11 abr 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA
3ª parte

 No anterior post comentábamos a potencialidade detectada no concello de Xinzo para un eventual programa de intervención arqueolóxica e posta en valor que procuraremos iniciar nos próximos meses. Asemade afirmábamos que o mellor xeito de implementar este proceso sería mediante a elaboración previa dun Informe de Valoración Patrimonial (IVP) individualizado para cada xacemento. Pero para que redactar este IVP?


 O obxectivo último da redacción deste IVP será o de plasmar obxectivamente, nun documento o máis sintético posible, os elementos máis reseñables de cada xacemento arqueolóxico analizado, de modo que sirva de guía para ordear futuras accións a executar sobre os mesmos (protección, escavación, musealización e difusión…), avaliando primeiramente cada lugar por separado para despois extraer conclusións comparativas de todo o conxunto patrimonial.

Que avaliamos neste IVP?


 A tódolos bens patrimoniais, incluso aos arqueolóxicos non escavados como é o caso da maioría dos citados, se lle recoñecen unha serie de valores ou cualidades positivas. Claro está que o preferente para un equipo de investigación como o do LAUV-GEAAT sería o valor informativo ou científico asociado a cada un destos lugares. Este valor radica na cantidade/calidade de información que de cada lugar podamos extraer para coñecer o pasado, xa que a historia, como é sabido, construese a partires dos seus vestixios. Con todo, este non é o único valor recoñecido pola sociedade, a maioría das veces nin sequera o consideran o máis importante, motivo polo que elaborar unha guía de intervención destes xacementos soamente en base a criterios informativos significaría deixar ó marxe precisamente ó grupo a quen debería ir dirixido: a comunidade, tanto local como visitante.

 É por todo o anterior que é necesario avaliar tamén outras características dos xacementos arqueolóxicos máis activas no imaxinario colectivo, como son os seus valores formais ou estéticos, atendendo ó estímulo que emana de cada sitio e a súa contorna (autenticidade, conservación, paisaxe…). Estos serán esenciais tamén para conseguir detectar qué xacementos poderían actuar mellor como referente arqueolóxico dos feitos que serven como fío condutor da Festa do Esquecemento, razón pola que será necesario ponderar ademáis os elementos asociativos ou simbólicos de cada lugar, tales como as lendas ligadas ó ben cultural, o uso que ten na actualidade, o contorno evocador, a integridade do lugar, etc.

 Por último, e sendo conscientes das dificultades da entidade peticionaria (o concello de Xinzo) nun contexto de crise financeira, falta de liquidez e limitación do crédito, outro factor esencial a valorar será o puramente económico, esto é, as posibilidades de converter un determinado xacemento nun recurso cultural activo, xenerador de riqueza e calidade de vida −o tan manido “estado do benestar”− para os xinzenses en particular e para a sociedade en xeral. Ese valor médese analizando factores tales como o grao de conservación, o tipo de propiedade no que se atopa (pública ou privada), a accesibilidade, etc., medíndose asemade o saldo entre o custo da intervención que se pretende executar en relación coa rendabilidade socioeconómica e cultural que se espera obter do mesmo.

¿Cómo elaboramos o IVP? 


A metodoloxía de traballo seguirá, a grandes trazos, o seguinte esquema:

A) Fixación da escala de análise nos xacementos tipo castro, romanos ou tardorromanos do Concello de Xinzo de Limia ou Concello e contorna. Asemade será necesario determinar os valores sociais recoñecidos a priori para cada un deles.

B) A partir da decisión previa tomada elaborarase unha primeira achega ós bens tentando alcanzar un coñecemento profundo dos mesmos. Este apartado desenvolverase en dúas fases, combinando traballo de gabinete e traballo de campo.


   B.1) Labor de pescuda. Consistente na investigación e recompilación de toda a documentación (bibliográfica, fotográfica, xeoespacial…) existente de cada ben. 





    B.2) Creación dunha base de datos xeorreferenciada que cumplirá as funcións dun SIX no resto do proxecto.

C) Determinación dos criterios de análise (histórico, simbólico, estético e económico).

D) Elaboración dunha ficha/enquisa modelo onde estén presentes tódolos criterios de análise histórico, estético, simbólico e económico arriba presentados. Esta permitirá a elaboración dun informe individual para cada xacemento así como cuantificar nun baremo promediado a súa relevancia.

E) Avaliación comparativa de todos as fichas individuais de valoración.

F) Redacción do IVP final e presentación.








4 abr 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA
2ª parte

POTENCIONALIDADE
 A Comarca da Limia, polas súas características ambientais e por ser unha auténtica encrucillada viaria, foi unha das zonas máis intensamente explotadas e habitadas dende os albores da presenza humana na zona, destacando sobre todo pola súa importancia os restos vinculados á Idade do Ferro e á época galaico-romana.
 A pesares desta riqueza arqueolóxica, non se realizaron aínda investigacións sistemáticas do seu rico patrimonio, se exceptuamos as catalogacións do patrimonio realizadas para o PXOM e as intervencións de salvamento ou urxencia realizadas no núcleo urbano de Xinzo que xeraron un aceptable, aínda que insuficiente, coñecemento sobre a realidade do Xinzo de época romana en adiante. Máis aló desta illa urbana, mínimamente intervida e investigada, esténdese un océano rural practicamente ignoto se obviamos a escavación feita nos anos 70 no Castro de San Nicolao de Novás por Covadonga Carreño (GA32032006) que en ningún momento tivo pretensións de valorización patrimonial.

Detalle dunha construcción circular do Castro de Novás (Foto: PXOM)


 Non obstante, na actualidade contamos cun instrumento que está resultando imprescindible para o coñecemento superficial deste pasado e a potencialidade dos xacementos localizados non só no límite do Concello senón tamén fóra do núcleo urbano: trátase do catálogo de lugares recollidos no Inventario Cultural do Planeamento Xeral de Ordenación Municipal do 12/05/2003 realizado por D. Roberto Yebra e Dna. Adriángela Menéndez. 
 Recentemente, o Grupo Marcelo Macías acometeu tamén unha nova catalogación do Patrimonio Cultural da Alta Limia, un proxecto subvencionado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza cuxos resultados aínda hoxe non se atopan dispoñibles. 

 En base ao documento recollido no PXOM, identificamos ata 16 posibles xacementos rurais romanos en chaira que poderían tratarse de unidades produtivas (tipo villa) de época romana e tardorromana. Entre estes cómpre destacar, polos restos en superficie ou pola extensión que parecen acadar, o do Mosterio de Faramontaos −muíño circular−, o de A Pedreira, As Anduriñas e o dos Pardieiros −muros en superficie− (todos eles en S. Miguel de Gudín); A cortiña Nova (en S. Salvador de Damil) −moi extenso e con abundante material en superficie−, o de Padrón ou A Cheda −de considerables dimensións− entre as aldeas de Ganade e San Vitoiro, alomenos dúas posibles villae en San Pedro de Laroá (Paredes e Gundís) e o xacemento coñecido como A Touza ou A Viña sito en fronte ao IES e moi próximo ao núcleo urbano de Xinzo.
 Xunto a estes, contamos con alomenos 9 establecementos habitacionais en alto e delimitados con defensas, coñecidos tradicionalmente coma castros, entre os que destacamos o de Novás (como xa dixemos parcialmente escavado), o pequeno pero tremendamente monumental do Outeiro de Almeide, en Sta. Marta de Laroá, onde apareceu un fragmento de escultura dun guerreiro, ou o da Cibdá de Morgade, parcialmente destruído a finais dos anos 90.
 Amais, moitos destes lugares están estreitamente vinculados con outros sitios ou áreas próximas, polo que sería imprescindible realizar un tratamento conxunto de varios xacementos se queremos obter un maior e mellor coñecemento do tecido construído pola historia do propio territorio límico e, por suposto, polas xentes que o habitaron.
 Exemplo desta simbiose e sinerxia entre varios xacementos arqueolóxicos son, por exemplo, o castro e o asentamento en chan de Seoane de Oleiros, que coinciden na mesma poboación; os xacementos en chan de Damil (A Cortiña Nova) e Os Freixos, que comparten protagonismo no entorno co Castro da Cerquiña ou tamén en Gudín, onde están catalogados os xacementos en chan de As Anduriñas, A Pedreira e os Pardieiros (aparición de muros en superfície), asi como uns sepulcros antropomorfos localizados no Alto do Seixo.

Principais agrupacións de xacementos castrexos e galaico-romanos


 Non podemos esquecer outros importantes xacementos de adscripción cultural anterior ou posterior no tempo ao período tardorromano, romano e da Idade do Ferro -nomeados anteriormente e que conforman o grupo máis importante en número- como serían os sitios medievais e os adscribibles ao Neolítico ou Idade do Bronce (necrópoles megalíticas, petroglifos). Entre estes, sen lugar a dúbidas, destaca a impoñente Torre de Pena, inmoble en bo estado de conservación que merecería ser obxecto por si mesmo dun proxecto de posta en valor.

 En vista de todo o argumentado, a potencialidade que presentan moitos destos lugares para un eventual programa de intervención e posta en valor amósase como incuestionable. Agora ben, esta intervención deberá ir necesariamente acompañada previamente dun estudio moito máis profundo que o recollido nas fichas do PXOM, que nos permita achegarnos a realidade de cada un dos xacementos. Este estudio debe ser feito en forma de Informe de Valoración Patrimonial −en adiante IVP−. Para qué redactar un IVP?? ...na próxima entrada. ;)

Vista desde o norte da torre de A Pena