22 abr 2011

Situando Armea no espacio...cartográfico

Xavier Riádigos no proceso de triangulación dende V.G. 22603 - Boa (Taboadela)
 Como ben sabedes @s arqueólog@s temos que facer fronte ás veces a unha gama de actividades para as que non temos competencias. Dende coñecementos de urbanismo  para os PXOM ata redacción de proxectos para a administración, pasando polo uso de estacións totais, software de deseño gráfico, SIX... Unha situación -denunciada de xeito recorrente polo GEAAT- derivada da carencia dunha titulación específica en arqueoloxía que condena ós profesionais presentes e futuros á autonomía formativa.
 Con todo, namentres non chega o momento que as universidades españolas adapten os curricula á realidade laboral, sempre podedes tirar de contactos e a cambio dun bo xantar vos axuden a establecer a planimetría dun xacemento. 
 Sirva entón este post para agradecer a axuda de tod@s es@s amig@s que colaboran desinteresadamente nos nosos proxectos. ;)

14 abr 2011

A actividade arqueolóxica torna a Armea

 Onte pola tarde o conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e natural de Armea pasaba a ser por unhas horas o laboratorio de prácticas dun grupo de alumn@s da licenciatura de Historia da Universidade de Vigo. Na súa compaña percorrimos a contorna do castro empregando a microtoponimia como única guía do xacemento, tentamos localizar nos valados elementos arqueolóxicos reutilizados e fixemos algún exercicio de prospección con GPS. Con todo, albiscamos que a maior lección foi a que puideron recuperar das verbas dos veciños, auténtica Arqueoloxía da Memoria.

Prospección arqueolóxica con Xeo-Rádar na área dos túmulos III-IV da necrópole das Xunqueiras/Pedreiras no CUVI (Campus das Lagoas Marcosende da Universidade de Vigo)

 A nosa compañeira Beatriz Comendador Rey, seguindo a filosofía xa establecida noutros traballos  como o Proxecto Urdiñeira e acorde coa estratexia de visibilización e divulgación da labor investigadora que defendemos dende o GEAAT, vén de crear un perfil denominado Arqueo-CUVI no Facebook para informar do desenvolvemento dos traballos realizados nos xacementos arqueolóxicos que se atopan na contorna do Campus Universitario de Vigo, entre os que destacan a necrópole tumular e o xacemento de Monte das Cabanas. Xacementos que son obxecto dun  proxecto integral para o seu estudio e posta en valor promovido pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.

Os túmulos III e IV da necrópole das Xunqueiras-Pedreiras, coa Serra do Galiñeiro ó fondo

 Hoxe mesmo arranca a prospección con Xeo-Rádar na área dos túmulos III-IV da necrópole, un traballo que será realizado pola empresa INGENIERIA INSITU S.L.
 A actuación prevista é a prospección non invasiva con equipo de Xeo-Rádar, sen remoción de terras nin alteración do terreo. O Xeo-Rádar XPR é unha ferramenta relativamente nova de inspección non invasiva do subsolo que se basea na emisión e recepción de impulsos electromagnéticos. Actualmente está mellorando os seus resultados en aplicacións arqueolóxicas grazas ós últimos avances no procesamento en tres dimensións. A súa principal vantaxe fronte a outras técnicas non destrutivas, como a prospección magnética, é a súa maior capacidade de resolución das posibles estruturas ou restos enterrados. 
 O traballo dirixido por Beatriz Comendador consistirá na inspección do subsolo mediante o XPR e o equipo de antena receptora. O XPR detectará os cambios nas propiedades electromagnéticas dos medios atravesados, producindo que parte da enerxía sexa reflectida. A antena receptora disposta na superficie detectará estas sinais xerando una serie de rexistros, permitindo obter una imaxe da historia das reflexións baixo a liña de desprazamento da antena.
 O obxectivo principal é valorar a potencialidade arqueolóxica da zona co obxectivo de deseñar unha futura intervención arqueolóxica, tanto da zona dos túmulos, como do espazo contiguo. Procurando obter información tanto sobre a presenza de estruturas (estrutura intratumuluar, aneis, coirazas…) como de posible estruturas negativas.


 Agardamos con inquedanza os resultados, namentres podedes facervos unha idea  do seu potencial con este vídeo dun traballo semellante neste caso aplicado á cidade romana de Empúries. ;)




+ vídeos na nosa canle de Youtube: http://www.youtube.com/user/LAUVGEAA

4 abr 2011

Bosquexo do xacemento rupestre do Monte do Señoriño de Armea

 

 Unha pequena mostra do que albiscamos a día de hoxe, con anterioridade á intervención, no Monte do Señoriño. En pouco compartiremos máis detalles do proxecto. ;)