30 may 2011

A UVigo.tv gravará as palestras do curso de verán "Castros do interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao"

  De novo, gracias a colaboración da Vicerreitoría de Innovación e calidade/ Servizos Informáticos de Investigación, a UVigo.tv gravará as palestras presentadas no curso de verán "Castros de Interior: a Idade do Ferro do NO Peninsular a través do exemplo limiao".


 Deste modo tod@s @s que non podades asistir ó curso teredes a posibilidade de descarga e visionado das  palestras presentadas en Xinzo da Limia entre o 13 e o 16 de xuño de 2011. Unha iniciativa cun grande callado como amosan os números de visionado doutras actividades semellantes:
  • I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste: Arqueoloxía e Territorio _
    + de 3000 visualizacións. (
    PLAY
  • I Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica: rexistro e análise de xacementos e materiais _
    + de 2000 visualizacións. (
    PLAY)
  • II Encontro de Estudios sobre Cerámica Antiga do NOroeste Peninsular _
    + de 1000 visualizacións. (PLAY)

25 may 2011

"Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao"

 ...a Vicerreitoría do Campus de Ourense vén de colar na súa web a lista de cursos ofertados para este verán de 2011 (descarga aquí). Neste tríptico atoparedes os datos de inscrición para un curso organizado por nós baixo o título "Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao". Un encontro, a celebrar en Xinzo de Limia (Ourense) do 13 ó 16 de xuño, que permitirá paliar en parte o déficit de coñecemento vencellado á Cultura Castrexa lonxe do litoral.


Castro de A Saceda (Cualedro, Ourense) -Fot. Mani Moretón-


 Mediante o desenvolvemento e exposición dunha temática de especial interese nos nosos tempos, como é o da cultura castrexa, exemplificada a través dos estudios realizados na comarca da Limia e zonas próximas de Ourense, norte de Portugal, Zamora e Asturias; tentaremos ofrecer ós universitarios, docentes e público en xeral un marco de encontro e formación no que poidan profundizar sobre o coñecemento histórico, especialmente aquel que amosa as súas propias raíces locais.

  En pouco publicaremos neste blogue tódala información. Seguide atent@s!!



20 may 2011

O MUSEO Arqueolóxico de Ourense na nosa MEMORIA

 O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense pese a vivir unha situación máis propia dunha película de Buñuel, despois de case unha década fora da súa sede, segue a programar actividades de formación e difusión de cara á cidadanía. Xa en varias entradas pasadas comentábamos a aposta renovadora dos obradoiros de verán para rapaces. Unha actividade promovida pola nosa compañeira Begoña Garrido que descansa na vangarda da arqueoloxía galega, completando a triada funcional clásica da xestión, investigación e difusión coa esquecida didáctica. Mágoa que en tempos de crise o primeiro sitio onde meter a tesoira sexa no eido cultural, agás nos consabidos proxectos megalómanos, índa que ese xa é outro tema... :+
 O pasado mércores 18 de maio foi o Día Internacional do Museo. O tema escollido este ano era Museo e Memoria e para celebralo o Arqueolóxico de Ourense organizou dúas actividades paralelas que podedes albiscar nos vídeos axuntos: unha na Sala de San Francisco e outra no Laboratorio de Restauración do centro, sito en Santa María de Europa. Nós tivemos a oportunidade de asistir á segunda, unha acción guiada dun xeito loable polo Conservador-Restaurador Lois Méndez amosándonos o seu quefacer. Con todo, ámbalas dúas actividades contaron cun notable éxito de participación amosando que o MUSEO índa segue vivo na MEMORIA cidadá malia o seu esquecemento noutras esferas. ;)



18 may 2011

JIA 2011 Faro (Portugal)

 Fructuosa foi a nosa visita as IV Jornadas de Jovens em Investigaçâo Arqueológica de Faro. Non tanto polas sesións temáticas ás que gostamos de asistir, senón pola posibilidade de entrar en contacto con outros investigadores coas mesmas motivacións e intereses que nós. Con eles, ó igual que con vós, compartimos o noso póster que participaba na sesión: Tecnoloxías dixitais e metodoloxías computacionais no proceso de investigación arqueolóxica
 Especialmente productiva foi a Mesa Redonda coordinada por Estrat Jove, Jaime Almansa, o NAP e ORJIA baixo o estimulante título: ¿Arqueología para qué, Arqueología para quién? onde ideoloxía, economía, identidade, vocación, etc. encheron horas de debate no que xurdiron interesantes iniciativas como a necesidade de mudar o actual modelo de empresa en prol dun modelo máis asociacionista. Estaremos moi atent@s a esta iniciativa. Podedes descargar  -namentres non se publican as actas- os resumos nesta ligazón
 O próximo ano máis e mellor na nosa terra. Xa resta menos para o JIA 2012 Compostela.

9 may 2011

Ampliado prazo de inscrición para participar no 2º Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba (Lugo)

  O vindeiro verán a vila lucense de Vilalba servirá de punto de encontro para "catar" a actualidade arqueolóxica do Norte da Península Ibérica. A capital da Terra Chá acollerá os días 20,21,22 e 23 de xullo o seu 2º Congreso Internacional de Arqueoloxía no que tamén nós participaremos cunha proposta de análise territorial sobre o proceso de sinecismo da Idade do Ferro. 


 Xa podedes consultar algúns dos resumos confirmados. O prazo de inscrición para participantes remata o 16 de maio
Animádevos a participar ;)




3 may 2011

«Finis coronat opus»

 O xornal Faro de Vigo vén de publicar unha pequena reseña da tese de doutoramento do noso compañeiro Adolfo Fernández. Pese a ser unha nova mostra da diverxencia da conceptualización entre investigación e xornalismo, reducindo unha excelente labor de anos baixo o titular booleano de "¿Fue Vigo un puerto de esclavos?", o empregamos de  pretexto para publicitar a súa pronta defensa e agardamos tamén que publicación. Parabéns Adolfo, <<finis coronat opus>>.

A. Fernández no I Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica

 Título da tese El comercio tardoantiguo (ss. IV-VII) en el Noroeste peninsular a través del registro arqueológico de la ría de Vigo.
 Autor/a  Adolfo Fernández Fernández
 Directores/aa Fermín E. Pérez Losada
 Departamento Historia, Arte e Xeografía
 Data de depósito   18 de abril de 2011