan en Xinzo baixo o formato de cursos de extensión universitaria avaliados pola UVigo. Esta frutífera relación é o perfecto xerme para que dende o LAUV-GEAAT se acometa un proxecto de investigación e recuperación dun xacemento arqueolóxico do concello con suficiente entidade para que represente e visibilice o rico pasado da comarca.




 Amáis disto, xa existe un precedente de proxecto de I+D en materia de patrimonio arqueolóxico desenvolvido entre o LAUV-GEAAT e o Concello de Xinzo: trátase do proxecto ArqueoGenitio, executado en 2006 baixo o patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Ourense (convocatoria INOU 2005). Este proxecto consistíu na implementación dun sistema de información arqueolóxica, deseñado específicamente para Xinzo, que servise como ferramenta para a investigación, xestión e posta en valor do seu rico e emerxente patrimonio arqueolóxico urbano. A información resultado do proxecto ficou aloxada nunha páxina web de consulta pública e aberta que aínda reside, desgraciadamente sen actualizar desde 2007, nos servidores informáticos da universidade.


Esta simbiose entre o ámbito académico e administrativo local será sen dúbida a mellor garantía para asegurar non só a descuberta dunha parte significativa deste pasado, senón tamén a súa investigación e por suposto difusión social, xa que partimos da premisa de que sen unha adecuada transmisión do descuberto é imposible recuperar este excepcional patrimonio.




NOTA: Na próxima entrada profundizaremos na potencialidade de recuperar un conxunto patrimonial e  a necesidade de elaborar un informe de valoración previo.

28 feb 2012

Algo vai acontecer o vindeiro VENRES 16 de marzo!!!


Restan:

30 ene 2012

LAUV 2002-2012. Estamos de aniversario!!!


 @s máis atent@s de seguro vos decatastes da mudanza na imaxe corporativa do grupo. Esto débese a que neste ano 2012 o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, na actualidade inserido no Grupo de Estudios en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, cumpre dez anos de vida científica.


Nova imaxe corporativa do grupo para 2012.

 Durante este tempo a nosa actividade centrouse en tres eixos fundamentais: a formación, tanto académica como profesional e complementaria, a investigación e a difusión. Actuacións que nos situaron ó nivel doutras institucións con varias décadas de historia, cun aparato loxístico e financeiro moi superior.

 Baixo esta filosofía, e en paralelo á carreira profesional e científica de cada un de nós, realizáronse proxectos de investigación como a intervención arqueolóxica na vila romana de Toralla (Vigo), a implentación dun SIX arqueolóxico para o concello de Xinzo (Ourense) ou o que hoxe estase a desenvolver no Conxunto Rupestre do Monte Señoriño en Armea (Augas Santas, Allariz-Ourense).  Asemade, esta idea é a que está detrás da organización dos cursos de formación especializada en arqueoloxía xurdidos en 2010, de carácter bianual e que pretendemos reeditar este verán de 2012; as tres edicións xa do Encontro De Estudios Sobre Cerámica Antiga do Noroeste Peninsular (tamén de carácter bianual: anos 2007, 2009 e 2011); as I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste organizadas en novembro de 2010 e cuxa II edición realizarase este ano 2012 da man dos colegas portugueses da Sociedade Martins Sarmento e  a Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho; os cursos de verán organizados en colaboración co Concello de Xinzo da Limia; as viaxes de arqueoloxía organizadas en colaboración coa Delegación de Alumnos de Historia de Ourense (Inglaterra 2010, Turquía 2011, Alemania 2012); os Roteiros Culturais da Universidade de Vigo da man do Servizo de Deportes e o incansable Willy, etc.

 Estas actividades, xunto con outras reflexións, recomendacións, críticas…, foron diariamente visibilizadas nas múltiples plataformas de comunicación dinámicas do grupo (Facebook, Twitter, Blogger, YouTube, Wikiloc…). Recursos que nos permitirían comprobar o grande interese que esperta a nosa labor na sociedade e a importancia de mudar o noso discurso tan afastado xa das súas demandas. Noutras verbas: “deixando de falar tanto para empezar tamén a escoitar”.

 Neste ano de celebración queremos facer una mención especial a tod@s @s estudantes, egresados, investigadores, profesionais e calquer outra persoa que colaborara con nós neste tempo. Nada sería posible sen a vosa colaboración. Xa que logo o que é a día de hoxe o LAUV, é o resultado dun traballo necesariamente colectivo. 


 En conclusión, que esto merece un festexo non??? En primavera organizaremos algo…jejejeje Xa vos iremos informando. ;)




29 ene 2012

"Uno de los nuestros"

 No Faro de Vigo de hoxe fan referencia ó premio extraordinario concedido pola Universidade de Vigo á tese de doutoramento dun dos nosos: Adolfo Fernández. Parabéns compañeiro, e máis unha vez "finis coronat opus". Agardamos con inquedanza a pulicación. ;)


Podedes consultar a nota de prensa abaixo na nosa sección "Falan de Nós" ou nesta ligazón.


Adolfo Fernández, "o premiado".

23 dic 2011

Fin da temporada invernal en Armea

 Hoxe rematamos o traballo programado para a campaña invernal no Monte do Señoriño en Armea na que pretendíamos consolidar os muros destapados no verán e protexer as estructuras da colonización vexetal. Este é o aspecto que terá o xacemento até o noso regreso no verán de 2012:



 Se ben o noso obxectivo non era restaurar as estructuras descubertas, xa que a complexidade do conxunto non permite polo momento unha lectura definitiva, a simple actuación de consolidación dos muros e o recheo dos buracos da rocha, para facilitar a drenaxe das augas, xa fai moito máis comprensible o xacemento. Botádelle un ollo:

Resultado da consolidación e recheo do Socalco Inferior
Resultado da consolidación e recheo do Socalco Intermedio
 Por outra banda na escavación do sector que une os socalcos inferior e intermedio non achamos ningunha mostra clara de acceso, pero si diferentes fragmentos de cerámica en contexto que sirven para datar o nivel de uso do lugar. O traballo de laboratorio de seguro confirmará que seguimos arredor do cambio de era e século I d.C. Asemade localizamos restos de diferentes muros que garanten a continuidade do xacemento arqueolóxico ó mediodía e permítenos albiscar a posible construcción realizada sobre a estructura rupestre. Con todo só novas campañas de escavación permitirán respostar as cuestións de uso e funcionalidade.

Resultado da escavación da testemuña entre os Soc. Inferior e Intermedio

 P.D. Os resultados da restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, o levantamento topográfico do outeiro, o SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... están en camiño. ;)

19 dic 2011

Sexta xornada invernal en Armea: ...e chegou o xeo

A xeada dános a benvida ó xacemento o luns 19 de decemebro

 Tod@s @s que vos adicades a isto sabedes da complicación de escavar no inverno. Ás dificultades derivadas da chuvia, das que vimos sobrados exemplos a semana pasada, súmanse as mañás frías con termómetros próximos ó 0ºC. Malia todo, e como a xeada é o mellor indicador dun día soleado, hoxe si puidemos traballar... e moi ben por certo jejejeje... Así pois estamos a rematar de consolidar os muros descubertos na campaña estival e pronto empezameramos coa limpeza de mofos e demais "invasores" para darlle un bo lavado de cara á estrutura rupestre. 

 Por outra banda, e como podedes observar nas fotografías adxuntas, na escavación da testemuña separadora entre os socalcos intermedio e inferior localizamos, xunto con abundantes fragmentos de cerámica, dous novos muros (ou o que queda deles) que complican aínda máis unha lectura vertical da estrutura. Cada nova dentada de terra formula novas preguntas en vez de responder a todas as que xa temos. :S

Restos do muro que semella conectar os Soc. Inf. e Intermedio
Restos dun pequeno muro paralelo ó banco central

17 dic 2011

Quinta xornada invernal en Armea: chegou o nadal!!!

  Se o martes foi un día gris e o mércores un día de cores en Armea, o venres chegou o verdadeiro inverno!!! Poucas novidades máis aló das rachas de aire, chuvia, frío... brbrbrbrbrb... alomenos aproveitamos para felicitavos as festas. ;)

Cuarta xornada en Armea: as visitas

A brigada de canteiros do Concello de Allariz dános unha auténtica lección
 Sempre dixemos que as visitas deben ser un elemento esencial en calquer escavación arqueolóxica. Non falamos aquí das visitas nas que procuramos visibilizar o noso traballo e inducir na sociedade un desexo de protección do patrimonio, senón desas outras visitas de compañeir@s de profesión que poñen en dúbida o noso discurso. Destas tivemos moitas no verán e de todas aprendimos algo (Marco García e Antonio Colmenero da USC, Francisco Fariña do Museo Arqueolóxico de Ourense... e un grande número de arqueólogos aos que queremos agradecer a súa axuda desinteresada), pero ás veces esquecemos a necesidade de inserir nestas visitas a outros profesionais que aporten un pouco de aire fresco lonxe da teoría dos nosos libros. Nós tivemos o xoves 15 de decembro unha destas visitas, a da brigada de canteiros do Concello de Allariz que ficaron atordados co esforzo necesario para facer estas estruturas rupestres e deixáronnos algunhas reflexións interesantes que teremos que meditar. 

Cuarta xornada en Armea: o paseo

Adolfo e Manuel "de paseo" arqueolóxico
  Como non todo vai ser traballar... o xoves 15 de decembro aproveitamos o último en sistemas de información xeográfica (o coñecemento do lugar de Manuel Losada, "o catedrático de Armea") para dar un paseo e deleitarnos cos segredos do conxunto arqueolóxico no que se enmarca o Monte do Señoriño. Xulgade vós:

Rúa recuperada polos colegas Celso e David que pode dar unha idea da monumentalidade do castro
Estruturas escavadas por F. Conde-Valvís nos anos 50 recuperadas por Celso e David
Posible lagar descuberto por Manuel Losada
Detalle do posible lagar
 

15 dic 2011

Terceira xornada en Armea: o arco da vella

O arco da vella dende o Monte do Señoriño

 Se onte foi un día gris hoxe de cores...o noso traballo xa comeza a dar algúns resultados!! Rematado o "encintado" do muro do socalco inferior saltamos ó intermedio. Asemade na retirada do testigo, previo "traballo fino" de retirada de tocón, comezamos a albiscar novos muros que se ben atópanse moi arrasados seguen a aumentar as fichas do complexo puzzle estrutural do conxunto rupestre.

Manuel e Edu rematando co "encintado" do soc. inferior
"Madriña!!!! ...que choio cos tocóns que temos aquí"
Pouco a pouco a testemuña esmorece e xurden as estruturas

13 dic 2011

Segunda xornada invernal en Armea

 Hoxe foi un día gris en Armea, un día clásico de inverno no interior. Se ben seguimos co "encintado" dos muros e retirando as primeiras camadas de terra da testemuña entre socalcos, a chuvia condicionou moito o noso traballo. Se cadra a mellor imaxe que recollimos nesta xornada foi a que vos axuntamos abaixo.

Vista do conxunto arqueolóxico de Armea dende Taboadela

12 dic 2011

Tornamos a Armea

 Hoxe tornamos ó conxunto rupestre do Monte do Señoriño en Armea para iniciar unha pequena campaña de 15 días, financiada en exclusiva polo Concello de Allariz, na que pretendemos consolidar os muros destapados no verán e protexer o xacemento da colonización vexetal.  
 Namentres agardamos por futuras intervencións de restauro máis profundas, só unha vez definidas tódalas estruturas visibles, o obxectivo perseguido neste mes de decembro é que as "inclemencias meteorolóxicas" do inverno non deterioren as poucas evidencias construtivas non rupestres que temos. Asemade aproveitaremos para escavar o sector que une os socalcos inferior e intermedio. Acharemos un novo acceso? ...se cadra, pero como non todo é escavar aproveitamos o tempo restante para implementar algúns métodos de rexistro e documentación de todo o xacemento: restitución fotogramétrica e modelado 3D de todos os socalcos, levantamento topográfico do outeiro, xeración dun SIX de poboamento prerromano e galaico-romano da contorna... Todo con programas "free" e gracias o "free-voluntarismo" do equipo, porque nós seguimos "apretando o cinto..." glups!!!!!!  ;)

"Coas mans na masa"
Morteiro de cal con tintura do lugar usado na consolidación dos muros

Vista da testemuña entre socalcos obxecto de escavación arqueolóxica

Tirando fotografías para o seu posterior modelado virtual