20 may 2011

O MUSEO Arqueolóxico de Ourense na nosa MEMORIA

 O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense pese a vivir unha situación máis propia dunha película de Buñuel, despois de case unha década fora da súa sede, segue a programar actividades de formación e difusión de cara á cidadanía. Xa en varias entradas pasadas comentábamos a aposta renovadora dos obradoiros de verán para rapaces. Unha actividade promovida pola nosa compañeira Begoña Garrido que descansa na vangarda da arqueoloxía galega, completando a triada funcional clásica da xestión, investigación e difusión coa esquecida didáctica. Mágoa que en tempos de crise o primeiro sitio onde meter a tesoira sexa no eido cultural, agás nos consabidos proxectos megalómanos, índa que ese xa é outro tema... :+
 O pasado mércores 18 de maio foi o Día Internacional do Museo. O tema escollido este ano era Museo e Memoria e para celebralo o Arqueolóxico de Ourense organizou dúas actividades paralelas que podedes albiscar nos vídeos axuntos: unha na Sala de San Francisco e outra no Laboratorio de Restauración do centro, sito en Santa María de Europa. Nós tivemos a oportunidade de asistir á segunda, unha acción guiada dun xeito loable polo Conservador-Restaurador Lois Méndez amosándonos o seu quefacer. Con todo, ámbalas dúas actividades contaron cun notable éxito de participación amosando que o MUSEO índa segue vivo na MEMORIA cidadá malia o seu esquecemento noutras esferas. ;)



No hay comentarios: