28 dic 2010

Nova publicación: “As relacións externas da Gallaecia durante os séculos IV ó VII d.C. a traveso do material importado localizado en Vigo (Galiza)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que se analiza diacrónicamente as relacións comerciais do Noroeste dende o século IV ata o século VII a través do rexistro arqueolóxico.



 Fernández Fernández, A. (2011): “As relacións externas da Gallaecia durante os séculos IV ó VII d.C. a traveso do material importado localizado en Vigo (Galiza)”, en Pérez Losada, F. (Ed.) Hidacio da Limia e o seu tempo: a Gallaecia sueva/ A Limia na época medieval, Excmo. Concello de Xinzo de Limia (Biblioteca Arqueohistórica Limiá, Serie Cursos e Congresos nº5), Xinzo de Limia, 2011, ISBN 978-84-921946-9-8.

23 dic 2010

Mirámonos no 2011. Boas Festas!!!





 Sempre que remata un ano tendemos a facer memoria do que fixemos no pasado. A avaliar os 365 días como se algo fose mudar co cambio no calendario cara o mes de xaneiro. Facemos novas-vellas promesas como aprender un novo idioma ou ir ó ximnasio polas mañás. Ser mellores persoas, mellores amig@s, familiares, profesionais... 

 Pois ben, remata o 2010, un ano de crise, tesoiradas, wikileaks, perda de dereitos sociais, etc.; e no LAUV facemos a nosa particular avaliación do ano, neste caso de xeito gráfico para compartila con todos vós. Sirvan tamén estas imaxes para agradecer a colaboración e o interese de tod@s @s que colaborastes ou participastes en calquer actividade promovida polo LAUV creando entre tod@s un espazo común de traballo e aprendizaxe único. Moitas gracias de novo. 

 Agardamos que o vindeiro 2011, que enxergamos cheo de mudanzas como xa coñeceredes no seu día, sexa alomenos a metade de produtivo que o presente. Na nosa axenda fican algunhas datas chave como a viaxe de estudios arqueolóxicos a Turquía aló polo mes de marzo, a celebración da xa IIIª edición do Encontro de Estudios  sobre Cerámica Antiga do NOroeste Peninsular cara fin de ano, o curso de verán de Metodoloxía Arqueolóxica... e agardamos que moitas cousas máis. 

 Moita saúde e mirámonos no 2011!!

16 dic 2010

Nova publicación: “Rías Baixas and Vigo (Vicus Eleni)”

  Na web oficial do LAUV, no apartado de publicacións, xa podedes descargar un novo artigo promovido polo grupo. Un traballo no que  a través do estudio da cerámica fina e das ánforas se presenta a importancia de Vigo, en particular, e as Rías Baixas, en xeral, como punto de referencia comercial na fachada atlántica dende época romana.


   Fernández Fernández, A. (2010): “Rias Baixas and Vigo (Vicus Eleni)”, en  Morais, R. & Carreras, C. (eds) The Western Roman Atlantic Façade: A study of the economy and trade in the Mar Exterior from the Republic to the Principate. ISBN 978 14073 0706 0, England, pp. 229-237.

13 dic 2010

Máis cabezas que medios.

 "En principio la investigación necesita más cabezas que medios".
Severo Ochoa

 Nun tempo de crise, coa privatización de servizos e a involución no sistema universitario inglés; nun tempo de nula inversión en I+D+i da nosa administración, co "colectivo" investigador galego a piques de esmorecer;  nun tempo onde a necesidade manda no mercado laboral, mudando a vocación por resultado; o axioma de Ochoa parece perder sentido. 
Cristina Fernández, Marta Lorén, Abraham Herrero e Aarón Lakinger. Parabéns ;)
 O pasado día 10 de decembro na fermosa cidade portuguesa de Braga parte da equipa xurdida ó abeiro do exemplar Proxecto Urdiñeira, do que xa temos falado neste blogue, presentaban dentro do 1º Congresso Internacional: Povoamento e Exploraçâo de Recursos Mineiros na Europa Atlântica Ocidental a súa comunicación: Unha aproximación etnoarqueolóxica ao traballo do estaño no val do rio Ribeira e a zona do Tameirón (A Gudiña, Ourense, NW Peninsular). Unha palestra, da que agardamos con inquedanza a súa publicación, que se sumaba ó rico debate sobre a producción metalúrxica do bronce no NO entre grandes especialistas xa consolidados de diferentes nacionalidades. Se cadra, na actualidade, o que fai falta son máis medios, ¿non?...  

9 dic 2010

Investigando aos investigadores

 O colega Xosé Gago, colaborador da atractiva serie sobre viaxes, cultura, arqueoloxía e patrimonio De Lorean de Bois no Galicia Hoxe,  vén de publicar unha reseña titulada Investigando aos investigadores que podedes consultar tamén no seu blogue. Nesta entrada fai unha interesante síntese do acontecido nas I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste celebradas na Facultade de Historia de Ourense os pasados días 18 e 19 de novembro.



 Sen entrar a avaliar os frutuosos debates derivados dos relatorios entre "modelos estáticos" e "dinámicos" que presenta e que a publicación das actas xunto cos vídeos das mesas redondas permitirá analizar con  máis calma, varios son para nós -a organización- os puntos chave resultantes dunha primeira lectura desta  mordaz e persoal visión do encontro e que vos resumimos a continuación:

_ a "faciana social" que segundo o autor agáchase neste tipo de eventos, corporativista e pechada. Un "mundiño hiperespecializado" afastado doutras realidades.

  (...)Calquera evento deste tipo, ten, por suposto, unha faciana social. Unha vertente socializadora, na que os diversos investigadores, aproveitan para poñerse ao día con antigos compañeiros de clase ou amigos. (...)

  _ a "faciana política intencionada" deste tipo de "cónclaves" onde o interese pola renovación das universidades mestúrase coa necesidade dos novos investigadores de proxectar os seus traballos cara o exterior, máis aló dos artigos en revistas, de novo especializadas.

 (...)Dentro do trazo social hai tamén unha vertente de escaparate. Unha faciana que podemos chamar “política”. Como é lóxico, para un investigador senior, é unha proxección pública importante a “foto” xunto aos novos investigadores. É coma unha foto dun político bicando a un neno. As canas ao carón das espinillas.
 Este tipo de eventos dan unha imaxe dinámica, de interese pola renovación, que sempre é de agradecer nas reladas universidades galegas, malia que non sempre teña que corresponderse coa realidade, pois trátase dunha proxección intencionada. (...)


 _ a importancia dos "individuos" por riba das institucións que organizan estes eventos. No caso da Universidade de Vigo cunha loanza, que compartimos, a nosa compañeira Bea Comendador.

(...)Como acontece sempre, quen marca a diferenza son os individuos, e a Universidade de Vigo ten a sorte de contar con Bea Comendador, unha rapaza que xa conta coa súa praza de profesora e que está chamada a facer grandes cousas dentro da institución. Só queda agardar que o rodo robotizador universitario non lle pase por enriba modelándoa ou provocándolle hastío, tal e como aconteceu noutros casos, mesmo na USC. Porque no fondo, o sistema investigador universitario é iso. Un sistema de popes e discípulos reproducionista. Un sistema de reprografía. Incluso entre os Novos Investigadores, detectamos certo perigoso conformismo. “Éche o que hai”. (...)
 

 En suma, verbas ácidas e críticas coas que cada quen poderá estar máis ou menos  de acordo pero derivadas dos propios obxectivos destas xornadas: dar que falar, comunicar, recibir, transmitir, avaliar, pensar e repensar... Dende o LAUV ficamos moi agradecidos do teu altofalante Xosé. ;)