28 mar 2012

Imos de viaxe?

Colamos a continuación o programa da Viaxe de Prácticas das materias de Arqueoloxía para este ano 2012. Será durante catro días de maio (do 10 ó 13) e imos... a Portugal, Andalucía e Extremadura! Quen dixo medo? ;)

Hai ata 50 prazas dispoñibles e poderán acudir tódol@s alumn@s de Historia e outras titulacións afíns, doutorandos, licenciados, investigadores, etc. que así o desexen. Soamente no caso de que se sobrepasen as prazas dispoñibles -cousa pouco probable- entón obviamente terían preferencia @s alumno@s oficialmente matriculados nas materias implicadas, devolvéndolle o diñeiro pagado ós que ficasen fora da viaxe por este motivo. 

@s interesad@s terán que inscribirse e efectuar o pagamento oportuno ata o xoves 29 de marzo A cuota, condicións da viaxe e sistema de pagamento están indicados no propio programa da viaxe:



22 mar 2012

VALORANDO E REVALORIZANDO
o patrimonio arqueolóxico de
XINZO DE LIMIA


Nos últimos días diferentes medios de comunicación, que podedes consultar na hemeroteca sita neste blogue (abaixo á dereita na sección Falan de nós!!!), veñen facéndose eco do novo proxecto de I+D no que nos embarcamos dende o LAUV-GEAAT. @s máis atent@s e seguidores do noso facebook e twitter de seguro que estades ó tanto dos obxectivos, medios, etc. pero para @s que non iniciamos con esta entrada unha serie de posts na que vos presentaremos o proxecto, agora da nosa man. ;)


O PORQUÉ 

Nos últimos anos Xinzo revalorizou unha parte do seu pasado 
prerromano e romano a partires dunha festa histórica, A Festa do Esquecemento, onde se recrea a chegada ata a marxe esquerda do “flumen oblivionis” ou río Limia-Lethes das lexións romanas comandadas por Décimo Xunio Bruto. Esta festa -celebrada no penúltimo fin de semana de agosto- foi gañando en importancia dentro do calendario festivo do Concello ata erixirse coma unha das festas históricas de referencia en Galicia. Sen embargo, esta potenciación  lúdica non foi á par da potenciación e coñecemento rigoroso do patrimonio arqueolóxico desta e doutras épocas que se pode atopar nos límites do Concello de Xinzo, o que xerou unha falla de referente arqueolóxico directo dos feitos que serven como fío condutor da festa.




 Este baleiro non é froito da inexistencia de xacementos que podan servir de fundamento e complemento da historia lendaria do concello -e por extensión da zona da Lagoa de Antela- senón máis ben pola falla de investigacións e estudos sobre os numerosos sitios arqueolóxicos dispersos por esta zona da Limia. É por esta razón pola que cremos que Xinzo de Limia precisa dun Proxecto de I+D que complemente esta oferta cultural e lúdica coa recuperación dunha parte do seu rico patrimonio arqueolóxico para contextualizar o seu pasado histórico dobremente argumentado: nas fontes clásicas e, por suposto, nos xacementos e restos mobles achados fortuitamente ou nas escavacións de urxencia levadas a cabo no Concello.



 É
 neste proxecto de investigación tan perentorio no que cobra sentido a presenza da Universidade de Vigo xa que, como é sabido, dende as últimas décadas ata a actualidade, a relación entre o Concello de Xinzo e a UVigo está sendo moi intensa, en especial coa área de arqueoloxía e con Fermín Pérez Losada, director do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, actualmente inserido no Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. É Fermín Pérez Losada quen comanda dende os inicios os afamados e concorridos simposios de arqueoloxía e historia que se organizan en Xinzo baixo o formato de cursos de extensión universitaria avaliados pola UVigo. Esta frutífera relación é o perfecto xerme para que dende o LAUV-GEAAT se acometa un proxecto de investigación e recuperación dun xacemento arqueolóxico do concello con suficiente entidade para que represente e visibilice o rico pasado da comarca.




 Amáis disto, xa existe un precedente de proxecto de I+D en materia de patrimonio arqueolóxico desenvolvido entre o LAUV-GEAAT e o Concello de Xinzo: trátase do proxecto ArqueoGenitio, executado en 2006 baixo o patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Ourense (convocatoria INOU 2005). Este proxecto consistíu na implementación dun sistema de información arqueolóxica, deseñado específicamente para Xinzo, que servise como ferramenta para a investigación, xestión e posta en valor do seu rico e emerxente patrimonio arqueolóxico urbano. A información resultado do proxecto ficou aloxada nunha páxina web de consulta pública e aberta que aínda reside, desgraciadamente sen actualizar desde 2007, nos servidores informáticos da universidade.


Esta simbiose entre o ámbito académico e administrativo local será sen dúbida a mellor garantía para asegurar non só a descuberta dunha parte significativa deste pasado, senón tamén a súa investigación e por suposto difusión social, xa que partimos da premisa de que sen unha adecuada transmisión do descuberto é imposible recuperar este excepcional patrimonio.




NOTA: Na próxima entrada profundizaremos na potencialidade de recuperar un conxunto patrimonial e  a necesidade de elaborar un informe de valoración previo.